A crise, escenario ideal para a sangría do emprego público

Mobilización dos empregados públicos © CCOO Galicia

No inicio da actual crise económica diversas voces económicas e políticas puxeron o persoal público no albo das súas críticas. Presentábase os traballadores e traballadoras públicas como unha caste de clase privilexiada, á marxe das dificultades económicas, e os recortes sobre os seus salarios e dereitos sociais como unha caste de exercicio de solidariedade. Con este pano de fondo chegaron medidas como o recorte das baixas por enfermidade ou a reforma que abriu a porta por primeira vez aos despedimentos colectivos nas Administracións. "Non hai ERE nin despedimentos", veuse repetindo dende a Xunta e o resto de entidades públicas, centradas no discurso da "racionalización". Pero os datos dos propios gobernos e organismos oficiais desmenten tales afirmacións.

A primeira en admitir que soltou lastre de persoal é o propia Xunta, non en discursos ou intervencións públicas, pero si a través de documentos no Parlamento, concretamente en resposta a unha pregunta escrita do PSdeG a respecto dos datos de persoal ao servizo da autonomía. Esa documentación acredita que a comezos do presente 2013 a Xunta tiña un cadro de persoal formado por 87.026 persoas, 4.164 menos que no ano 2010, o primeiro no que rexeron uns Orzamentos elaborados polo Goberno de Feijóo. Daquela, sempre segundo a Xunta, a Administración autonómica empregaba 91.190 persoas, en 2011 xa eran 89.219 e en 2012 quedaron en 87.714.

A Xunta admite que prescindiu de máis de 4.000 persoas dende 2010

Non é esta a única fonte que acredita a sangría no emprego público. O Ministerio de Facenda, a través do seu departamento de Administracións Públicas, vén de facer público o seu último boletín a respecto dos datos de persoal no conxunto de entidades públicas, con datos correspondentes a xullo de 2012. Segundo ese estudo estatístico nesa data traballaban en Galicia 150.539 persoas ao servizo dalgunha administración, o que supón unha redución de 3.519 postos a respecto do ano anterior, cando figuraban 154.058 traballadores e traballadoras.

Facenda reflicte que, entre 2011 e 2012, a maior destrutora de emprego público foi a Administración local

A maior parte da diminución de persoal correspóndelle á administración local, segundo Facenda, que sinala que concellos e deputacións prescindiron de 5.291 persoas. A continuación sitúase a Xunta, con 1.742 empregos eliminados neses doce meses. A seguinte redución é a da Administración Xeral do Estado, que eliminou 595 postos de traballo no territorio galego. As únicas xeradoras de emprego público que, segundo o Ministerio, amorteceron a caída do emprego público entre 2011 e 2012 foron as tres universidades que, atendendo ao reflectido nestas táboas de datos, sumaron 4.109 empregos.

"No último ano o sector público destruíu máis emprego que o privado"

O estudo de Facenda queda en 2012 pero outras análises chegan máis adiante, concretamente ao primeiro trimestre de 2012. Baseándose na Enquisa de Poboación Activa (EPA), o sindicato Comisións Obreiras publicaba o pasado maio o informe O emprego en caída libre, o desemprego nun nivel insoportable. Nel debullaba o importante axuste de emprego sufrido polo sector público durante os primeiros meses do ano, con 27.500 empregos menso dos que 19.300, din, corresponden á Xunta. Tratouse, segundo o estudo, dun "axuste brutal, dunha dimensión descoñecida na nosa historia democrática, ata o punto de que no último ano o sector público destruíu máis emprego que o privado, o 14% fronte ao 3%".

  Estado Xunta Local Universidades TOTAL
2011 30345 88842 31043 3828 154058
2012 29750 87100 25752 7937 150539
Diferenza -595 -1742 -5291 +4109 -3519

 

Fonte: Ministerio de Facenda (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.