"A comisión do dique flotante só se montou para gañar tempo de cara ás eleccións"

Traballadores do naval protestan ante o Parlamento Dominio Público @galizaCIG

"Burlados e enganados". Así din sentirse os traballadores do naval ferrolán, logo de que Navantia e a SEPI desbotasen a posibilidade de construír o dique flotante nas instalacións galegas porque, segundo aseguran, o financiamento estatal que requiriría sería considerado ilegal pola UE. Séntense enganados porque consideran que a comisión de seguimento, cuxa última xuntanza confirmou o veto á infraestrutura, "só se montou para gañar tempo de cara a unhas eleccións autonómicas" e porque ven nas queixas de responsables políticos á empresa un simple intento "de desviar o tiro e eludir responsabilidades".

"A comisión de seguimento do dique flotante só se montou para gañar tempo de cara ás eleccións autonómicas"

"Xa hai meses que se sabía que o proxecto podía ir contra a normativa europea, pero o PP estatal, de Galicia e de Ferrol seguían manifestándonos o seu apoio", asegura Ignacio Naveiras, presidente do comité de empresa de Navantia, que insiste en que o compromiso político "non eran máis que palabras". Promesas incumpridas unha vez máis. "Por desgraza, sempre acabamos tendo razón", conta a Praza desde o exterior do Parlamento galego, a onde acudiron varios delegados sindicais para esixir solucións e carga de traballo.

Os traballadores nin tan sequera centran as súas queixas en Navantia, senón nas administracións. "Os responsables son políticos", lembra o voceiro do cadro de persoal, que recorda que "a alta dirección da empresa cámbiase con cada goberno e que a compañía depende da SEPI, que segue directrices directas do Executivo, incluso cando aplican a supresión da paga extra aos traballadores", di.

"Aquí hai responsabilidades e culpables políticos, desde Rajoy a Feijóo"

"Aquí hai responsabilidades e culpables políticos, desde Rajoy a Feijóo", engade, tras lembrar que o Parlamento de Galicia fixo unha declaración unánime aludindo ao carácter estratéxico do sector naval. Pero nada dá resultados. "Sempre semella haber moitas posibilidades, pero ningunha se concreta", continúa Naveiras, que enumera "a sexta fragata", á que aludiu o presidente do Goberno na súa investidura, ou ás continuas promesas que chegan desde a Xunta de Galicia: "14 remolcadores, dous quimiqueiros e un flotel" nos últimos tempos.

O comité de Navantia lembra que Feijóo prometeu 16 buques e que ningún deles se concretou aínda

"Son 16 buques prometidos e non temos material para cortar ningún deles", aclara o presidente do comité de empresa, que teme o peor. "Os quimiqueiros non se construirán aquí, os remolcadores están en serio risco... E agora Feijóo despáchase con outra nova promesa de 25 buques mexicanos", relata. "Non hai vergonza política", insiste, tras recordarlle á Xunta que o ministro de Exteriores, García-Margallo, vén de recoñecer que "desatascou" os contratos entre Pemex e os estaleiros galegos "mentres desde o Goberno galego se insistiu sempre en que xa era un contrato sólido". "Como poden seguir facéndonos isto!", quéixase.

Pero os traballadores non tiran a toalla co dique flotante porque entenden que "as posturas de Bruxelas non son invariables". "O PP, cando gobernaba Zapatero, sempre insistía en que se podían renegociar os acordos; se é posible renegociar o veto á construción civil, tamén será posible renegociar o financiamento desta infraestrutura ou os límites de datas ante unha situación de crise tan concreta como a que vive o noso sector", di Naveiras.

Mentres, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, di compartir "a decepción dos traballadores" e reclama a Navantia que leve a cabo "as actuacións necesarias para garantir o futuro do estaleiro" a través da acción comercial que consiga novos pedidos. O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, únese tamén á tendencia, seguida pola Xunta, de cargar as culpas sobre a empresa.

O alcalde de Ferrol carga contra Navantia, pero o comité cre que "intenta desviar o tiro" e "eludir responsabilidades"

"A dirección de Navantia debe asumir algún tipo de responsabilidade; síntome decepcionado e enganado", manifestou o rexedor ferrolán en Radio Voz,  logo de asegurar "non entender" que a compañía estatal "presente a Bruxelas un proxecto económico que non é viable". "Dóeme que esta decisión fose tomada por directivos nomeados polo meu partido", chegou a dicir. Logo, nunha rolda de prensa, aclarou que "non se rende" e que pedirá "axiña" a colaboración da Xunta para tratar unha folla de ruta para que o estaleiro de Navantia, "rendible e viable", teña futuro. "Non dou nada por perdido", dixo.

No entanto, Ignacio Naveiras cre que o alcalde de Ferrol, ao igual que o conselleiro e a Xunta, "están desviando os tiros no ambiente político no que se moven". "Na medida en que culpen a Navantia, evitarán responsabilidades políticas", asegura o presidente do comité de empresa, que lle recorda a Feijóo que "non pode sacudirse a presión cun flotel que só está nos titulares dos xornais".

Ante esta grave situación, os traballadores advirten de que continuarán coas mobilizacións nos vindeiros días, ademais de confirmar as que xa tiñan previstas para o vindeiro día 13, en Compostela, e para o 24 na comarca de Ferrol. Para esta última, os sindicatos chaman a toda a cidadanía co obxectivo de "demostrarlle a Feijóo" que non son "catro iluminados os que están a defender o naval, senón que hai un pobo detrás".

Xa que logo, continuarán as protestas como as deste martes en Santiago, que chegaron logo de que o presidente e o conselleiro delegado de Navantia, xunto con representantes da SEPI e os alcaldes de Ferrol, Narón, Ares e Fene tivesen que saír da comisión de seguimento do dique flotante escoltados pola policía. As autoridades mantivéronse máis de doce horas pechados nas instalacións de Navantia ante as protestas que mantiñan varios traballadores na empresa.

Persoal do naval e da USC protesta na tribuna CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.