A débeda da Xunta disparouse un 91% en tres anos

Feijóo, coa conselleira de Facenda © Ana Varela

"Galicia é a comunidade máis solvente de España". En tempos de escaseza de foguetería investidora en forma de grandes obras a boa saúde das contas públicas é o mascarón de proa do argumentario do Goberno galego e, nomeadamente, do presidente da Xunta de cara ás vindeiras eleccións autónomicas. Pero é, efectivamente, Galicia a comunidade máis solvente? En termos de déficit, si. O feito de que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo adiantase os recortes que agora están a realizar outras autonomías permitiulle pechar 2011 cun 1,61% de déficit o que, unha vez coñecidos os datos ocultos de Madrid, permite que Galicia encabece o rexistro estatal no referido á relación entre ingresos e gastos. Pero esta situación se o dato consultado é a débeda pública. Dende que as urnas desaloxaron o bipartito de San Caetano, en marzo de 2009, ata o remate do primeiro trimestre de 2012, este indicador incrementou nun 91%.

Cando Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana tiveron que facer as maletas para deixarlle sitio a Feijóo a Facenda pública galega tiña, segundo datos do Banco de España, unha débeda de 3.863 millóns de euros. O regulador financeiro presentaba a pasada semana os datos correspondentes ao remate do pasado marzo e o resultado anda próximo á multiplicación por dous. Concretamente, a Administración debe 7.381 millóns de euros, máis ca nunca na historia da autonomía. Estas cifras supoñen que a débeda pesa xa un 12,8% no Produto Interior Bruto (PIB) galego.

Con estes números sobre a mesa é posible afirmar que Galicia é líder en cumprimento do déficit, pero non é no referido á débeda. Se ben está lonxe dos 42.000 millóns que adebeda a Generalitat de Catalunya, só Valencia, con máis de 20.000 millóns, Madrid, con case 17.000 e Andalucía, que supera os 15.000, superan a débeda galega, quinta no ranking. Un posto máis abaixo, no sexto, están as contas galegas se o comparado é a ratio entre débeda e PIB. Neste caso a líder é tamén Catalunya, co 21%, seguida de Valencia, Baleares, Castilla-La Mancha e Navarra.

Comparecencia denegada

Este medre da débeda pública nos últimos tres anos e o incremento "dun 19,5% só no último ano" foron os argumentos que este luns puña sobre a mesa o PSdeG para reclamar unha comparecencia do presidente no Parlamento. Os socialistas, único dos dous grupos da oposición con deputados dabondo como para pedir unha comparecencia, coidan que cómpre porlle fin á "cerimonia da confusión sobre a situación económica de Galicia" e que Feijóo debe admitir que é "falso que Galicia sexa a comunidade autónoma máis solvente do Estado, xa que hai once con menos débeda en relación ao PIB". Para o voceiro da formación no Parlamento, Abel Losada, resulta "escandaloso" que, con estes datos, o xefe do Goberno continúe "empeñado en antepoñer unha imaxe falsa de xestor eficiente á realidade económica de Galicia.

O PP négase a que Feijóo compareza para falar sobre a débeda porque a petición do PSdeG ten "unha xustificación endeble"

Pero, como adoita acontecer, esta petición de comparecencia será denegada polo PP. Aínda que o rexeitamento formal non chegará ata este martes, na reunión da Xunta de Portavoces que configurará o derradeiro pleno do período de sesións -e, se cadra, tamén da lexislatura-, o voceiro conservador, Pedro Puy, xa avanzou a negativa porque a solicitude socialista ten, ao seu xuízo, unha "xustificación moi endeble". "Que Galicia é a comunidade máis solvente do Estado é un dato oficial e non hai a menor dúbida sobre este asunto", di o popular, en cuxa opinión o PSdeG se limita a "negar a evidencia".

"A Xunta ten nestes momentos uns niveis de enbedamento por baixo da media", argumenta, ao tempo que sinala que Galicia "se endebedou máis que o resto das comunidades autónomas porque ten quen lle preste os cartos". Así, xustifica, "o resto das autonomías non poden executar o seu plan de endebedamento porque cando van aos mercados ou lles esixen un tipo de xuro altísimo ou non poden contratar esa débeda ou non lles dan os cartos". "O feito de que Galicia poida executar o seu plan de endebedamento é un sinal máis que reforza que é unha comunidade solvente", conclúe.

Fonte: Banco de España CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.