A débeda da Xunta acada outro máximo histórico, pero segue por baixo do 20% do PIB

Débeda da Xunta CC-BY-SA Pra

A Xunta de Galicia debe máis cartos ca nunca e o peso da débeda pública sobre a riqueza do país está no seu máximo histórico. No entanto, a situación galega é moito menos preocupante que a do conxunto do Estado, toda vez que a débeda española xa supera o 100% do produto interior bruto (PIB), isto é, España xa debe máis do que ten. Os datos de endebedaento do primeiro trimestre de 2016, feitos públicos este mércores polo Banco de España, consolidan a débeda galega por riba da barreira dos 10.000 millóns e achégana aos 11.000, un récord cuxo impacto minora se análise é comparativa coa contorna máis próxima.

A débeda medrou durante todo o 2015 e acada os 10.641 millóns de euros

A débeda galega encadena cinco trimestres de subas e, tras superar por primeira vez os 10.000 millóns no comezo de 2014 e descender por última vez no inicio de 2015, retomou unha senda á alza que a ubicou, no inicio deste exercicio, nos 10.641 millóns de euros, o máximo de toda a serie histórica, unha diferenza superior aos 6.000 millóns de euros a respecto do ano 2009 e 7.000 máis que ao comezo da crise económica. 

O peso do 19% da débeda sobre o PIB é o máximo nivel acadado

Os datos do comezo do ano ratifican tamén o crecemento do peso da débeda no PIB galego, que segue, non obstante, moi por baixo do indicador estatal e tamén por tras da media das comunidades autónomas. Así, no primeiro trimestre a débeda era equivalente ao 19% do PIB galego, recuperando así o máximo histórico xa acadado a comezos de 2014 cando, non obstante, existía unha diferenza esencial a respecto da actualidade: o crecemento da economía do país era naquela altura plano, do 0%, e agora é feble, pero positivo.

Este 19% está cinco puntos por baixo da media autonómica e tamén por baixo das comunidades nas que a débeda pesa máis, encabezadas xa no inicio da crise pola Comunitat Valenciana. A débeda pesa menos, no entanto, noutros territorios como Euskadi, Canarias ou Madrid

  • A Xunta salienta o peso no PIB para afirmar que Galicia é "a quinta comunidade de réxime común con menos endebedamento"

O dato do peso da débeda no PIB é, precisamente, un dos salientados pola Xunta na súa avaliación destes datos que, din, acredita que Galicia é "a quinta comunidade de réxime común con menor nivel de endebedamento". A suba de catro décimas neste trimestre débese "principalmente", asegura a Consellería de Facenda, ao ingreso do Fondo de Facilidade Financeira do Goberno central. O Goberno galego aférrase tamén, como adoito, á comparación co ritmo de incremento de débeda nas outras comunidades autónomas.

"Grazas á xestión" da Xunta, asegura a propia Xunta, "Galicia ten menos endebedamento que a media autonómica", toda vez que "coa mesma evolución que o conxunto de comunidades Galicia tería neste momento uns 3.000 millóns de euros máis de débeda". Dende o comezo da crise o montante total da débeda galega incrementouse algo máis dun 200%, o segundo menor incremento porcentual do Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.