A banca deberá devolver todos os cartos cobrados de máis polas cláusulas solo

Manifestación contra as cláusulas solo CC-BY Adicae

A xustiza europea vén de dar a rzón aos consumidores na súa batalla polas cláusulas solo. O Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) considera que "o dereito da Unión oponse a unha xurisprudencia estatal en virtude da cal os efectos restitutorios vinculados á nulidade dunha cláusula abusiva limítanse ás cantidades indebidamente pagadas con posterioridade ao pronunciamiento da resolución xudicial mediante a que se declare o carácter abusivo da cláusula". O ditame europeo vai en contra da sentenza do Tribunal Supremo español que limitaba a devolución dos cartos á data da sentenza que consideraba abusiva as cláusulas, o 9 de maio de 2013.

O ditame europeo contra a sentenza do Supremo que limitaba a devolución dos cartos á data da sentenza que consideraba abusiva as cláusulas

A Xustiza Europea considera que a xurisprudencia española que limita no tempo os efectos da declaración de nulidade das cláusulas solo contidas nas hipotecas españolas é "incompatible" co dereito da Unión. Tal limitación dá lugar a unha protección aos consumidores "incompleta e insuficiente", polo que non constitúe un medio adecuado e eficaz para que cese o uso das cláusulas abusivas.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea tiña que decidir sobre a retroactividade das cláusulas solo despois de que o Tribunal Supremo dese a razón aos consumidores por considerar abusivas estas condicións por non estar correctamente explicadas. Con todo, a xustiza española considerara que a banca só debía devolver o diñeiro cobrado de máis desde a data da sentenza do 9 de maio de 2013.

A batalla dos consumidores contra as cláusulas solo da banca percorreu un longo camiño nos tribunais. Despois dunha gran cantidade de xuízos en primeira instancia e audicencias provinciais, en maio de 2013 chegou a sentenza do Supremo que marcou un fito ao considerar que a comercialización pouco transparente destas condicións incluídas nunha gran parte das hipotecas españolas facía que estas fosen nulas. Iso si, a devolución do importe cobrado de máis -estas cláusulas non permitían que os consumidores se beneficiasen da baixada dos tipos de interese-establecíase unicamente desde a data do ditame, non desde o momento da firma do contrato.

A sentenza do tribunal da UE non é recorrible por parte das entidades bancarias e o único que queda agora é determinar o xeito no que irán devolvendo os cartos aos clientes todos eses bancos que incluíron as cláusulas solo. 

Os bancos españois deberán pagar até 7.500 millóns de euros, segundo o Banco de España

As entidades financeiras deberán pagar agora até 7.500 millóns de euros aos afectados, segundo un informe que elaborou o Banco de España e que foi exposto polas partes na vista oral do caso. Non obstante, hai outros cálculos, como o de Goldman Sachs, que limita o custo a uns 4.000 millóns en novas provisións. Bancos como BBVA, Bankia ou Caixabank mesmo cifraran o impacto nas súas empresas, con entre 1.200 e 100 millóns aproximadamente e segundo a marca. Banco Popular xa comunicou que a retroactividae das cláusulas costaralle case 700 millóns, dos que xa ten provisionados 350. 

Foron un xulgado de Granada e a Audiencia Provincial de Alacant os que preguntaron ao Tribunal de Xustiza da UE se a nulidade limitada nas datas era compatible coa normativa comunitaria. A Avogacía do Estado defendía a sentenza do Supremo mentres que a Comisión Europea consideraba que debían devolver todo o cobrado de máis. De feito, o avogado xeral do TXUE, Paolo Mengozzi, avalara o pasado mes de xullo a retroactividade parcial polo risco que supoñía non aplicar a sentenza desa forma limitada. 

Queda por ver agora como afecta este ditame aos consumidores, xa que foron varias as voces expertas que advertiron que esta factura impagada que agora os bancos terán que asumir repercutirá nos clientes a través de novas comisións e pagamentos extras. 

 

Entre 70.000 e 100.000 afectados en Galicia

No país, desde a Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga) cualifícase como "gran nova" esta sentenza do TXUE que, segundo cálculos dos seus avogados, podería afectar a entre 70.000 e 100.000 clientes que en Galicia contrataron hipotecas con estas cláusulas solo. 

Segundo a Unión de Consumidores de Galicia, máis de 35 de cada 100 hipotecas asinadas en España inclúen unha cláusula solo, unha porcentaxe que aínda foi máis alta nos anos da burbulla inmobiliaria. Ademais, catro de cada dez galegos e galegas que pagan unha hipoteca están tamén agasallando aos bancos cunhas cantidades ilegais.

Calcúlase que catro de cada dez cidadáns galegos con hipoteca están pagando de máis coas cláusulas solo

O avogado e secretario xeral de Acouga, Xoán Antón Pérez-Lema, advirte que o ditame para nada era esperado logo do informe do avogado xeral do Triubnal que "ditaminara que a sentenza do Supremo non se opuña ao dereito comunitario e que debía ser mantida". "Hai que ter en conta que son moitas as ocasións nas que se seguen as recomendacións do letrado", explica que o TXUE é agora moi claro: "O que vén dicir é que se unha cláusula abusiva é nula os seus efectos deben ser coma se nunca tivese existido".

A resolución desbota “o argumento de patacón do Tribunal Supremo e garántelle aos consumidores a devolución das cantidades que lles corresponden desde a data de cadanseus prestamos”, lembra Pérez-Lema.

"O que vén dicir a sentenza é que se unha cláusula abusiva é nula os seus efectos deben quedar coma se nunca tivese existido"

O pasado mes de febreiro un xulgado coruñés admitira precisamente a trámite unha demanda colectiva da Acouga contra as cláusulas solo de Novacaixagalicia (NCG) -de todas as hipotecas das antigas Caixanova e Caixa Galicia- na que se reclama a devolución destas cantidades con anterioridade ao 9 de maio de 2013, xa que Abanca xa reintegrou os cartos que afectan á posterioridade desa data. Son arredor dun milleiro de persoas as incorporadas a este proceso ao que se seguirán unindo máis persoas durante os vindeiros meses e cuxa sentenza debería estar lista antes de xullo de 2017 e que, tras o ditame do TXUE, debería ter o éxito garantido. 

Ademais de Acouga, a plataforma Afectados IRPH e Cláusulas Solo de Galicia está a recibir tamén xa moreas de chamadas informándome sobre a mellor maneira de recuperar os cartos a través das reclamacións ás entidades bancarias. A Unión de Consumidores de Galicia recomenda tamén informarse para reclamar os cartos que se lle deben a milleiros de persoas.  

Acouga anunciou tamén o pasado día 16 unha demanda colectiva para reclamarlles ás entidades financeiras con sede en Galicia (Abanca, Banco Pastor e Caixa Rural Galega) os gastos e impostos de formalización das súas hipotecas.

Manifestación contra as cláusulas solo CC-BY-SA Barcex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.