A crise ataca con máis forza a Galicia atlántica

Aumenta o número de fogares con dificultades para chegar a fin de mes CC-BY-NC-SA Markel 2007

A crise económica, pola súa intensidade e duración acaba por afectar a (case) todos. Aínda de que dende logo a unhas persoas ou clases sociais máis de a outras. Tamén é moi distinta a súa incidencia en cada territorio, tanto se facemos unha análise a nivel europeo, estatal como galego. En Galicia, de feito, os datos da Enquisa de condicións de vida das familias, publicada polo Instituto Galego de Estatística, revelan que a crise está golpeando con máis forza nas cidades e nas comarcas urbanas, sobre todo naquelas que de Ferrol até a fronteira con Portugal, conforman o eixo atlántico.

A crise está golpeando con máis forza nas cidades e nas comarcas urbanas, sobre todo naquelas que de Ferrol até a fronteira con Portugal, conforman o eixo atlántico

Os indicadores da taxa de risco de pobreza, dos fogares con dificultades serias para chegar a fin de mes, dos ingresos mensuais por familia ou da percepción de prestacións amosan que nos últimos cinco anos a situación económica dos galegos e galegas que habitan as zonas urbanas empeorou notablemente, mentres que nas zonas rurais, e en xeral nas dúas provincias orientais, a recesión notouse menos, e nalgúns lugares mesmo descendeu, por exemplo, a taxa de risco de pobreza (a porcentaxe de persoas cun ingreso equivalente inferior ao limiar de risco de pobreza de Galicia, que se establece no 60% da mediana de ingresos equivalentes, uns 597 euros). O desemprego, iso si, disparouse en todas partes, aínda que é nas cidades onde este incremento do paro se viu acompañado cun descenso da taxa de actividade. A xente non só non ten emprego, senón que xa non o busca: perde a esperanza ou, simplemente, marcha do país.

A taxa de pobreza en Ourense descendeu con forza, e pasou de afectar ao 21,71% da poboación a facelo ao 15,59%. O mesmo pasou en Lugo, aínda que de forma menos marcada (pasou do 14,01% ao 12,72%)

No conxunto de Galicia, a porcentaxe de persoas por debaixo do limiar de risco de pobreza creceu dende o 13,88% en 2008 até o 15,73% en 2011. Porén, a evolución foi moi diferente nunhas zonas e noutras. Na provincia de Ourense descendeu con forza, e pasou de afectar ao 21,71% da poboación a facelo ao 15,59%. O mesmo pasou en Lugo, aínda que de forma menos marcada (pasou do 14,01% ao 12,72%). É moi distinto o caso das provincias atlánticas, e sobre todo de comarcas como Ferrolterra (onde pasou do 11,6% ao 17,22%), A Coruña (onde creceu dende o 8,49% até o 12,49%), Vigo (do 12,09% até o 15,95%), Pontevedra (do 11,91% ao 15,09%), O Morrazo (do 11,86% ao 15,54%), Caldas-O Salnés (do 12,02% ao 23,71%) ou Pontevedra Sur (do 16,46% ao 33,07%).

A porcentaxe de fogares que afirman ter “moitas dificultades” para chegar a fin de mes no conxunto de Galicia pasaron de representar o 10,95% do total a ser o 15,26%

O mesmo sucede se analizamos a porcentaxe de fogares que afirman ter “moitas dificultades” para chegar a fin de mes, que no conxunto de Galicia pasaron de representar o 10,95% do total a ser o 15,26%. Mentres na provincia de Lugo, descenderon dende o 12,7% até o 10,58% e na de Ourense creceron lixeiramente (do 9,14% ao 10,22%), nas comarcas coruñesas e pontevedresas a realidade é moi outra. Na cidade da Coruña e a súa contorna pasaron do 7,50% ao 13,16%, en Ferrolterra do 8,43% ao 19,08%, en Santiago do 9,35% ao 13,68%, en Vigo do 13,49% ao 18,03%, en Pontevedra do 12,33% ao 15,67% ou en Pontevedra Sur do 9,85% ao 32,26%.

