A emigración galega, moza e con rumbo a Madrid e Sudamérica

Descendentes de emigrantes, no aeroporto de Lavacolla © Xunta

Galicia mingua e non o fai só porque o número de mortes supere ao de nacementos -no último ano, en máis de 10.000 persoas-. O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de facer públicos os seus datos de migracións correspondentes ao ano 2012 e, no caso galego, as cifras amosan que o decrecemento poboacional do país provocado pola emigración é, cuantitativamente, moi semellante ao que provoca o feito de padecer o peor saldo vexetativo do Estado. Non en van, máis de 25.000 persoas deixaron Galicia durante o ano pasado, das cales 10.365 colleron a maleta para marchar ao estranxeiro e 15.135, a outra comunidade autónoma.

Unha ollada máis pausada a estes datos permiten trazar unha caste de retrato robot da emigración. Esta radiografía amosa que o emigrante ou a emigrante galega -a diferenza entre sexos non é moi avultada- é unha persoa moza que ten como destino maioritario algún país sudamericano, no caso das denominadas "migracións exteriores", e a Comunidad de Madrid, nas "interiores". Concretamente, no último exercicio do que se dispoñen datos desagregados por países de destino, o de 2011, obsérvase que das 9.936 galegos e galegas que marcharon máis de 3.800 fixérono a Sudamérica, máis de 3.200 e a algún Estado da Unión Europea.

En 2012 marcharon de Galicia máis de 25.000 persoas

No que atinxe ao resto de autonomías, ao deterse nas máis de 15.000 persoas que decidiron abandonar Galicia en 2012 o INE amosa que 3.758 elixiron como destino Madrid. A continuación sitúase Catalunya, onde foron máis de 2.000 persoas. Tamén chegou máis dun milleiro de persoas procedentes de Galicia a Canarias (1.870), Andalucía (1.293), Castilla y León (1.094) e a Comunitat Valenciana (1.084). Esta preferencia por Madrid e Catalunya reprodúcese tamén en anos anteriores.

Máis da metade da emigración galega, tanto ao estranxeiro como a outras autonomías, tiña entre 20 e 35 anos

As estatísticas dispoñibles reflicten tamén que o éxodo de xente nova non é, nin moito menos, un mito. Así, o 55% das persoas que marcharon a outras autonomías durante 2012 tiñan entre 20 e 35 anos. No caso da emigración ao estranxeiro, máis do 51% das persoas que marcharon se atopan nesta faixa de idade. Con todo, a principal diferenza entre as migracións interiores e exteriores é que, durante o pasado ano, o saldo migratorio con outas autonomías -diferenza entre entradas e saídas- foi positivo, xa que chegaron 811 persoas máis das que sairon. Mentres, o saldo co estranxeiro é negativo, dado que as persoas inmigrantes foron 949 que as emigrantes.

 

Fonte: INE CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.