O Pew Research Center publica un estudo, realizado en oito países da Unión Europa, que analiza a evolución das actitudes dos seus habitantes cara ao sistema económico ou o proceso de construción política europea. España sitúase nun niveis de pesimismo, euroescepticismo e desconfianza do libre mercado só superados por Grecia.
O estudo salienta, a nivel xeral, que en Europa "o que comezou hai catro anos como unha crise da débeda soberana, tornou nunha crise do euro, levou á caída de varios gobernos, e agora converteuse nunha crise da confianza da cidadanía: na economía, no futuro, nos beneficios da integración económica europea, na pertenza á UE e no sistema de libre mercado". A investigación centrouse en oito países: Gran Bretaña, Alemaña, Francia, España, Italia, Grecia, Polonia e a República Checa e valorou a evolución seguida nos últimos cinco anos.
Os alemáns son os únicos satisfeitos coa situación actual do seu país (53%, fronte a un 45% de insatisfeitos), unhas porcentaxes que no resto dos territorios descende dende o trinta por cento de satisfeitos en Polonia, Gran Bretaña ou Francia até o 11% de Italia e o 10% de España ou o 2% en Grecia. España pasou de ter, nos estudos do Pew Center, un 50% de cidadáns satisfeitos entre 2005 e 2008 (era o país máis satisfeito dos estudados) a descender corenta puntos en catro anos. Preguntados especificamente pola situación económica, de novo son os alemáns os únicos que afirman que é boa (73%), fronte ao 19% de Francia, o 6% de España e o 2% de Grecia.
Os españois son os que en maior medida culpan da crise económica aos bancos e ás institucións financeiras (78%), moi por riba do goberno español (59%), á UE (19%) ou aos propios cidadáns (26%)
Os españois son os que en maior medida culpan da crise económica aos bancos e ás institucións financeiras (78%), moi por riba do goberno español (59%), á UE (19%) ou aos propios cidadáns (26%). Noutros países, como Chequia, Polonia, Grecia ou Italia, os principais culpables son os seus respectivos gobernos nacionais, segundo os entrevistados. Británicos e alemáns son os máis optimistas sobre a evolución da crise nos vindeiros meses, e ao redor de un de cada tres opinan que a situación "mellorará", unha proporción semellante aos que opinan que a cousa "empeorará". En España, Francia ou Italia a porcentaxe de optimistas sitúase entre o 20 e o 25 por cento (fronte a un 40-50% de persoas que pensan que a crise aínda irá a peor).
En España (52%) e Grecia (50%), xa son maioría os que desconfían do sistema capitalista. Nos dous últimos anos o apoio ao sistema de libre mercado descendeu vinte puntos en España, converténdose no país no que caeu con máis forza
Esta situación leva a que a confianza no capitalismo e no sistema de libre mercado descenda drasticamente en case todos os paises. Alemáns (69%), británicos (61%) ou franceses (58%) seguen tendo unha gran confianza no sistema, pero en España (52%) e Grecia (50%), xa son maioría os que desconfían do sistema capitalista. Nos dous últimos anos, o apoio ao sistema de libre mercado descendeu vinte puntos en España (do 67% ao 47%), converténdose no país no que caeu con máis forza.
A valoración sobre a Unión Europea e a pertenza de cada país a unha estrutura política común segue sendo positiva (ao redor do 60% de apoios en termos xerais), pero en España descendeu do 77% ao 60% nos últimos dous anos, pasando de ser o país máis europeísta dos oito a converterse nun dos máis euroescépticos, só superado por Gran Bretaña e Grecia, e no mesmo nivel que a República Checa. Os españois condenan o Banco Central Europeo (65% de opinións negativas fronte a un 25% de positivas) e mesmo o euro (o 41% cre que é negativo que España empregue a moeda única, fronte a un 37% que pensa que é positivo). Porén, de igual xeito, só o 36% apostaría por volver á peseta, mentres que o resto defende que se manteña o euro. Españois (43%) e checos (45%) son os máis críticos coas políticas de austeridade, mentres que polacos e alemáns piden máis recortes.
O apoio á UE descendeu en España do 77% ao 60% nos últimos dous anos, pasando de ser o país máis europeísta dos oito a converterse nun dos máis euroescépticos
O estudo amosa, ademais, que os alemáns son vistos, de forma unánime, coma os cidadáns máis traballadores, mentres que os italianos son considerados polos habitantes de todos os países (comezando por eles mesmos) coma os máis corruptos, seguidos dos españois.