O Goberno galego reitera dende hai anos que "a comunidade galega vén mantendo unha política de control do endebedamento" e subliñaba a finais do pasado 2014 que Galicia "foi a comunidade de réxime común que menos incrementou o seu endebedamento". Aínda sendo certo que o incremento da débeda pública da Xunta é inferior ao doutras autonomías e mesmo sendo certo tamén que o seu peso sobre o produto interior bruto está moi por baixo do doutros territorios do Estado, non o é menos que nos últimos anos este endebedamento mantén unha senda alcista que vén de superar os 10.000 millóns de euros por segunda vez en menos dun ano, o que implica volver rexistrar outro máximo histórico.
O Banco de España vén de facer públicos os datos do endebedamento das Administracións públicas correspondentes ao segundo trimestre de 2015 e nel o dato da débeda galega ascende ata os 10.210 millóns de euros, 304 millóns máis que no primeiro trimestre e 249 máis que no peche do exercicio de 2014, que rematou en 9.961 millóns.
A débeda no segundo trimestre de 2015 acadou os 10.210 millóns, 304 máis que no primeiro trimestre
Estas cifras supoñen poñer fin á lixeira tendencia descendente da débeda pública galega experimentada durante o ano 2013. Daquela, tras superar por primeira vez os 9.000 millóns de euros, o endebedamento descendeu durante dous trimestres consecutivos, se ben as subas inmediatamente posteriores derivaron en traspasar a barreira dos 10.000 no primeiro trimestre 2014. O máximo acadado no segundo trimestre de 2015 é 100 millóns superior ao rexistro de marzo de 2014.
O nivel acadado pola débeda galega no segundo trimestre de 2015 é o maior da serie histórica en termos absolutos e o segundo maior no que atinxe ao peso sobre o conxunto da riqueza do país. A débeda supón un 18,3% do PIB galego, 3 décimas máis que tres meses antes, un nivel idéntico ao do segundo trimestre de 2014.
Lectura positiva da Xunta
Malia estes números, que implican un incremento do 138% na débeda pública dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta, a lectura que o Goberno galego fai dos datos é netamente positiva. A través dun comunicado a Consellería de Facenda destaca que Galicia "xa é a sexta autonomía menos endebedada" e coida que o Banco de España "volve ratificar un trimestre máis que Galicia é a comunidade de referencia no control do endebedamento".
A Xunta cre que estes datos "ratifican que Galicia é a comunidade de referencia no control do endebedamento"
"O aumento da ratio de débeda" sobre o PIB, di Facenda, "foi menos da metade que do incremento rexistrado no conxunto de España" e, ademais, "Galicia foi a terceira comunidade onde menos medrou o endebedamento a respecto do trimestre anterior". Sen mencionar a chegada por segunda vez aos 10.000 millóns nin o feito de que esta cantidade sexa un máximo histórico a Xunta engade tamén que "a posición de Galicia no conxunto das comunidades autónomas ten mudado notablemente", xa que "en 2008 era a cuarta comunidade con máis débeda".