Máis de 765.000 millóns de euros. É a cantidade de cartos que pasaron a noite do luns para o martes no peto de depósitos do Banco Central Europeo (BCE). Máis de 800 bancos de toda Europa acudiron á segunda barra libre de liquidez (Long Term Refinancing Operations, LTRO), na que se dispensaron máis de 500.000 millóns de euros, case a metade do Produto Interior Bruto español, a un tipo de xuro do 1%. En sesenta días a banca europea tivo acceso a un billón de euros en préstamos nas mesmas condicións. Pero máis de tres cuartos de todo ese préstamo segue alí, en depósitos. Por que? A idea vendeuse como a maneira en que a banca ía poder restablecer o fluxo do crédito ás empresas e fogares. Malia todo, o volume de préstamos concedidos pola banca española caeu en máis de 12.873 millóns de euros en só 30 días. Un torniquete de 429 millóns cada día.
O crédito vivo actual é 100.000 millóns inferior ao que circulaba en 2008
Os últimos datos dispoñibles facilitados polo Banco de España son os correspondentes ao mes de xaneiro. A estatística serve para comprobar que o volume de crédito concedido volveu a niveis do ano 2007, isto é, ao momento chamado de pre-crise. O crédito vivo actual é 100.000 millóns inferior ao que circulaba en 2008. Os datos de déficit corrente, apalancamento e endebedamento privado serven para ilustrar que ese fluxo de capital era débeda sobre capital procedente do exterior.
No momento en que o crédito vivo era superior aos 1.869.880 millóns de euros, a morosidade total e declarada do sistema era de 63.057 millóns. É dicir, do 3,37%. Na actualidade, e con 140.027 millóns de euros de créditos clasificados como dubidosos, a taxa de morosidade é do 7,91%. En definitiva, hai menos volume de préstamos, e máis dubidosos sobre o total.
A construción, en definitiva, absorbe o 42% do total de crédito a outros sectores residentes para financiar actividades produtivas
A construción
A morosidade das actividades relacionadas coa construción teñen unha taxa de morosidade do 20%, doce puntos por riba da media global. O Banco de España divide, á hora de clasificar os datos, entre créditos a construtoras e "actividades inmobiliarias". En Praza xuntamos ambos os dous indicadores, o que nos dá un volume total de crédito vivo de 396.772 millóns de euros. É o doble que o volume de crédito da industria española. A construción, en definitiva, absorbe o 42% do total de crédito a outros sectores residentes para financiar actividades produtivas a día de hoxe, catro anos despois da fin da burbulla.
Fronte ao que podía ser unha idea estendida, as actividades inmobiliarias non padeceron a seca de crédito de maneira máis agresiva que o resto de actividades chamadas produtivas (polo Banco de España). A industria perdeu 16.000 millóns en canto ao crédito vivo concedido; as actividades inmobiliarias 22.000 millóns (entre o primeiro trimestre de 2009 e a actualidade). A taxa de dubidosos da industria non chega ao 5,5%.
Os fogares
Da cifra total de crédito vivo, 626.601 millóns corresponde ao concedido aos fogares para a adquisición dunha vivenda. Dese volume total, 17.381 millóns están cualificados como dubidosos. Isto é, a morosidade das familias está por debaixo do 3% en España, dezasete puntos por debaixo da taxa de dubidosos das empresas que se adican á construción, promoción e venda de vivendas.
Así as cousas, e tendo en conta que a morosidade das empresas produtivas non vencelladas á construción non teñen un alto nivel de morosidade (5,3%), por que non flúe o crédito como así o denuncian as empresas españolas? Ou, dito doutro xeito, a barra libre de liquidez por que non se emprega para axudar á recuperación da actividade?