Se miramos a evolución do nivel medio de ingresos dos fogares galegos nos últimos catro anos, vemos como, dende o comezo da crise, en termos globais, pasou de 2.029 euros mensuais (en 2008) a 1.908 (en 2011). Porén, hai moitas diferenzas entre unhas comarcas e outras. As zonas urbanas, sobre todo as situadas no eixo atlántico, seguen encabezando a lista, pero nelas prodúcense os descensos máis importantes. A Coruña pasa de 2.333 a 2.084 euros, Ferrolterra de 1.992 a 1.817, Pontevedra de 2.153 a 2.032, Vigo de 2.196 a 2.010. En cambio, a provincia de Ourense no seu conxunto ascendeu dende os 1.659 até o 1.707 euros, e outras áreas maioritariamente rurais tamén experimentaron leves subas, como Lugo Oriental (de 1.826 a 1.854).

 

Desemprego

O paro ascende en todas as cidades, pero de forma especial en Ferrol (do 13,6% ao 28%), Pontevedra (13,6% ao 26,7%) e Ourense (11,4% ao 24,9%), que duplican as cifras que se rexistraban en 2009

A taxa de paro en Galicia pasou do 12,4% en 2009 até o 21,6% revelado pola EPA do terceiro trimestre do 2013, coñecida esta semana. Os ascensos son xeneralizados e, de feito, déixanse notar con máis forza nas cifras da provincia de Ourense, que pasou neste tempo do 11,5% ao 24,8%, superando mesmo a Pontevedra, que rexistra a segunda maior taxa de toda Galicia, cun 24,3%. Mentres, a taxa de actividade en Galicia mantense estable dende o comezo da crise, cun leve descenso, dende o 55,1% rexistrado no terceiro trimestre de 2009, até o 54,7% actual. Iso si, estas mesmas cifras amosan un pequeno ascenso nas provincias de Lugo e Ourense, e descensos na Coruña e Pontevedra.

Se analizamos as sete grandes cidades galegas, vemos como o paro ascende en todas elas, pero de forma especial en Ferrol (do 13,6% ao 28%), Pontevedra (13,6% ao 26,7%) e Ourense (11,4% ao 24,9%), que duplican as cifras que se rexistraban en 2009. Resulta moi significativo, igualmente, observar as taxas de actividade, xa que mentres esta crece lixeiramente nos concellos de Lugo (60,7% ao 62,2%) e Ourense (55% ao 59,9%), descende nas restantes urbes: A Coruña (59,4% ao 57,8%), Pontevedra (59,2% ao 56,2%), Santiago (65,3% ao 62,3%) e Ferrol (51% ao 47%). Tamén crece unhas décimas en Vigo (do 61,4% ao 61,7%), aínda que durante estes últimos catro anos se mantivo por debaixo.

Cada vez son máis os fogares nos que todos os seus ingresos proceden de prestacións públicas, ben sexan pensións de xubilación e enfermidade ou por desemprego. A porcentaxe creceu do 26,26% en 2008 até o 28,03% en 2011

De igual xeito, cada vez son máis os fogares nos que todos os seus ingresos proceden de prestacións públicas, ben sexan pensións de xubilación e enfermidade ou por desemprego. A porcentaxe creceu do 26,26% en 2008 até o 28,03% en 2011. Pero, de novo, atopamos como a evolución é distinta en Ourense (descende do 39,20% ao 34,67%) e Lugo (baixa do 29,46% ao 28,95%). A provincia da Coruña rexistra crecemento nesta variable en todas as súas comarcas, sobre todo a Costa da Morte e a área da Coruña suroriental, pero tamén nas súas tres áreas urbanas, e en Ferrolterra supera o 31%, unha cifra que só se acada en comarcas rurais de poboación envellecida. O mesmo sucede en Pontevedra, con fortes ascensos en Vigo (do 21% ao 26,45%), Pontevedra (do 20,14% ao 25,81%) e Pontevedra Sur (do 27,26% ao 33,58%).

Aumenta o número de fogares con dificultades para chegar a fin de mes CC-BY-NC-SA Markel 2007

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.