A caída no número de empresas creadas en Galicia cuestiona o discurso da "recuperación"

Lisardo Domínguez © AUGA

En 2014 constituíronse en Galicia menos sociedades mercantís que en 2013: 4.246 fronte a 4.285, un leve descenso que contrasta co ascenso experimentado no conxunto de España e que para Autónomos de Galicia (AUGA) implica que "non é de todo certa a suposta mellora económica". Por provincias, destaca o moi negativo data da Coruña, único territorio no que cae o número de empresas creadas (pasa de 1.810 a 1.658) e que determina o mal dato a nivel galego.

Para Lisardo Domínguez, portavoz de AUGA, "o emprendemento sempre é un síntoma de dinamismo e recuperación, cos datos enriba da mesa comprobamos que polo momento non é de todo certa a suposta mellora económica". Domínguez sinala así mesmo que a creación de empresas se concentra nas localidades cun maior número de habitantes e fai fincapé en que en 70 concellos galegos non se constituíu nin sequera unha sociedade en todo o pasado ano. "É preocupante este dato, xa que pon de manifesto que hai moitos concellos que non son capaces de poñer en marcha ideas empresariais e polo tanto, teñen totalmente estancada a xeración de riqueza", di. Chama a atención, sobre todo, sobre a situación que vive a provincia de Ourense, na que non se creou ningunha empresa no 45% dos seus concellos.

O estancamento ou retroceso na creación de novas sociedades en Galicia é máis significativo se o poñemos en relación cos datos do conxunto de España. Entre xaneiro e novembro de 2014 (á espera da publicación dos datos definitivos de decembro) creáranse 86.664 empresas, 252 máis que no mesmo período de 2013. Tamén é preocupante que en Galicia non só descende o número de novas sociedades, senón tamén o capital inicial investido nelas, que pasa dos 243,6 millóns de euros aos 226,4 millóns, mesmo por debaixo das cifras de 2012, un dos peores anos da crise. 

Tamén é preocupante que en Galicia non só descende o número de novas sociedades, senón tamén o capital inicial investido nelas, que pasa dos 243,6 millóns de euros aos 226,4 millóns, mesmo por debaixo das cifras de 2012

Lisardo Domínguez destaca a este respecto que estes datos revelan que a maioría das novas iniciativas empresariais "corresponden a persoas que inician a súa actividade profesional por conta propia pois o 95% das novas sociedades son limitadas, modalidade máis extendida en toda España e para a que basta ser un só socio e contar cun capital mínimo de 3.000 euros". "Veñen a ser novos emprendedores e novos autónomos que a consecuencia da difícil situación económica pola que atravesamos se ven obrigados a iniciarse pola súa conta”, afirma.

Para Lisardo Domínguez, a maioría das novas iniciativas empresariains son de "novos emprendedores e novos autónomos que a consecuencia da difícil situación económica pola que atravesamos se ven obrigados a iniciarse pola súa conta”

O voceiro de AUGA espera que "estas novas empresas non sexan vítimas das falsas promesas políticas que se nos ofrecen dende a gran maioría dos gobernos das administracións públicas", en referencia por exemplo á "famosa tarifa plana" que "só dura uns meses" ou ás "trabas políticas seguen a ser as mesmas". Conclúe que "a pesares dos datos positivos que vemos a día de hoxe na prensa sobre o aumento do optimismo e a confianza nas pequenas empresas, a realidade demostra que a media de vida das sociedades que se crearon non alcanza os cinco anos”.

Lisardo Domínguez © AUGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.