A Coruña e Santiago son os concellos máis endebedados de Galicia

Pleno municipal no Concello da Coruña © Concello da Coruña

A reforma das Administracións locais que prepara o Goberno central promete revolucionar os concellos. Sobre o dogma da austeridade e o equilibrio orzamentario os gobernos dos municipios ven con temor como a lupa do déficit se pousa sobre o funcionamento diario do ente público máis próximo á cidadanía. O gabinete de Rajoy prevé unha férrea disciplina orzamentaria e, en boa medida, baleirar de contido os concellos de menores dimensións. Neste contexto, unha ollada ás contas municipais permite realizar unha radiografía da cuestión, así como do comportamento dos diferentes concellos en plena crise económica. Un bo indicador para este exercicio son as cifras de débeda pública de cada Administración local que cada ano publica o Ministerio de Facenda. Segundo os datos desta estatística os concellos galegos incrementaron o seu endebedamento nun 19,8% entre 2011 e 2012 e os que máis débeda acumulan son A Coruña e Santiago.

Aínda que o Goberno central carga boa parte do peso da súa reforma nos pequenos municipios son as grandes cidades, como era de agardar, as que acumulan o groso da débeda. Dos 773,5 millóns de euros que resultan de sumar a débeda de todos os municipios do país máis do 46% corresponde ás sete cidades xunto con Vilagarcía de Arousa. Así e todo, o comportamento financeiro das grandes urbes non foi o mesmo en todos os casos. Así, unha ollada cara a atrás permite coñecer que no último ano A Coruña e Santiago non só se mantiveron á cabeza do endebedamento, senón que ademais o incrementaron. No caso coruñés, a suba foi do 9,3% ata chegar a 79,5 millóns e en Compostela a débeda é de 63,8 millóns, un 9,5% máis que ao remate do ano anterior. Tamén Ferrol rematou 2012 con máis débeda que en 2011 -un 7,8% máis, ata os 32,5 millóns- e a Vigo aconteceulle o mesmo, con 55,7 millóns de euros que supoñen un 21,15% máis, o maior incremento da Galicia urbana.

Pontevedra, Lugo e Ourense reducirón a súa débeda durante 2012

Fronte ao medre das débedas coruñesa, compostelá, viguesa e ferrolá atópanse as restantes tres grandes cidades, que minguaron a súa débeda viva entre 2011 e 2012. Dos tres gobernos municipais que reducen débeda o que o fixo nunha porcentaxe menor foi Ourense, que pasou de 48 millóns a 47,8 -unha redución do 0,5%-. A seguinte cidade que máis reduciu o seu endebedamento foi Lugo, que finalizou o pasado ano con 39,6 millóns de euros, case un 6% menos que no ano anterior. O maior recorte de endebedamento atópase, segundo os datos de Facenda, no Concello de Pontevedra, que coa súa redución do 14% queda con 20,5 millóns de débeda, a menor cifra das sete cidades que a deixa tamén por baixo de Vilagarcía, cuxo goberno local acumula 21,2 millóns de débeda.

Á marxe da Galicia urbana hai ata cinco vilas medias que superan os 10 millóns de euros de débeda segundo a mesma base de datos oficiais. Neste caso están Viveiro (14,7 millóns), Sanxenxo (13,9), Cangas do Morrazo (13,4), Narón (11,9) e Mos (11,4). Na banda media, entre os 5 e os 10 millóns, están municipios como Culleredo (9,3), Poio (8,8), Ribeira (6,8) ou Ames (5,4). A continuación, por riba do millón de euros atópanse as contas municipais de concellos como Allariz (4,7 millóns), Vilalba (4,3), Lalín (4), Teo (3,08), Monforte (2,6) ou O Barco de Valdeorras (1,8). Por baixo deste nivel están concellos na súa maioría de pequenas dimensións e que van dende casos como os 993.000 euros de Vedra ou os 793 da Mezquita ata os 13 millóns de Chandrexa de Queixa e os 7 de Pazos de Borbén.

Cincuenta e oito concellos galegos non teñen débeda pública

Neste contexto de estreiteces económicas hai case unha sesentena de concelllos que afrontan a treboada financeira e a devandita reforma local sen térense que preocupar polo endebedamento, cando menos de momento. Son, concretamente, 58 concellos que segundo o Ministerio teñen cero euros de débeda pública. Nesta situación atópanse Abegondo, Aranga, Arteixo, Boimorto, A Capela, Cerdido, Cesuras, Coirós, Dumbría, Irixoa, Mañón, Muxía, O Pino, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, Touro, Trazo, Vilarmaior, Zas, Becerreá, Cervantes, O Corgo, Xove, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela, Barbadás, Beade, Carballeda de Valdeorras, Cenlle, Coles, Leiro, Manzaneda, Melón, A Merca, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Punxín, San Cibrao das Viñas, A Teixeira, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilar de Barrio, Vilardevós, Campo Lameiro, Cotobade, Cuntis, Mondariz-Balneario, As Neves, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro e Valga.   

Fonte: Ministerio de Facenda (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.