A CIG apraza a folga xeral e sitúa o 21-O como "o referendo das políticas do PP"

Asemblea de delegados da CIG en Compostela © CIG

A CIG ratificou este martes na súa asemblea de delegados a proposta da Executiva confederal de aprazar a convocatoria dunha folga xeral que estaba prevista para o 26 de setembro -data na que hai convocada unha en Euskadi- até a primeira quincena de novembro e á espera de CCOO e UGT. O obxectivo é que "finalmente se decidan" as dúas organizacións estatais e as tres vaian "conxuntamente" a un paro.

A CIG atrasa a posible folga xeral até principios de novembro e unha vez celebradas unhas eleccións "fundamentais"

Foi así como se explicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que sinalou o vindeiro 21 de outubro, data das eleccións autonómicas, como "un referendo das políticas do PP", un plebiscito sobre os recortes dos conservadores. "É fundamental que se produza un voto masivo contrario para que o PP non teña maioría absoluta e poidan gobernar outras forzas", asegurou. Para o líder da central nacionalista, é hora de "seguir dando resposta" e os comicios serán a clave para determinar se a maioría da sociedade galega rexeita o rumbo levado pola dereita. "Se o PP perde a maioría absoluta é que aquí hai unha maioría social contraria ás súas políticas", destacou.

Logo da asemblea de delegados celebrouse unha manifestación onde preto dun milleiro de delegados se desprazaron ao edificio administrativo da Xunta para "dicir non ao saqueo do pobo" e aos recortes levados a cabo polos gobernos do PP. 

Durante a asemblea, escoitáronse "voces críticas" coa decisión de "esperar" a CC.OO. e UGT e aprazar a data dunha eventual convocatoria de folga, segundo o propio Seixo, quen resaltou que a súa foi "a primeira" voz en cuestionar esta actuación, posto que, "se puidese", seguiría adiante co 26 de setembro.

O éxito das mobilizacións do 29 de xullo animan á CIG a esperar polos sindicatos estatais e manter a unidade de acción

No entanto, baseou o atraso nas mobilizacións do 29 de xullo e aquel "alto nivel de participación cidadá", polo que agora a CIG "prefire esperar un mes ou un mes e medio" para "repetir" a resposta de entón. Iso si, "se finalmente CCOO e UGT optan por non convocar", iso obrigaría á CIG "a darlle unha volta" á axenda marcada.

Así, Seixo insistiu en que a convocatoria de folga debe estar "moi presente" e asegurou que "se antes do 21 de outubro" non se convoca, as organizacións sindicais tomarán decisións a primeira quincena de novembro. Para a CIG, manter "certa pasividade" ou limitarse a "mobilizacións sociais" como as manifestacións "non chega". O paro xeral "vai máis aló ao representar un acto de forza da clase traballadora contra o capital", defendeu, antes de advertir que, "como non haxa, vai ser moi difícil parar" as actuais políticas.

Manifestación de delegados da CIG en Compostela © CIG
Asemblea de delegados da CIG en Compostela © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.