A CIG sinala as eivas da oferta de emprego público lanzada pola Xunta en ano electoral

Edificios administrativos de San Caetano © Xunta

O Consello da Xunta deste xoves asistiu á presentación da maior oferta de emprego público (OEP) presentada polo Goberno galego nos últimos seis anos. En total, 1.163 novas prazas que se presentan a tres meses das eleccións municipais de maio e a dez das eleccións xerais do outono. A oferta de emprego público da Administración galega para o ano 2015 contará con 446 prazas correspondentes a persoal docente, 344 prazas para persoal sanitario e 373 para persoal da Administración xeral, uns datos que cutriplican osda OEP de 2014, que incluíra 273 prazas: 117 en Educación, 103 no SERGAS e 53 en Administración xeral. 

En total, 1.163 novas prazas que se presentan a tres meses das eleccións municipais de maio e a dez das eleccións xerais do outono

Neste aumento da OEP de 2015 ten moito que ver o cambio na lexislación orzamentaria tanto estatal como autonómica, comezando polo artigo 13 da Lei de Orzamentos para 2014 e a Lei de Orzamentos para 2015, no que a taxa máxima de reposición de certos efectivos pasa dun 10% a un 50%. A CIG xa realizou unha primeira valoración da OEP, na que comeza lembrando a diferenza entre publicación do Decreto de OEP e a convocatoria real dos procesos selectivos desas prazas ofertadas: "hai unha boa diferenza que pode tardar varios anos", sinala o sindicato. De feito, a Xunta aínda ten sen convocar centos de prazas das OEPs de 2008 e 2009, incluídas prazas de promoción interna.

De igual xeito, a central critica a contradición evidente que se produce entre o aumento da OEP e o mantemento por parte da Xunta de propostas de amortización, "coma a de 130 postos públicos de Medio Rural". De igual xeito, tamén lembra que o Goberno galego continúa a eliminar postos "que están excepcionados pola lei da taxa de reposición 0", como son os do Servizo de Defensa e Protección contra Incendios Forestais.

"Este anuncio non é máis que outra medida efectista de cara a galería electoral, que ademais non solventa as graves deficiencias nas prestacións dos servizos públicos que camiñan cara a privatización ou á extinción"

Ademais, a CIG critica a falta de reforzo de servizos públicos "tan esenciais" coma os servizos sociais de prestación directa (residencias de maiores, de persoas con discapacidades, etc). "Aprezamos o énfase na cobertura de postos de labor inspectora ou asesora pero cremos que os servizos públicos non só se deben reducir a inspeccionar ou asesorar sobre o que están privatizando ou deixando en mans de entidades benéficas", destacan. O sindicato conclúe que "este anuncio non é máis que outra medida efectista de cara a galería electoral, que ademais é insuficiente e non solventa as graves problemáticas e deficiencias nas prestacións dos servizos públicos que con OEPs coma estas camiñan cara a privatización ou á extinción".

 

Cero prazas en Benestar

"A situación real é que o departamento de Beatriz Mato leva recortado 1.500 postos de traballo dende o ano 2012, que non existe a reposición necesaria das vacantes que se producen"

A este respecto a CIG de Traballo e Benestar na Coruña denuncia que a OEP non recolle a creación dunha soa praza para as Residencias de Maiores, Centros de Menores e Centros de Atencións a Persoas Discapacitadas, subliñando que "os centros de atención directa de Servizos Sociais e Benestar, sofren unha vez mais o desprezo da política de persoal de Nuñez Feijoo".

"A situación real é que o departamento de Beatriz Mato leva recortado 1.500 postos de traballo dende o ano 2012, que non existe a reposición necesaria das vacantes que se producen e que o persoal dos centros de atención directa está a traballar 130.000 xornadas máis ao ano que antes dos recortes das nefastas reformas laborais", din. "A situación é insostible para o persoal das residencias de maiores e centros de menores que por expresa orde de Beatriz Mato traballa sete días continuados de traballo, libra un fin de semana de cada tres e pode chegar a traballar os catorce festivos anuais", denuncian.

Edificio central de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.