A difícil supervivencia da pesca do bonito

Boniteiro de Burela CC-BY-SA O Roxo

O verán comeza na localidade mariñá de Burela coas festas do Carme. Na vila mariñeira este ano as celebracións encheron os últimos días do mes de maio e son o sinal de saída para a flota boniteira que ata o mes de setembro ou outubro navegará por todo o Golfo de Biscaia na procura dos bancos de peixe. A pesca do bonito marcou durante décadas o ritmo de traballo no porto burelao durante o verán, converténdoo no referente tanto galego como do Estado na captura desta especie de túnido

O bonito do norte (Thunnus Alalunga) é unha especie peláxica migratoria que busca augas tropicais ou de temperaturas propicias para o seu desenvolvemento. En concreto, a especie bonito do norte vive durante o inverno nas augas que arrodean os Azores. Ao final da primavera comeza a súa migración ao Golfo de Biscaia para volver ao punto de orixe a finais do verán e comezos do outono. E cada ano o mesmo camiño. Cómpre distinguir este bonito do chamado bonito do sur (Sarda Sarda) ou bonito simplemente.

A tempada de pesca, coñecida como costeira do bonito dura entre tres e catro meses. Cada espazo de tempo entre saíde e volta ao porto denomínase marea. Unha marea pode ser de catro a dez días e así ata completar o circuíto.

Pero se hai un elemento que de verdade distingue esta actividade pesqueira de moitas outras é a arte de pesca chamada curricán ou cacea. Son dúas varas longas colocadas a babor e estribor. Estas varas serven como unha cana xigante aos aladores ou carretes de grande tamaño desde os que se vai botando o fío ao que se ata o anzol e a carnada ou engado para o peixe. Ese engado era ata hai anos, unha folla de millo branqueada con lixivia, agora é unha peza plástica tamén branca. As varas, antes de eucalipto agora son de aluminio, máis resistentes e máis duradeiras. Esta pesca é selectiva, sen dano para o resto de especies que poidan estar arredor do bonito.

O uso destas artes de pesca está ameazado por outras artes máis destrutivas como é o arrastre. Esta arte de pesca para o bonito é usada polas flotas británica, irlandesa e francesa. A súa actividade supón a desaparición dos bancos de peixe nun período de tempo moi breve

O uso destas artes de pesca está ameazado por outras artes máis destrutivas como é o arrastre. Esta arte de pesca para o bonito é usada polas flotas británica, irlandesa e francesa. A súa actividade supón a desaparición dos bancos de peixe nun período de tempo moi breve. Como di Borja Eijo, armador: “Onde antes podías traballar seis ou sete días, safabas ao mellor a marea agora non, hoxe encontras peixe e para o outro día non.”

 

As volantas

No ano 1994 os conflitos entre boniteiros tradicionais e volanteiros franceses, británicos e irlandeses chega ao seu punto culminante

No ano 1994 os conflitos entre boniteiros tradicionais e volanteiros franceses, británicos e irlandeses chega ao seu punto culminante. A volanta é unha rede de profundidade co único obxectivo era encher as bodegas de peixe. Nese ano, o conflito estala de maneira moi violenta. Choques, abordaxes e finalmente, un volanteiro francés, La Gabrielle é remolcado por barcos galegos a Burela. Alí mídense as redes que superan amplamente as medidas legais da Unión Europea. A presión  das autoridades pesqueiras españolas, pero sobre todo dos mariñeiros do Cantábrico, fixeron que dentro da UE se prohibisen as volantas. Non obstante, e como di Borja Eijo: “A maioría dos barcos son volanteiros que traballan por parellas, reconvertidos en arrastreiros con redes de arrastre enormes.”

“A maioría dos barcos son volanteiros que traballan por parellas, reconvertidos en arrastreiros con redes de arrastre enormes"

Quen son eses arrastreiros? Abelardo Basanta, presidente de ABSA (Armadores de Burela S.A.) di: “Os peláxicos son barcos que en España non teñen licencia para facer esta costeira. Teñen licencia no Reino Unido, Irlanda ou Francia”. Sobre a posibilidade de ter falado na UE de prohibir as redes de arrastre, Abelardo Basanta, responde:  “Non creo, a nivel político non sei se terá feito.”

