A EPA certifica un descenso sostido do paro e un medre do emprego sete veces menor

Dominio Público Praza Pública

A chegada da Semana Santa e das contratacións de cara ao verán provocan unha importante redución do paro en Galicia. No segundo trimestre deste ano, o número de parados descendeu en 15.600 persoas con respecto ao anterior, quedando a cifra en 201.500 persoas segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feitos públicos este xoves. A taxa de paro, xa que logo, diminúe en 1,3 puntos, até quedar no 16,1%.

O paro reduciuse en 15.600 persoas no segundo trimestre e en 21.400 con respecto a hai un ano

O descenso interanual é tamén importante, ao diminuír o número de parados e paradas en 21.400 persoas con respecto ao segundo trimestre do ano pasado (un 9,6% menos) e reducíndose a taxa en 1,6 puntos. Con todo, a redución do paro non se corresponde, como adoita, coa creación de emprego. Aínda que en relación aos tres primeiros meses do ano a caída do paro (-15.600 persoas) é case equivalente ao aumento de ocupados (+15.300), non ocorre así no prazo dun ano. Mentres que o descenso na cifra de desempregados é de máis de 21.000 persoas, o aumento de ocupados non chega a 15.000 (+14.900), un incremento do 1,4% en doce meses fronte á baixada de -9,6% no número de persoas en paro. Sete veces menor. Non todo o descenso do paro equivale a novos postos de traballo.

Mentres o paro cae en máis de 21.000 persoas nun ano, a ocupación aumenta en 14.900; o medre do emprego é sete veces menor

Ao tempo, Galicia segue a perder poboación activa, cuxa taxa se sitúa no 53,3%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos diminúe en 500 persoas, pero respecto ao mesmo período do ano anterior, baixa en 6.600 persoas e a taxa de actividade diminúe dúas décimas.

Con respecto ao trimestre anterior, diminúe tanto o paro masculino coma o feminino: hai en 99.600 homes parados (12.300 menos que hai tres meses) e 101.900 mulleres (3.300 menos en paro). Ademais, a taxa de paro masculina e feminina diminúen 1,9 e 0,5 puntos respectivamente, situándose a primeira no 15,3% e a segunda no 17%.

En canto á ocupación, tamén aumenta en ambos os dous sexos: en 11.100 persoas nos homes e en 4.200 nas mulleres. Con respecto a hai un ano, o incremento é de 4.100 e 10.800 respectivamente. Na poboación xuvenil, pola súa banda, a taxa de ocupación é do 38% (+1,3% con respecto ao trimestre anterior e +3,3% respecto a hai un ano). 

A taxa de paro xuvenil sitúase no 26,3% no segundo trimestre, polo que diminúe dúas décimas respecto ao anterior e 7,2 puntos en comparación con hai un ano. 

 

Temporalidade e sector servizos

Por sectores, o número de ocupados aumenta en todos, agás na agricultura e pesca. A maior suba dáse, con moita diferenza, nos servizos, onde a cifra increméntase en 10.500 persoas con respecto ao trimestre pasado e sitúase en 736.900. A ocupación na industria aumenta en 6.400 persoas; na construción aumenta en 1.700 persoas e no sector primario, pola contra, diminúe en 3.300 persoas neste trimestre.

A ocupación aumenta en todos os sectores, sobre todo no servizos, agás na agricultura e pesca

En termos interanuais, a ocupación aumenta na industria un 8,3%, na agricultura e pesca un 7,4% e nos servizos un 0,1%; pola contra, no sector da construción a ocupación diminúe un 5,6% entre o segundo trimestre de 2016 e o actual.

O que non muda, como vén sendo habitual desde hai anos, é o aumento da temporalidade e a precariedade. Hai 3.600 asalariados máis no segundo trimestre con contrato indefinido respecto ao anterior, mentres que os asalariados con contrato temporal increméntanse en 16.600 persoas. En canto á variación interanual, as persoas con contrato indefinido diminuíron un 0,7% e os asalariados con contrato temporal, pola contra, incrementáronse un 6,9% (4.000 menos e 14.400 máis respectivamente). 

Hai 4.000 persoas menos con contrato indefinido e 14.400 máis con temporal con respecto a hai un ano

En canto aos fogares, o número deles con todos os seus membros activos en paro diminúe en 5.400 unidades e sitúase en 68.500. Respecto ao segundo trimestre de 2016, esta tipoloxía de fogares diminúe un 9,5%. Pola súa banda, o número de familias nas que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 12.700 unidades, chegando aos 570.700. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 14.100 fogares máis nesta situación, unha suba do 2,5%.

VÍDEO | O PP equipara os "históricos" datos da EPA do segundo trimestre coa chegada do ser humano á lúa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.