A "caótica" solicitude do adianto da paga extra para os funcionarios

Edificio central de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

O pasado 27 de decembro, a Xunta anunciou que os empregados públicos galegos poderían pedir un anticipo na nómina de xaneiro do 50% da paga extraordinaria de xullo, unha posibilidade incluída nos Orzamentos da comunidade para 2013 e que se instauraba para, segundo o Goberno galego, "recoñecer o esforzo" que realiza este colectivo, logo da continua redución de poder adquisitivo derivado dos sucesivos recortes sufridos no seu salario nos últimos anos.

A medida é "voluntaria" e aplicable ao corpo completo dos 90.000 empregados públicos o que, nese caso, suporía un anticipo total de 65 millóns de euros. Nin moito menos serán a maioría os que pidan ese adianto, pero os que así o decidan teñen de prazo até o 11 de xaneiro e desde o pasado 28 de decembro, data na que se publicou no DOG o decreto, para levar a cabo uns trámites que están sendo máis complicados do que se agardaba.

Traballadores públicos que solicitaron o adianto denuncian "caos" e "desinformación"

Así o denuncian varios dos empregados públicos que fixeron a solicitude do anticipo, que relatan unha situación "caótica", tanto pola "desinformación", como polo "descoñecemento" que os funcionarios das diferentes consellerías tiñan dos pasos a seguir durante estes primeiros días nos que se habilitou a petición. "Foi anunciado no DOG, xusto en medio das festas de Nadal e sen demasiada información nin claridade", advirte unha empregada pública que denuncia en Praza a odisea que lle supuxo realizar a solicitude e cuxa indignación comparte con outros casos dos que puido saber este medio.

"Foi anunciado no DOG e xusto no medio das festas de Nadal", critican

"O día 31 chamo á Xunta para informarme de cal é o procedemento, pero dinme que non saben nada, que non teñen ningunha instancia determinada para cubrir, ningún modelo nin ningunha instrucción", asegura esta afectada, que o día 2 de xaneiro acudiu á sección de nóminas da Consellería da que depende o seu posto de traballo para solicitar o adianto da paga extraordinaria do verán. "Cando chegamos alí, o propio funcionario que nos atendeu mostrou o seu enfado polo feito de que a Xunta publicase un decreto no que non se especificaba o procedemento a seguir", conta.

Ante a falta de información e instancias, os funcionarios encargados de atender as solicitudes apuntaron os datos dos demandantes a man nunha libreta

A súa sorpresa aumentou cando a solución artellada polo departamento asignado foi a de "apuntar os datos dos solicitantes a man nunha libreta". "Foi volver ao pasado, apuntando nomes nesas libretas de medio folio con aneis", asegura agora ironicamente. O seguinte paso sería que cada un destes empregados públicos chamasen un a un a todos os empregados públicos que solicitaron o adianto da paga extraordinaria, aínda que o feito de que non se empregase ningunha instancia oficial fixo que a afectada e un compañeiro optasen por acudir ao Rexistro da Consellería para que constase oficialmente que acudiran a pedir o devandito adianto.

"É todo moi trapalleiro e moita tecnoloxía punta non se aplicou", quéixanse

A afectada recibiu unha chamada o día seguinte para indicarlle os pasos a seguir para a solicitude do adianto logo do "caos" inicial. O procedemento consiste unicamente en enviar unha instancia -un papel en branco escrito polo propio interesado- á sección Nóminas da xefatura territorial correspondente, indicando alí o nome, DNI e posto de traballo.

"É todo moi trapalleiro", denuncia esta empregada pública, que volve insistir tamén na "escasa información" recibida polos traballadores, tanto no que se refire aos prazos (remata xa a vindeira semana) como ao feito de que case non se publicitase a posibilidade de solicitude do adianto. "Moita tecnoloxía punta non se aplicou", engade.

Críticas sindicais

Ademais, o sindicato UGT lembrou que "legalmente xa se poden solicitar ata dúas pagas mensuais por necesidades persoais". Segundo aclara o sindicato nun comunicado, un Real Decreto do ano 1929, e que aínda está en vigor, permite este anticipo, que se pode devolver "ata en 14 prazaos con desconto mensual en nómina".

UGT pide "aos señores gobernantes da Xunta" que "non traten os empregados públicos como ignorantes e deixen de gastar inocentadas". "Dignifiquen a nosa función, deixen de desanimarnos e desmotivarnos de forma continúa e masiva; restauren os dereitos que nos subtraen de forma permanente e terán unha función pública de servizo con garantías de calidade e eficacia", remata.

Edificios administrativos de San Caetano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.