Mais a tensión continúa logo de década e media daquela “guerra das volantas. “O ano pasado houbo momentos de tensión a mediados da costeira. Andan polo medio de nós, con manobras nas que pasan a menos de 20 metros dos nosos barcos” como di Eijo. El mesmo pon sobre a mesa unha posible solución: “Eu xa non digo que prohiban a pesca de arrastre, pero si que deixaran unha marxe, unha área de seguridade de 10 millas para que eles traballen tranquilamente. Ademais, de noite deixas un home de garda, coas luces de sen-goberno e máquinas paradas, e se pasa unha parella de arrastreiros ao pé, é un risco considerable porque poden embestirte”.

 

O traballo na costeira

“Hai cousas que son como  hai 50 anos pero o que mellorou son as condicións de vida abordo. Cando hai moito peixe traballas en xornadas de 18 horas e de luns a luns”

O número de barcos en total que saen desde Burela son 18 segundo Basanta, sobre un total que andaría preto dos seiscentos, incluíndo aqueles con licenza e que non traballaban e as lanchas ou barcos de pequeno tamaño. Os mariñeiros veteranos sempre recomendaban aos máis novos comezar traballando no bonito. Era unha maneira de irse afacendo á vida no mar. As condicións laborais son mellores que hai uns anos, pero outros elementos non cambiaron case nada. “Hai cousas que son como  hai 50 anos pero o que mellorou son as condicións de vida abordo. Cando hai moito peixe traballas en xornadas de 18 horas e de luns a luns”.

"Antes eran catro meses e agora, por mor dos peláxicos, o bonito xa non se achega aos anzois. Nos últimos anos non rende a costeira”

Pero esta actividade pesqueira é unha actividade de complemento tal e como di Abelardo Basanta: “O que acontece é que aquí se lle dá unha gran repercusión porque hai moitos anos era a base económica do porto. Agora xa non tanto porque non son tantos meses, desde a aparición dos peláxicos inflúe moito. Antes eran catro meses e agora, por mor dos peláxicos, o bonito xa non se achega aos anzois. Nos últimos anos non rende a costeira”. Borja Eijo di: “O bonito é unha campaña de tempada, é unha pesca case que suplementaria. Logo o oficio real do noso barco é palangre de superficie”. É dicir, esta pesca é un traballo para complementar outras actividades ao longo do ano.

Os barcos poden levar tripulacións de entre 6 e 11 mariñeiros, dependendo da arte de pesca usada. Os seus salarios non son moi altos como di Eijo: “Pois non sei, pero hoxe un mariñeiro é mileurista. Non é algo estable, porque hai anos que entra máis ou menos peixe”.

Entre os factores que apuntan aos baixos salarios estarían a actividade doutras flotas artesanais, como as do tanque, que chegarían as primeiras ao porto e collerían os mellores prezos ao comezo, quedando as de curricán ou cacea con prezos máis baixos. Tamén inflúen moito os gastos en combustible, comida e carnada.

Outro dato a destacar é a incorporación desde finais dos anos setenta de mariñeiros procedentes doutros países. Hoxe as tripulacións compóñense de caboverdianos, latinoamericanos e indonesios. Os motivos destas incorporacións estarían na falta de man de obra galega e os baixos salarios. Pero tamén, e segundo Basanta, a dificultade de ter a licenza de mariñeiro en Galicia: “É fácil para os de fóra vir aquí porque os certificados xa veñen dos seus países. Non teñen que facer cursos, porque tamén é difícil facelos aquí pois saen cando saen e custa diñeiro facelos.”

 

Rendemento e prezos

A variabilidade nos prezos ten uns ritmos marcados pola posición que ocupe o barco nas vendas. A tradición en Burela é que os barcos non saen antes das festas do Carme. Pero antes desas datas xa hai barcos doutros portos que comezaron a vender bonito. Eses barcos son os que sacan mellor prezo e por tanto mellor beneficio.

