"A banca é a culpable do 99% do que lle está pasando a este país"

Imaxe dun dos Afterworks organizados pola asociación © ASCEGA

En 2010 fundábase na Coruña a Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA), agrupando autónomos, pequenos e medianos empresarios e destacando como un dos seus obxectivos o "recoñecemento social do fracaso empresarial como experiencia formadora e de crecemento persoal" pois "por experiencia propia, sabemos que cada novo fracaso non é a fin dunha ilusión, senón o comezo dunha nova andaina". No seu ideario reivindican "o recoñecemento do emprendedor, do autónomo, da pequena e mediana empresa, como xeradores de emprego e riqueza" e salientaban que "sabemos que somos os que de verdade creamos traballo, riqueza, solidariedade. Coñecemos perfectamente o noso papel na sociedade na que vivimos e estamos dispostos a ser os primeiros en poñer o noso gran de area en forma de impostos e emprego".

Dende entón veñen realizando unha actividade crecente en intensidade, dirixida ao fomento da cultura emprendedora, ao asesoramento e información, á realización de encontros e charlas con expertos como Amaya Moro ou Emilio Duró, e tamén á crítica aos obstáculos que -denuncian- os pequenos empresarios e os autónomos teñen que superar todos os días. Tamén realizan unha crítica constante do uso interesado do concepto do emprendemento polos distintos Gobernos e grandes empresarios e denuncian a falta de apoio de reciben da administración, mentres si son beneficiadas as grandes empresas e entidades financeiras. Como destacan no seu último editorial: "o problema é que a conciencia de ser cidadáns con dereitos, esixibles aos nosos servidores públicos, vaise perdendo entre os esforzos diarios que facemos para sobrevivir".

Hai uns días foi publicada no DOG a Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que para ASCEGA non vai solucionar os problemas reais dos emprendedores, dos autónomos e das pemes. Falamos co seu presidente, Alfonso Salazar.

"Somos os únicos que nos responsabilizamos do que facemos, porque así o marca a lei. Os cidadáns cumprimos coas nosas obrigas, pagamos os nosos impostos e, mentres, aquí hai banqueiros que afundiron entidades financeiras, co que iso significa, e parece que non pasa nada"

Como será o 2014? Estamos saíndo da crise?

Cos emprendedores somos optimistas. Na asociación vexo xente que recibiu moito castigo nestes últimos anos e, a pesar diso, limpou o po e está tirando para adiante; decatouse de que se non se move, non come, e tira para adiante. Pola contra, non son tan optimista co que nos rodea: o consumo está estancado, subiron os prezos de todo, pero non subiron os salarios, e a xente cada vez chega máis xusta. E temos un problema gravísimo como país, que é o número de parados, o número baixa porque moita xente xa non se inscribe nas oficinas de emprego.

Cales son as vosas principais reivindicacións?

O principal problema é a inseguridade xurídica. Vivimos nun país no que non hai seguridade xurídica, aquí estase lexislando como se está lexislando, sempre contra o emprendedor. Somos os únicos que nos responsabilizamos do que facemos, porque así o marca a lei. Os cidadáns cumprimos coas nosas obrigas, pagamos os nosos impostos e, mentres, aquí hai banqueiros que afundiron entidades financeiras, co que iso significa, e parece que non pasa nada. Ou construcións de aeroportos inservibles, de portos innecesarios ou de autoestradas ruinosas, e ninguén se responsabilizou de nada. Para nós, que haxa seguridade xurídica, e que haxa conceptos claros, coma a propiedade privada ou a seguridade en cuestións laborais, é fundamental para sacar este país adiante. E non vemos intención de mudar isto.

"Temos un país de xente que ten a forza necesaria para sacalo adiante, pero que dende que se levanta pola mañá lle están poñendo paus nas rodas ou pedras nos petos"

Dixeches recentemente que "vivimos nun país de emprendedores dirixido por antiemprendedores"...

