A "catastrófica" xeada da pasada semana afoga o sector vinícola en Galicia

Efectos da última gran xeada nun viñedo galego © SLG

"Catastrófico". "Algo nunca visto". "Un desastre". A baixada das temperaturas e a impresionante xeada que a madrugada do pasado xoves afectou Galicia cebouse coa produción de uva. Agás a das Rías Baixas, que se salvou, as outras catro denominacións de orixe vinícolas do país sufriron graves prexuízos aínda por avaliar en toda a súa magnitude. Nun campo galego golpeado xa pola seca, os cálculos aínda non oficiais apuntan a perdas de entre 13 e 17 millóns de quilos de uva e duns 70 millóns de euros. Hai colleitas enteiras estragadas e o temor de que a virulencia do carazo afecte mesmo a produción do ano vindeiro. 

A falta de avaliacións oficiais, a xeada provocou perdas de entre 13 e 17 millóns de quilos de uva e duns 70 millóns de euros

"Non foi unha xeada común, foi algo bestial e excepcional, demasiado forte, unha catástrofe... Unha fronte fría esaxerada nunha época na que non é normal", di Bernardo Estévez, viticultor na Arnoia, na comarca do Ribeiro, que advirte que xente maior da zona non lembra "nada igual" ao acontecido a pasada semana. "Hai viñedos afectados que están a 400 ou 500 metros de altura, algo nunca visto; foi unha fronte xélida que varreu con todo", insiste. Tamén desde a comarca do Ribeiro, pero desde a súa capital, Ribadavia, o seu alcalde, Ignacio Gómez, fala de "desastre" e dunha situación "extrema e urxente"

Á espera de que a Consellería do Medio Rural leve a cabo a avaliación de danos prometida e estableza a liña de axudas garantida, desde Unións Agrarias (UUAA) apúntanse a unhas perdas duns 72 millóns de euros e de máis de 16 millóns de quilos de uvas en toda Galicia. Atendendo aos cálculos dos consellos reguladores, un mínimo de 13 millóns de quilos teríanse estragado. A todo isto, habería que sumar o destinado a autoconsumo. 

Valdeorras xa anunciou que pedirá a declaración de zona catastrófica para a denominación de orixe e buscará un acordo co resto -Monterrei, Ribeira Sacra e O Ribeiro- para elevar unha petición conxunta ao Estado. 

"Non foi unha xeada común, foi excepcional, demasiado forte, unha catástrofe...", advirte un viticultor da Arnoia

A denominación de orixe de Monterrei foi a máis prexudicada, sendo afectada o 95% da produción segundo UUAA, coa perda de ata un 70% dela, tal e como indica o consello regulador. En Valdeorras, a afectación tería chegado ao 80%, cun terzo das plantacións estragadas, mentres que no Ribeiro, os danos superarían o 75% de afectación e o 30% de viñas estragadas, con perdas de entre 4,5 e ata 7,2 millóns. Pola súa banda, na Ribeira Sacra, as perdas estímanse entre 2 e 3 millóns de euros en uva e con máis do 30% do produto estragado. 

A denominación de orixe de Monterrei foi a máis prexudicada, coa perda de ata un 70% da produción

Segundo o sindicato agrario, perto de 22 millóns de botellas de viño non sairán ao mercado logo dunha xeada que provocará máis gastos axiña: os que supoñan a recuperación das vides mediante a podas e a aplicación de produtos cicatrizantes. 

No entanto, os efectos da xeada foron moi diferentes segundo as zonas das plantación. "No Ribeiro, nas ladeiras do río Avia e Arnoia foi catastrófico, con perdas do 100% en moitos casos; noutros lugares máis altos ou nas beiras do Miño, a afectación foi de entre un 10 ou un 15% e mesmo houbo viñedos que non sufriron danos", explica Estévez. "Hai xente á que se lle estragou o viñedo enteiro, non quedou nada", explica Ignacio Gómez, alcalde de Ribadavia, que advirte dun "prexuízo enorme" para moita veciñanza. "Hai moitos que teñen a viticultura como a súa forma de gañar a vida, pero moitos outros producen para completar soldos que non son aquí nin moito menos altos; sexa como for, é un grave problema para todos", engade. 

 

A Xunta critica que tan só o 20% dos viñedos galegos estean asegurados

Desde a Xunta, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recoñede que a situación é "delicada" e xa avanzou un "plan específico", pero advertiu, como reproche, que tan só un 20% dos viñedos galegos están asegurados e asegurou que o viticultor "non pode estar sempre ao abeiro da administración pública, de se hai sensibilidade ou se ten recursos". 

Sindicatos e viticultores advirten de seguros moi caros e con pagos "que non compensan para nada o que perdes"

"O seguro, no caso das xeadas, non é tan doado facelo; non podes asegurar só aquelas zonas nas que prevés danos, tes que asegurar todo e o custo é  moi alto, unha tolemia", explica Estévez, que aclara que o que acaban pagando as aseguradoras "non compensa para nada o que perdes". "Se todos os produtores tivesen seguro, non estariamos pedindo axudas ás administracións; a cuestión é que son moi caros e case en ningún caso asegura o 100%", engade o rexedor de Ribadavia. 

Desde o SLG afóndase máis na problemática duns seguros agrarios cuxas pólizas "non se adaptan á realidade do país, adoitan a ser moi caras e, decotío, as indemnizacións a que che dan dereito son insuficientes". Así, poñen o exemplo de uvas como a Godello, que cotiza a un vallor de arredor de un euro pero pola que o seguro só dá unha indemnización de 40 céntimos en caso de perda. Outras, como Treixadura, teñen compensacións de 80 céntimos. 

Desde a oposición no Parlamento galego, En Marea, PSdeG e BNG En xa reclamaron á Xunta a establecer unha liña de axudas específicas para cubrir os danos ocasionados e que se faga xa unha valoración, prometida pola conselleira do Medio Rural nesta fin de semana. "Hai xente que estivo traballando todo o ano para nada  para non ter colleita; o único que lles queda e manter as viñas para o próximo", explica Estévez, que non esixe "axudas directas" pero que, polo menos, "os agricultores non teñan máis gastos fixos despois do ocorrido".

"Fenómenos como esta xeada teñen que ver co cambio climático; os cambios nos últimos catro anos son extremos"

Para este viticultor, é importante reparar en que "a problemática é global". "Por moito que digan algúns, fenómenos como esta xeada son efectos do cambio climático; a xente do campo sabemos que as cousas mudaron moito ultimamente e de catro anos cara a aquí é algo extremo", insiste.

"Temos que deixarnos de darlle voltas e de falar e poñernos a actuar e instaurar unha liña de axudas, dá igual que se faga a través da declaración de zona catastrófica ou doutro xeito, pero ten que haber maneiras de paliar os danos porque o que se perdeu xa non volve e foi moito. Non podemos demorarnos", explica Gómez, rexedor de Ribadavia, que alerta de expertos que "temen xa pola próxima colleita, non por esta perdida". "O efecto da xeada pode afectar a vide", alerta. A isto, asegura Estévez, úneselle a seca. "No verán, logo desta época sen chuvias, as reservas de auga van ser mínimas e a unha desgraza vaise sumar outra", remata. 

Efectos da xeada nas vides © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.