Os datos do ano 2012, segundo ABSA serían en total un millón e medio de quilos (1500 toneladas) e seis millóns catrocentos mil euros

Máis arriba neste artigo, Abelardo Basanta apuntaba que a costeira non rende. Os datos do ano 2012, segundo ABSA serían en total un millón e medio de quilos (1500 toneladas) e seis millóns catrocentos mil euros. Miguel Neira, xerente de ABSA, di o seguinte: “O volume de negocio, a respecto doutras especies pode andar sobre un 9 ou 10%. En canto quilos o volume é menor, digamos un 6 ou 7%. En canto prezos, ten un prezo medio superior a outras especies, así que cun volume de quilos pequeno pode ter un volume de prezo alto”. É dicir, un volume alto de negocio para 2012, que foi un ano con cifras promedio. Houbo anos de mellores datos como 2005 cando se chegaron as 3000 toneladas, ou no 2010 que se subastaron 2365. O dato máis baixo foi 2011, cando se subastaron 975 toneladas. Mais para este ano as expectativas apuntan que as cifras serán semellantes ás do ano pasado.

Sobre os prezos as opinións son para gustos. Borja Eijo di: “Ten valido a 8 euros ou 9 ou 10 cando mellor, pero pequenas remesas nada máis. Ás veces hai campañas publicitarias de bonito a 40 euros, iso é unha parvada. Compran 4 bonitos a 40 euros para saír na prensa pero logo o resto vaiche a 5 ou seis euros. No ano pasado un prezo medio serían 3 ou 4 euros, que consideramos un bo prezo o do ano pasado porque houbo pouco peixe.”

Pola súa banda, Miguel Neira declara que: “O prezo medio da pasada campaña foi de 4,7 euros por quilo, un prezo aceptable, está por riba da media dos últimos dez anos, pero por debaixo por exemplo dos prezos do ano 2011 cando se chegou a 5,13 euros por quilo, debido á baixa oferta de peixe, menos de 1000 toneladas, iso provoca cifras elevadas nos prezos. No 2012 cunhas cifras (toneladas) similares a 2008 e 2009, con prezos como 3,56 e 4.10 euros respectivamente, que pechemos con 4.70 nun ano de crise, pois podemos considerar estas cifras como aceptables”.

E estes prezos compensan? É rendible saír á pesca? Eijo di o seguinte: “Á parte do gasóleo que pode consumir case o 40% do beneficio dun barco, tes a carnada que está tamén cara, o bonito ten as varas, que poden andar 800 euros cada vara. Logo están os pulpitos, que podes pagar 1200 euros por esa carga. O bonito pode ser rendible se sacas un bo ano para cubrir estes gastos, pero o que realmente custa son o combustible e a comida que levas”. Na actualidade o prezo do gasóleo anda sobre os 0´62 céntimos litro, case setecentos euros por tonelada de combustible.

A importación de peixe fresco vido doutros países é outro problema engadido. Chegado en avión desde calquera parte do mundo, o atún pescado noutras latitudes obriga ao peixe capturado pola flota galega a ter un tope nos seus prezos

Ademais dos gastos para cada barco, hai que apuntar tamén que a importación de peixe fresco vido doutros países é outro problema engadido. Chegado en avión desde calquera parte do mundo, o atún pescado noutras latitudes obriga ao peixe capturado pola flota galega a ter un tope nos seus prezos. Neste sentido, nin sequera o apoio de trazabilidade para o peixe capturado en Galicia, axuda moito. “A trazabilidade habería que facerlla ao peixe de fóra. Pouco vale que fagas moita trazabilidade para o peixe que se pesca aquí pois o de fóra entra como quere.”

 

De actividade principal a complementaria

A costeira do bonito naceu como unha actividade principal para os pesqueiros de Burela durante o verán. Esa actividade supuña un incremento nos ingresos dos barcos. Hoxe en día é unha actividade complementaria ás artes e pescas que ocupan o resto do ano aos barcos boniteiros (palangre, espada etc). 

Esa actividade supuña un incremento nos ingresos dos barcos. Hoxe en día é unha actividade complementaria ás artes e pescas que ocupan o resto do ano aos barcos boniteiros (palangre, espada etc)

Os prezos poden compensar os gastos, mais os stocks de peixe foráneo, xunto coas actividades pesqueiras agresivas como o arrastre, fan que esta actividade cada ano sexa menos atractiva para os armadores. As posibles solucións: aplicar trazabilidade ás capturas chegadas doutros lugares do mundo, prezos axeitados a esas capturas vidas de fóra, mellora nas condicións laborais que fagan atractiva a actividade pesqueira e protección aínda maior á flota artesanal e un equilibrio entre ingresos e gastos que  permita a supervivencia desta actividade.

Boniteiro de Burela CC-BY-SA O Roxo
Curricán ou cacea CC-BY-SA Ramón Mariño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.