A débeda das administracións públicas españolas ascende a 734.961.000.000 euros, o 68,5% do Produto Interior Bruto (PIB). Desa cantidade, 140.083 millóns de euros corresponden ás comunidades autónomas. Algo máis de 7.000 millóns a Galicia, exactamente a mesma cantidade de débeda que tiña a cidade de Madrid no mes de xaneiro. O endebedamento das administracións públicas segue a medrar para facer fronte á actividade malia a unha abrupta caída dos ingresos. A caída do consumo, de actividade e do emprego rebentan a caixa de recadación do IVE, Sociedades ou o IRPF. Só o último, que se impón ás rendas do traballo, se subiu este ano.
O incremento da débeda foi de 848 millóns de euros no último ano, uns 2,3 millóns de euros cada día.
No caso galego, o incremento da débeda foi de 848 millóns de euros no último ano, uns 2,3 millóns de euros cada día. Malia que a débeda non deixou de medrar durante todo 2011 si que houbo un estancamento na ratio débeda PIB, que ficou no 12,3%, froito dunha suba sostida tanto do débito como da actividade económica. Con todo, a galega é a sexta comunidade cunha maior taxa de débeda en relación ao PIB, só por detrás das Baleares, Castilla La Mancha, Catalunya, Comunidad Foral de Navarra e Valencia.
As empresas públicas galegas tamén incrementaron o seu pasivo, aínda que de maneira practicamente anecdótica. A débeda medrou en tres millóns de euros, ata os 232 millóns de euros. Malia que o balance do último trimestre non sexa moi negativo neste aspecto, e atendendo á estatística, as empresas públicas arriscaron co endebedamento na última década (en tres lexislaturas). En 2001 a débeda era de dez millóns de euros.
Datos globais
En total, a débeda do conxunto das administracións públicas medrou no último ano un 14,2%, por debaixo do incremento específico do pasivo das CCAA, de máis do 17%. O endebedamento do Estado (só administración central) creceu un 11%. O dos concellos caeu ao pasar de 35.431 millóns en decembro de 2010 a 35.420 millóns no mesmo mes de 2011.