A contratación temporal reduce o paro e aumenta o emprego en 5.500 persoas en Galicia

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

O paro rexistrado descendeu en Galicia no pasado mes de marzo. Fíxoo, como adoita nos últimos meses, a un ritmo algo inferior ao do conxunto do Estado. Caeu en 1.868 persoas, quedando o número total en 210.056, o que supón un descenso do 0,88% con respecto ao mes anterior, fronte ao 1,3% do conxunto de España, onde descendeu en case 50.000. 

O paro descendeu en 1.868 persoas durante o mes de marzo

En comparación con hai un ano, Galicia conta con 21.471 parados menos rexistrados nas antigas oficinas do Inem, segundo os datos do Ministerio de Emprego, logo dun descenso no mes de marzo que foi xeral en todas as provincias galegas e en todos os sectores, agás no colectivo sen emprego anterior. A baixada do desemprego no país, con todo, non foi destacada no conxunto do Estado, xa que tan só Euskadi, Comunitat Valenciana e as Canarias tiveron un peor comportamento

O número de afiliados á Seguridade Social incrementouse en 5.570 persoas

As cifras foron mellor respecto dos cotizantes á Seguridade Social. Así, o número de afiliados incrementouse en 5.570 en relación a febreiro (+1,98%), o que supón un total de 959.133, que son 18.585 máis que no terceiro mes de 2016. Con todo, en termos interanuais, a suba en afiliados non se corresponde coa baixada do paro en case 21.500. Unha diferenza de case dous milleiros que se está a reducir pero que segue a amosar a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. Non todo o descenso do paro rexistrado equivale a novos postos de traballo, malia que na variación mensual a diferenza é, desta vez, favorable aos cotizantes. 

Máis de nove de cada dez contratos asinados no que vai de ano foron temporais en Galicia

Malia todo, a precariedade non diminúe. No primeiro trimestre de 2017 asináronse en Galicia un total de 209.570 contratos, dos que tan só o 9,92% (20.783) foron indefinidos. Xa que logo, máis do 90% (188.787) foron temporais. A tendencia é semellante á do conxunto do Estado, onde tamén máis do 90% da contratación no que vai de ano foi temporal. 

En canto á evolución mensual, o incremento máis importante dáse na contratación temporal: 13.732 contratos eventuais máis (+24,53 %) e 1.298 contratos indefinidos máis (+20,45 %). Na comparación anual, rexistráronse 1.470 contratos indefinidos máis (+23,80 %) e 8.519 contratos temporais máis (+13,92 %).

A precariedade e a elevada rotación seguen vixentes: só no mes de marzo asináronse  máis de 77.000 contratos en Galicia

Tal e como insisten os sindicatos, non hai proba mellor que demostre a temporalidade e rotación no emprego que o elevadísimo número de contratos que se asinan. Neste último mes de marzo foron 77.353 en Galicia, no mesmo período no que o paro rexistrado tan só baixou en 1.868 e o número de cotizantes aumentou nuns 5.500. Como consecuencia, son moitos os parados que non teñen dereito a prestación logo de perder o traballo.

As prestacións contributivas tan só representan o 42,4%, polo 46,2% dos subsidios

Ademais, a taxa de cobertura por desemprego en Galicia continúa en caer. Desta vez, a de febreiro -último mes con datos- situouse no 52%, punto e medio menos que en xaneiro. Cada vez menos parados cobran algún tipo de prestación. Así, as contributivas só representan o 42,4%, mentres que os subsidios por desemprego supoñen o 46,2%. Alén disto, desde febreiro de 2016 hai 10.863 persoas menos percibindo prestacións por desemprego (–9,6 %) e o gasto por prestacións baixou un 7,4 %.

Aínda así, desde a Xunta destácase que a recuperación económica "estase a consolidar na comunidade cun emprego de calidade". Asegúrao a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, ao reparar no incremento da afiliación nun 1,98% e na contratación nun 14,8%. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.