A emigración galega que non se detén, tamén a outras partes do Estado

Mozos no aeroporto de Madrid CC-BY-SA Cadernos.net

Máis de 20.000 galegos emigraron a outras provincias no primeiro trimestre deste ano, segundo un informe elaborado pola empresa Randstad a partir dos datos de migración interprovincial do servizo público de emprego. Segundo esta análise, 20.294 traballadores marcharon da súa provincia cara a outras nos tres primeiros meses de 2014. No mesmo período, chegaron ao país para traballar 16.108 persoas, o que supón un saldo negativo de 4.186 cidadáns na comunidade.

Máis de 20.000 galegos emigraron a outras autonomías do Estado no primeiro trimestre de 2014

Deste xeito, Galicia sitúase entre as autonomías con saldo negativo e entre as que máis xente se ve obrigada á emigración a outros territorios, superado non obstante por Castilla-La Mancha (cun saldo negativo de -16.443 profesionais), Castela e León (-7.469) ou Aragón (-6.569). No caso contrario sitúanse aquelas autonomías máis receptoras de traballadores do resto do Estado, entre as que destaca sobre todo Madrid, cun saldo positivo de 37.532, seguida de Andalucía (7.531), Murcia (4.146), Euskadi (2.624), Baleares (1.651) e Navarra (1.492). Estes son os únicos territorios con resultado positivo, as únicas comunidades claramente receptoras, máis aínda nestes tempos de crise.

A Coruña é a única provincia galega cun saldo migratorio positivo; Pontevedra ten un saldo negativo de -3.723

No caso galego, non obstante, as diferenzas entre as provincias son importantes. Así, mentres Pontevedra ten un saldo negativo de -3.723 -ao chegar 4.268 traballadores e marchar 7.991-, A Coruña acaba o período cun saldo positivo de 230 persoas, ao emigrar 7.684 persoas da provincia, pero chegar 7.914 desde o primeiro trimestre de 2010. No caso de Lugo e Ourense, o seu saldo é negativo, aínda que non son cifras esaxeradas, con -299 para o territorio lucense e -394 no do sur.

Neste mesmo informe, destácase que o primeiro trimestre de 2014 rexistra no Estado a taxa de mobilidade máis alta desde 2010, que se sitúa no 12,48%. Esta taxa obtense da relación entre os contratos que implican mobilidade a outra provincia e o número total de contratos asinados.

Xa que logo, dos contratos realizados en España durante os tres primeiros meses de 2014 (3.557.000 contratos), máis de 444.000 foron motivados pola migración, xa que o traballador accede ao emprego nunha provincida diferente á da súa última residencia.

No caso de Galicia, Ourense é a provincia coa taxa de mobilidade máis elevada, cun 16,4%, seguida de Lugo, cun 15,6%. Ambas as dúas están por riba da media estatal (12,48%) e da taxa da Coruña (11,8%) e Pontevedra (10%).

Unha moza nun aeroporto CC-BY-SA Cadernos.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.