A capacidade de gasto da poboación galega segue por debaixo do nivel previo á crise

Evolución do gasto anual dos fogares galegos, por grupo de gasto Dominio Público Praza Pública

A recuperación económica ou a saída da crise non se percibe aínda en moitos indicadores, sobre todo aqueles máis ligados á microeconomía, e ao día a día do conxunto da poboación. O INE publicou este martes os datos correspondentes a 2016 da súa Enquisa de Orzamentos Familiares. Neles obsérvase que a capacidade de gasto dos galegos e galegas se mantén aínda por debaixo do nivel que chegou a acadar nos anos previos á crise e que a fenda existente cos datos medios do Estado español se segue incrementando.

En 2016, o gasto medio por fogar en Galicia (26.291 euros) mesmo descendeu con respecto ao ano anterior (26.381) e está moi lonxe do nivel máximo acadado en 2008 (29.978). A fenda coa media española, que entre 2009 e 2015 se situaba ao redor dos mil euros anuais de gasto familiar, ampliouse no ano pasado ata case rozar os dous mil euros.

A tendencia nos últimos anos é que os fogares -tanto en Galicia coma no conxunto de España- estean formados cada vez por menos persoas, o que fai descender o dato de gasto totl por fogar. Por iso, se cadra, resulta máis fiable observar o indicador de gasto por persoa, que en Galicia si creceu lixeiramente no ano 2016 (10.606 euros fronte aos 10.549 de 2015), pero que se mantén por debaixo das cifras que se rexitraban entre 2008 (11.031 euros) e 2011 (10.775). A fenda existente coa media española, que nos últimos anos se moveu sempre entre os 400 e os 600 euros anuais, en 2016 elevouse ata superar os 700.

Analizando os datos polos distintos grupos de gasto, observamos como dende o ano 2008 descendeu o desembolso anual dos fogares en case todas as áreas agás -de forma moi destacada- na de vivenda, luz, gas e electricidade. Este apartado non deixou de crecer, pasando dos 2.537 euros dese ano aos actuais 3.140. Pola contra, reduciuse o gasto en alimentación (de 1.945 a 1.717 euros), transporte (de 1.708 a 1.325), vestido e calzado (de 757 a 611), ocio e cultura (de 635 a 537) ou equipamento do fogar (de 605 a 495). Si creceu, en cambio, o gasto en saúde (de 356 a 396 euros) e ensino (de 72 a 104)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.