A Audiencia Provincial desestima a anulación colectiva das preferentes que pedía o TSXG

Carlos Varela, nun acto con Núñez Feijóo © Xunta

A Audiencia Provincial da Coruña desestimou o recurso de apelación da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre a demanda colectiva de afectados por participacións preferentes e obrigacións subordinadas de Novagalicia Banco. Un auto da Sección Terceira da Audiencia confirma integramente a resolución anterior do Xulgado de Primeira Instancia número 11 da Coruña e considera "inescusable a análise de cada caso concreto" dos titulares deste tipo de produtos. “A Sala entende que o Ministerio fiscal só ten lexitimación para a acción de cesación e que non pode cualificarse de colectiva a que se denomina como 'acción de nulidade e resarcimento' pola falta de información ou os vicios do consentimento, existindo dereitos individuais e subxectivos específicos de cada persoa que interveu nos contratos", di o auto

O auto non é recorrible, polo que a Fiscalía só pode seguir pola vía da acción de cesación que lle recoñecen os dous autos e facer as súas reclamacións durante o xuízo no Xulgado de Primeira Instancia número 11 da Coruña, onde volve o caso. Quedan excluídas así a acción de nulidade, que pedía que se declarase nula a venda de preferentes, e a de resarcimento, que reclamaba indemnizacións por danos e prexuízos.

A Fiscalía presentará agora como argumento un antecedente da xurisprudencia europea que establece que en casos de prácticas abusivas, como o das preferentes, o xuíz debe anular de oficio os contratos

A Fiscalía presentará agora como argumento un antecedente da xurisprudencia europea que establece que en casos de prácticas abusivas, como o das preferentes, o xuíz debe anular de oficio os contratos. A Fiscalía galega quere chegar até o final, e se este recurso non é aceptado polo xulgado ten previsto reclamar ante a Audiencia Provincial, o Tribunal Supremo e o Tribunal  Constitucional e agarda que todo este proceso se resolva neste mesmo ano.  En decembro Carlos Varela asegurou no Parlamento galego que "esgotará todos os recursos que lle concede o ordenamento xurídico, sen descartar, se fose o caso, acudir ao Tribunal Constitucional”. A demanda do Ministerio público pretendía evitar a acumulación de demandas individuais nos tribunais galegos.

Carlos Varela, nun acto con Núñez Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.