Eu teño moita xente na asociación que quedou sen nada, que quedou sen casa. E que fai? Tirar para adiante, cunha ilusión e unhas ganas que ás veces me asombran. Eu mesmo perdín unha empresa que me levou 25 anos construír. E decátaste de que estás rodeado de administracións que non te entenden, e non só non te entenden, senón que che ofrecen belicosidade. Parece que é un pecado que cando arriscamos teñamos a intención de gañar. E en cambio ves por aí xente que non arrisca nada e que mantén uns niveis de vida chocantes. Temos un país de xente que ten a forza necesaria para sacalo adiante, pero que dende que se levanta pola mañá lle están poñendo paus nas rodas ou pedras nos petos. Hai xente que está na administración que cre na iniciativa privada e na economía libre, e outros que en absoluto o fan.

"A min o que me interesa é saber canto tempo tarda un tío en montar unha empresa neste país, ou que pasa cando lle vén a Axencia Tributaria, e decátaste de que teñen diferentes varas de medir"

Como valorades a Lei do emprendemento de Galicia, aprobada hai uns días?

Para nós esa lei e outras son maquillaxes simplemente, non son nada. A min o que me interesa é saber canto tempo tarda un tío en montar unha empresa neste país, ou que pasa cando lle vén a Axencia Tributaria, e decátaste de que teñen diferentes varas de medir. Hoxe estaba lendo a prensa e vin que acaban de sobreser o caso do presidente da cervexeira Damm, que pasou 20 anos defraudando ao fisco e non pasou nada. Ou o que pasou con Cémex, que lle facían os informes a medida. Nós o que vemos é que ao pequeno se lle persegue, porque saben onde está. Os autónomos e as pemes somos os tontos da película, dámoslles igual.

Moléstavos ese discurso recorrente dende o Goberno de apelación aos emprendedores?

Estamos gobernados por xente que nin emprendeu nunca nin pensa facelo, nin sabe o que é isto. A min a palabra emprendedor, nas bocas de determinadas persoas, prodúceme arcadas: o emprendemento, observatorio do empredemento, cultura do emprendemento... Pero que fan a favor dos emprendedores? Novas normas que non serven absolutamente para nada. Ás empresas hai que deixalas crecer, eu non digo que deixen que fagan o que lles dea a gana, pero hai que deixalas crecer.

"A min a palabra emprendedor, nas bocas de determinadas persoas, prodúceme arcadas. Pero que fan a favor dos emprendedores? Novas normas que non serven absolutamente para nada"

É necesario fomentar a cultura do emprendemento?

Dende a administración o único que se ofrece é un discurso manido de "faite emprendedor". Hai moita xente desesperada que non atopa outra saída que non sexa o emprendemento. Xente con 50 anos que ven que non van poder atopar xa un traballo e deciden facerse emprendedores, e na asociación levamos a cabo accións para propiciar isto. Levamos xa cinco obradoiros no que lles explicamos a estas persoas o que van atopar. Neste país o que se fixo sempre foi perseguir o empresario. Sempre foi o malo, o explotador, o señor do puro e do Rolls-Royce. Pero agora atopámonos con moitísimos casos de emprendedores mileuristas.

"Seguimos sendo moi pequenos, e igual por ser tan pequenos e vivir só das cotas dos nosos asociados dicimos as cousas como as dicimos e defendémolas como as defendemos"

A crise está provocando que máis persoas se acheguen á vosa asociación?

Comezamos pouco a pouco, marcando unha serie de obxectivos: reivindicar a figura do empresario, conseguir que socialmente se recoñeza o fracaso como unha forma de aprendizaxe e non como unha marca indeleble. Fomos crecendo e xa pasamos dos 100 asociados. Pero seguimos sendo moi pequenos, e igual por ser tan pequenos e vivir só das cotas dos nosos asociados dicimos as cousas como as dicimos e defendémolas como as defendemos. Nós concibimos a asociación como un ecosistema propicio para a unión para facer negocios e para financiar negocios. Por iso estamos buscando vías alternativas de financiamento, porque a banca española é a culpable do 99% do que lle está pasando a este país, a banca e a administración que a secunda.

Imaxe dun dos Afterworks organizados pola asociación © ASCEGA
Conferencia de Amaya Moro na Coruña, este outono © ASCEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.