A CIG proporalles a CC.OO. e UGT convocar unha folga xeral en setembro

Manifestación en Ferrol CC-BY-NC Susete

A CIG vén de anunciar a convocatoria de manifestacións, acompañadas de cazoladas, en todas as cidades galegas, para o vindeiro xoves 19 ás oito da tarde, en protesta polos recortes anunciados onte por Mariano Rajoy. CC.OO. e UGT xa anunciaran onte a convocatoria de mobilizacións para ese mesmo día. Non parece, polo de agora, que as convocatorias vaian confluír nunha mobilización unitaria a vindeira semana; con todo, Suso Seixo anunciou esta mañá que a CIG vai iniciar contactos coas organizacións sindicais máis representativas e maioritarias para tentar fixar un calendario conxunto de mobilizacións de cara á convocatoria dunha folga xeral en setembro en todo o Estado. Seixo afirmou que de non acadar un acordo, a CIG manterá a data procurando coincidir coas organizacións sindicais nacionalistas.

O secretario xeral da CIG alertou de que os recortes avanzados por Rajoy, no Congreso dos Deputados, serán desenvolvidos nos Consello de Ministros dos meses de xullo e agosto, a través de decretos lei, “e o alcance desta medidas será aínda peor”. Seixo acusou a Rajoy de mentir cando anunciara, "exultante", que o rescate á banca non ía ter consecuencias para a poboación: “trátase dun préstamo ao Estado que se traducirá en débeda e déficit. Teremos que pagalo todas e si tiña consecuencias”. Seixo considerou que os drásticos recortes que se van impor demostran que o Estado español está intervido e que non ten capacidade para decidir nin as súas políticas económicas, nin laborais, nin sociais: “Están en mans do BCE e das institucións europeas”.

CCOO e UGT fixeron onte un chamamento "á sociedade civil e aos seus sectores máis dinámicos" para compartir a convocatoria de manifestacións masivas que terán lugar en todo o Estado o 19 de xullo

Pola súa banda, as direccións executivas confederais de CCOO e UGT decidiron onte facer un chamamento "á sociedade civil e aos seus sectores máis dinámicos" para compartir a convocatoria de manifestacións masivas que terán lugar en todo o Estado o xoves 19 de xullo. Os dous sindicatos maioritarios anunciaron que van redobrar a "estratexia de mobilización sostida contra os recortes decidida xa hai uns meses", que aseguran que terá no outono "unha expresión máis firme e contundente", aínda que sen falar en ningún momento de folga xeral. CC.OO. e UGT aseguran que despregarán "unha intensa axenda de contactos e reunións co tecido social e cultural organizado", para procurar comprometer o maior número de persoas e colectivos na resposta ao plan de recortes do Goberno.

 

"Ou conseguimos mudar estas políticas ou pasarémolo realmente mal”

Suso Seixo afirmou esta mañá que da actual situación só se pode saír cambiando a correlación de forzas “na rúa, nas empresas e nas institucións. En ningún caso vai vir da man dos que provocaron a crise e agora se están a beneficiar dela”

Suso Seixo afirmou esta mañá que da actual situación só se pode saír cambiando a correlación de forzas “na rúa, nas empresas e nas institucións. En ningún caso vai vir da man dos que provocaron a crise e agora se están a beneficiar dela”. Seixo advertiu ademais de que “as medidas anunciadas onte non van quedar aquí. Estamos nun caleixón sen saída, nun camiño sen retorno. Isto só pode empeorar a situación é, ou conseguimos mudar estas políticas ou pasarémolo realmente mal”. E concluíu: “A estes hai que botalos como sexa e o máis rápido posíbel porque é inadmisíbel seguir mantendo a estes impresentábeis que nos están gobernando”.

O secretario xeral da CIG lembrou as consecuencias que as políticas ditadas polo BCE tiveron xa en países intervidos como Portugal ou Grecia: "recortes de dereitos, de salarios, incremento de impostos indirectos e liberalización e desregulación do mercado laboral, dos servizos, dos horarios comerciais e privatizacións". Políticas que, dixo, “benefician aos de sempre. Non van a axudar a saír da crise, ao contrario, van provocar máis recesión, máis desemprego e menos consumo”. Seixo considera que “estas medidas obedecen a criterios ideolóxicos. Están dirixidas a favorecer á banca e ao sistema financeiro. Son préstamos á banca española para garantir que paga os pufos á banca europea, sobre todo á alemá, garantindo que se non os paga a banca vainos pagar o Estado”.

 

(HABERÁ AMPLIACIÓN)

Xesús Seixo, secretario xeral da CIG © CIG
Manifestación en Ferrol CC-BY-NC Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.