O pasado luns producíase un curioso episodio na Comisión de Orzamentos do Parlamento. Debatíanse as contas da Consellería de Sanidade para o ano 2013 e a voceira de AGE, Eva Solla, censuraba os recursos públicos dedicados ao endebedamento mentres se producen recortes sociais. Na súa opinión esas achegas son criticables porque, en boa medida, esa débeda é "odiosa". Dende as bancadas populares véuselle dicir que para eles tamén era "odiosa", no sentido de ser pouco querida, e Solla aclaroulles que se estaba a referir a un concepto económico, referido á débeda pública que se utiliza contra os intereses dos cidadáns. Odiosa ou non o certo é que a débeda pública da Xunta non deixou de incrementar nos últimos anos. Cun montante total de 7.622 millóns de euros acumulados ao final do terceiro trimestre de 2012, segundo datos do Banco de España, a cantidade que chucha en 2013 convértea nunha caste de terceira consellería.
Tomando como referencia o proxecto de Orzamentos Xerais para 2013 só as dúas consellerías, Sanidade e Educación, teñen unha dotación orzamentaria de gastos maior que a que vai parar á débeda. Así, o departamento sanitario está dotado con 3.200 millóns de euros e o educativo, con algo máis de 2.100 millóns. A continuación sitúase xa a débeda, á que este ano o Goberno galego prevé dedicarlle 1.110 millóns de euros. Isto implica que o endebedamento está xa por diante dun departamento netamente social, como é Traballo e Benestar, ao que lle corresponden 740 millóns. Tamén recibe menos Medio Rural, con 624 millóns e Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que conta con 404 millóns. Do mesmo xeito, queda por baixo a Presidencia da Xunta (265 millóns), a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia (201 millóns) e Facenda, con algo menos de 54 millóns de orzamento de gastos.
Só Sanidade e Educación teñen máis dotación orzamentaria que a débeda pública, cuxos xuros aumentaron un 97% dende 2009
Esta escalada da débeda pública ata ser o terceiro departamento gobernamental percíbese tamén con claridade ao analizar a súa evolución nos orzamentos de anos pasados. Así, nas derradeiras contas elaboradas polo bipartito, as de 2009, estaban reservados para a débeda 393,04 millóns de euros, o que implica que o incremento da súa dotación orzamentaria ata 2013 foi do 182%. Os primeiros orzamentos do gabinete dirixido por Alberto Núñez Feijóo xa experimentaban un notable incremento no servizo á débeda, chegando aos 672,5 millóns. Tras unha leve baixada en 2011, cando quedou en pouco máis de 605 millóns, o incremento regresou en 2012, cando chegou aos 830,6 millóns e culmina polo momento en 2013, cos devanditos 1.110,9 millóns.
Ademais da dotación orzamentaria, o significativo incremento da débeda pública nestes últimos anos trouxo consigo tamén unha suba do 97% na cantidade anual de xuros a pagar pola mesma. Segundo consta nos sucesivos orzamentos que é posible atopar na base de datos de Facenda, en 2009 os xuros ascendían a 145,8 millóns, en 2010 eran 154 e en 2011, 192,9. Xa en 2012 houbo que facer fronte a uns gastos de 286,8 millóns de euros de xuros e, neste 2013, Facenda prevé pagar catro millóns máis que no ano anterior, chegando a 290,9 millóns de euros. Estas cantidades que son superiores, por exemplo, aos cartos que perden as consellerías sociais, son legalmente prioritarios á hora de realizar pagamentos por parte do Goberno. En virtude da reforma constitucional de 2011, a amortización de débeda e o pagamento de xuros son prioridade "absoluta" antes que calquera outro destino do investimento público.