Máis de 1.000 millóns de euros (1.040 en concreto). Ese é o custo da sinistralidade laboral en Galicia, segundo un informe presentado por CCOO que destaca, no entanto, a redución dos accidentes laborais nun 15,6% até deixalo nun total de 31.149 no pasado ano.
Sobre os custos que xeran os accidentes laborais, o informa de CCOO incide na necesidade de cobrar as sancións e compara o importe do primeiro concepto (1.040 millóns de euros) coas multas impostas pola Inspección do Traballo, que ascenden a tan só 5 millóns.
O estudo, presentado pola secretaria de Saúde Laboral e Medio Mabiente de CC.OO. en Galicia, Ascensión Esteban Ceballos, destaca a caída dos accidentes, pero “con prudencia” ante o descenso de traballadores afiliados por mor da crise económica. “A tendencia á baixa débese a todos os factores, desde a situación económica ás políticas de prevención postas en marcha”, di.
"A tendencia á baixa débese a varios factores, desde a crise ata as políticas de prevención".
Porén, e en canto a esta prevención, o sindicato advirte da perda de fondos desde hai 2008, o que supuxo un descenso do 60%. Segundo Comisións, os recursos destinados en 2012 á prevención de riscos laborais quedan en niveis de hai oito anos, xa que suman 9,2 millóns fronte aos 7,3 de 2004, unha cantidade menor, pero sempre que non se teña en conta a inflación. CCOO denuncia o "recorte desmesurado" de orzamento da Xunta para seguridade e hixiene no traballo, que diminuíu un 5% en 2012. En concreto, precisa que en 2010 o orzamento baixou un 19% até os 11,8 millóns, en 2011 un 18% até os 9,6, unha cantidade que en 2012 sitúase en 9,1 millóns, un 5% menos.
Os recursos destinados á prevención quedaron en niveis de hai oito anos
En canto ao tipo de accidentes, destaca que a caída da sinistralidade é máis acentuada nos graves (-22,8%), mentres que os leves redúcense nun 15,5% e os mortais nun 18,75%, aínda que deixaron a terrible cifra de 52 falecidos durante 2011. Os accidentes in itinere, que se producen nos desprazamentos ao traballo ou por causa deste, sumaron 3.350 en toda Galicia, un 15,04% menos.
Outro dos apartados sobre os que incidiu a responsable de CCOO foi o das enfermidades profesionais, nas que se mantén a "infradeclaración", é dicir, que se comunican menos procesos dos que realmente se producen. En 2005 declarábanse 35.000 casos, mentres que en 2010 foron unicamente 10.000, subliñou. "Temos un grave problema no país, que se pode ver incrementado", destacou e referiuse aos efectos da crise, que xunto coa reforma laboral, provoca "unha precarización". Polo momento, apuntou, detectouse un aumento do 50% nos riscos psicosociais.