A contratación temporal pola chegada do verán baixa o paro en 7.700 persoas en Galicia

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

A chegada do verán e das pontes festivas reactiva a actividade en Galicia, onde o paro rexistrado nas oficinas de emprego caeu en 7.689 persoas no pasado mes de maio. É un descenso do 3,37%, que sitúa a cifra de desempregados no país en 220.464 persoas, o que supón unha baixada de 16.517 con respecto ao mesmo mes do ano pasado (-7%). O sector servizos e a construción absorben a inmensa maioría do descenso do paro, unha tendencia que repite un eterno modelo, agudizado mesmo polo asentamento da temporalidade e da precariedade. 

Da caída do paro de case 7.700 persoas, 5.093 corresponden ao sector servizos (66,2%)

Os datos positivos manteñen a tendencia habitual de todos os meses de maio, onde en Galicia ao Día da Clase Obreira únense tamén as Letras Galegas, festivos que impulsan as contratacións na hostalería. Así, da caída do paro de case 7.700 persoas, 5.093 corresponden ao sector servizos (66,2%) e 1.217 á construción. Xuntos, ambos sectores supoñen o 82,8% do descenso do desemprego rexistrado no país

O descenso do paro é un chisco superior á media estatal, onde descende en case 120.000 persoas e nun 3%. En canto á Seguridade Social, no Estado gañou en maio unha media de 198.004 afiliados (+1,1%) respecto ao mes anterior. En Galicia, a afiliación sobe en 5.824 (+0,62%) persoas respecto do mes anterior e en 11.841 (+1,26%) con relación ao pasado ano, quedando a cifra de cotizantes en 949.180 persoas. 

O mercado laboral galego segue a miguar: o desemprego baixou en 4.000 persoas máis das que deixaron as listas do paro nun ano

En definitiva, case 12.000 persoas máis pasaron a contribuír ás arcas públicas por medio do seu traballo no último ano, fronte ás máis de 16.000 que deixaron as listas de desemprego. Esta diferenza de máis de catro milleiros entre a redución do paro e a alta de traballadores é debido a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. Polo tanto, non todo o descenso do paro rexistrado equivale a novos postos de traballo, tampouco no último mes, onde a diferenza entre descenso do paro e de novos cotizantes é de case 2.000 persoas. 

No entanto, no conxunto do Estado esta tendencia é á inversa, o que indica claramente a febleza do mercado laboral galego e o maior peso da emigración en Galicia. No conxunto de España, a afiliación aumenta a un ritmo moito maior do que descende o paro. 

A contratación temporal continúa a aumentar e un terzo dos contratos temporais duran menos dunha semana

De feito, en canto aos tramos por idades, son 11.297 as persoas desempregadas menores de 25 anos, polo que o paro nesta franxa cae en relación a hai un mes nun 6%. No ano a caída tamén é máis acusada que no total de idades, nun 13,76%, algo que os sindicatos atribúen á saída de efectivos do noso país cara ao estranxeiro e á falta de relevo xeracional.

En canto á contratación, en maio asináronse un total de 76.567 contratos en Galicia, o que supón un aumento de arredor do 12% respecto ao mes anterior e a hai un ano. Así, subscribíronse 5.865 contratos indefinidos, menos aínda que o mes pasado pero un 18% máis que o ano pasado. A contratación temporal, pola contra, increméntase un 14% respecto ao mes de abril e un 11,7% respecto a hai doce meses. 70.702 desdes  máis de 76.5000 asinados foron temporais.

Ademais, no mes de abril, último dato dispoñible, dos case 68.000 contratos iniciais, 22.906 duraron menos dunha semana, un terzo do total, tal e como destaca UGT-Galicia. 

O 53,7% dos parados galegos non ten ningún tipo de cobertura

En canto á cobertura por desemprego, a cifra de beneficiarios de prestacións en Galicia é de 105.621 persoas, estando o carácter contributivo desta prestación en mínimos, o 39,3% do total. A taxa de cobertura é a día de hoxe do 50,4%, acadando mínimos históricos. Ademais, hai 122.532 persoas en situación de desemprego sen ningún tipo de cobertura, o 53,7%, o que supón un forte risco de exclusión social.

 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.