"O crecemento será de novo maior en Galicia, co cal a comunidade seguirá converxendo co Estado". Quen fala é a actual candidata do PP á alcaldía de Vigo, Elena Muñoz, que na súa calidade de conselleira de Facenda comparecía o 6 de maio de 2014 ante o Parlamento para informar sobre o déficit do ano anterior e aproveitaba para anunciar que "a Xunta prevé que o PIB galego medre un 1,2%, catro décimas máis que o estimado inicialmente nos Orzamentos para 2014. A previsión inicial, e máis aínda a revisada, veñen de bater coa realidade dos datos tanto no que atixe ao crecemento da economía galega como á súa comparación coa española.
A Xunta preveu inicialmente un medre do 0,8% e chegou a augurar un 1,2%
O Instituto Galego de Estatística certificou este xoves no seu avance dos datos do PIB que a economía galega volveu saír en 2014 da recesión pero que o fixo cun tímido crecemento do 0,4% a respecto de 2013, isto é, a metade do previsto polo Goberno galego nas súas contas para 2014 e un terzo da previsión revisada e anunciada por Facenda na primavera. Tampouco se produciu o anunciado avance cara á converxencia co Estado, toda vez que o PIB español rematou o pasado ano cun medre do 1,4%, un punto máis que Galicia, segundo o INE.
Estas cifras veñen indicar que, por cuarto ano consecutivo, os datos reais emendan á baixa as previsións presentadas pola Xunta nos Orzamentos Xerais de cada ano. Así, os datos provisionais do IGE correspondentes a 2011 e 2012 indican que neses anos a economía do país caeu un 0,5% e un 2%, respectivamente, mentres que o Executivo baseara as súas contas en previsións de crecemento do 1% e do 1,1%. En 2013 o Goberno augurou unha caída do 0,9% e a recesión foi, finalmente, dunha décima máis. En 2010 tamén houbo erro, se ben daquela a Xunta prevía un crecemento do 0,2% e o dato definitivo ficou no 0,5%. En 2009, aínda co bipartito, a Xunta prevía un medre de máis dun punto e o PIB caeu un 3,5%.
A evolución do PIB en 2014 amosa o estancamento da economía galega
Todo isto sucede nun contexto no que, mentres dende as distintas instancias oficiais se fala de crecemento, os datos do IGE indican máis ben a un estancamento prolongado. Tras un 2012 con caídas do PIB próximas ao 1% o 2013 comezou cun retroceso do 0,3% no primeiro trimestre para despois moverse en valores próximos ao cero. En 2013 o exercicio económico comezaba cun raquítico crecemento do 0,1% que no segundo trimestre chegou ao 0,3%, regresando ao cero no terceiro trimestre e rematando o ano retornando ao 0,1%.
A Xunta evita aludir ao erro das previsións e dá por "cumprido o obxectivo" de medrar
Malia ao evidente fallo das previsións a Consellería de Facenda evitou este xoves aludir ás súas inchadas expectativas e optou, como vén acontecendo, por botar man do optimismo. O departamento que agora dirixe Valeriano martínez dá por "cumprido o obxectivo do Goberno galego de que 2014 fose o ano do inicio da recuperación económica", xa que o 0,4% resultante é o "mellor comportamento dende o ano 2010". "O PIB galego encadea 4 trimestres consecutivos con taxas interanuais positiva e no cuarto triestre de 2014 a taxa intertrimestral tamén foi positiva", salienta.