No último minuto ou case no tempo engadido. Os grupos parlamentarios de PP e PSdeG pactaron a inclusión nos Orzamentos da Xunta dunha partida de cinco millóns de euros para a construción do dique flotante nos estaleiros da ría de Ferrol, un proxecto estimado en 165 millóns de euros. No último día do debate dos Presupuostos, e logo de negociacións ao límite, os populares aceptaron este acordo tras unha emenda socialista aos fondos do Igape a partir da cal a dereita negociou.
Méndez Romeu e Beatriz Sestayo, polo PSdeG, e Pedro Puy e Miguel Tellado, polo PP, levaron o peso dunhas conversas nas que tamén estiveron o BNG e AGE, que finalmente non se sumaron ao acordo e optaron pola abstención. Ambas as dúas formacións consideran escasa a achega e temen que só sirva para xustificar a inacción do PP respecto do sector naval, pero evitan votar en contra dunha partida que, aínda que mínima, vai destinada a unha infraestrutura que os traballadores e a comarca levan anos reclamando. Os cinco millóns de euros suporían un 3% dos 165 total que se calcula que costaría o proxecto. "Están a enganar á cidadanía; é unha farsa e unha cantidade ridícula", asegurou Alternativa.
O pacto non foi nada sinxelo e só ao final o PP accedeu a que a partida fose de cinco millóns e unicamente para o dique
O parto do pacto non foi nada sinxelo, xa que estivo a piques de caer nos últimos momentos. Os populares querían facer unha reserva de tres millóns de euros "para o dique flotante e outras infraestruturas navais", pero os socialistas lograron que a partida estivese cinguida unicamente ao dique e incluso incrementala aos cinco millóns. A propia Sestayo asegurou logoque espera que Feijóo chame inmediatamente a Mariano Rajoy para "acordar o financiamento conxunto e inmediato do dique flotante, unha necesidade prioritaria, urxente e básica para o presente e futuro da comarca".
E o acordo chegou, malia que o voceiro dos conservadores, Pedro Puy, asegurara o pasado luns que o seu grupo rexeitería "todas" as propostas da oposición e logo de que o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, se negase este martes a facer alusión ningunha ao naval malia a masiva manifestación do pasado domingo en Ferrol.
A polémica chegou cando a Xunta publicou unha nota na que atribuía o mérito ao Goberno galego e non ao Parlamento
Á marxe do propio pacto, a controversia chegou a un pleno que xa viña crispado dende primeiras horas da mañá cando o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, revelou que a Consellería de Industria viña de remitirlles aos medios e de publicitar a través da web da Xunta un comunicado no que anunciaba que o Goberno galego ía destinar nos seus orzamentos a devandita partida de cinco millóns de euros "para colaborar na construción do dique flotante" ou "outras infraestrutura necesarias para garantir a viabilidade de Navantia na área de reparacións". A nota, publicada mentres a sesión parlamentaria aínda continuaba, non garantía, a xuízo da oposición, nin sequera que eses fondos fosen para o dique.
Para Jorquera, este comunicado non é máis ca un "exemplo do respecto" que os conservadores teñen polo Parlamento, máis aínda tendo en conta que "non foi a Xunta" quen decidiu darlles ese destino aos cartos, senón o propio lexislativo "a través dunha emenda" socialista "que o resto dos grupos admitimos". Pero para admitilo "esiximos que onde vostedes querían que puxese dique flotante ou outras infraestruturas, puxese só dique flotante". Tamén o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, censurou o xeito de proxecer do Goberno, se ben considera que responde á súa actitude "sistemática".
O propio Pedro Puy admitiu que o comunicado da Xunta "non responde á verdade" tras as críticas da oposición
Pola banda socialista, Abel Losada asegurou sentirse novamente "estafado" polos populares, se ben razoa que a "un partido que non condenou a ditadura franquista" lle "custa traballo distinguir o executivo do lexislativo". Neste contexto e nun clima de tensión crecente o propio voceiro do PP, Pedro Puy, admitiu que a nota enviada pola Xunta "non responde á verdade". Finalmente, o Executivo remitiu un novo comunicado, facendo referencia só ao dique flotante pero obviando, non obstante, que o investimento ten a súa orixe no Parlamento.
O PP vota en contra dunha proposta do BNG para un plan específico para o naval no Congreso
Mentres, o BNG pediu no Congreso un plan específico para o naval que contemple a construcción do dique flotante nos estaleiros públicos de Navantia, o levantamento do veto sobre Navantia Fene, a presenza do sector na axenda exterior do Goberno para lograr contratos de buques, o desbloqueo das cuestións pendentes para poder aplicar o tax lease e a clarificación dos contratos con Pemex. O PP, incluído os deputados galegos, votou en contra.
Un mínimo pacto tras unha masiva manifestación
Algo puido ter que ver, tanto no acordo mínimo entre PSdeG e PP como na lea posterior a raíz da nota de prensa, a masiva manifestación celebrada o pasado domingo en Ferrol, onde se agardan dende hai meses respostas sobre o dique flotante ou os floteis de Pemex. Pero os meses pasan e os encargos non chegan. Unha situación dramática para toda unha cidade e unha comarca, pois do sector naval aínda dependen ao redor de 17 mil persoas. Segundo Ignacio Naveiras, voceiro do comité de empresa, nestes momentos a única actividade do estaleiro é o remate dun segundo buque para Australia. En setembro todo o cadro de persoal estará sen actividade e a industria auxiliar desaparecerá por completo.
No último ano e medio a industria auxiliar de Navantia perdeu case dous mil traballadores e a situación semella que vai continuar. A comarca de Ferrolterra ten unha taxa de paro próxima ao 30%. A construción dun dique flotante permitiría facer obras en buques de última xeración e só a súa fabricación daría emprego a unhas 900 persoas durante dous anos. O PP asegurou que o proxecto iría adiante, pero nas últimas semanas SEPI e Navantia deixaron clara a súa negativa, escudándose no rexeitamento da UE. Segundo a empresa estatal, construír esta infraestrutura iría contra as normas comunitarias, xa que as axudas estatais para o financiamento público necesario serían consideradas como ilegais pola UE. Outra promesa electoral popular son os floteis de Pémex, aínda no aire.