A EPA que nega a recuperación e confirma a continua destrución de horas de traballo

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

"Se se destrúen un milleiro de empregos a xornada completa e se crean 1.500 a media xornada, non hai máis traballo porque se destrúe en horas o equivalente a 250 postos de traballo". Con este exemplo advirte Enrique Negueruela sobre os últimos datos da EPA e sobre o risco de "confundir a creación de emprego coa precarización do existente".

No Estado perdéronse case catro millóns de horas de traballo no segundo trimestre ao tempo que hai 128.800 ocupados máis

O técnico de emprego e membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais da Fundación 1º de Maio fai unha análise dos últimos datos da Enquisa de Poboación Activa para desmentir a teórica recuperación da que fala o Goberno do Estado e da "modificación do tipo de xornada habitual" que se está a dar no mercado laboral. Así, e tal e como se pode comprobar no artigo no que debulla as cifras da EPA, en España perdéronse case catro millóns de horas de traballo ao tempo que hai 128.800 ocupados máis no segundo trimestre do ano.

"Nun ano perdéronse o 0,7% das horas traballadas aínda que o número de ocupados aumente o 0,8%". Ademais, tal  como advirte Negueruela, este aumento de ocupados prodúcese exclusivamente no sector servizos, onde aumentaron as horas un 0,2% e o número de empregos un 1,7%. Pola contra, a industria perdeu un 1,8% das horas traballadas. "A industria manufactureira, que representa o 90% do emprego, perdeu un millón e medio de horas e dez mil ocupados", aclara.

O aumento de ocupados prodúcese só no sector servizos, mentres a industria perde un 1,8% das horas traballadas

"Unha vez máis maniféstase unha gran debilidade por falta de sectores tractores dunha recuperación que aínda non comezou. Neste sentido os datos do trimestre pasado eran máis esperanzadores ao aumentar o número de horas traballadas respecto do ano anterior", insiste quen fora asesor da Consellería de Traballo da Xunta entre 2005 e 2009 sobre uns datos de horas traballadas a nivel estatal, que non son detallados por autonomías.

Xa que logo, Negueruela teno claro: "Hai menos traballo". Segundo se tira dos datos, a xornada media traballada diminuíu de 35,5 horas por ocupado no segundo trimestre de 2013 a 35 horas este ano. "Aínda non sabemos como se vai a repercutir salarialmente esta diminución, pero témome que non a favor dos asalariados. Este temor é fundado. A reforma laboral eliminou un millón e medio de empregos a xornada completa e xorden 250.000 a xornada parcial ou descontinuos", asegura.

Ademais, destruíronse 750.000 postos fixos e medio millón de temporais. No último ano, a taxa de precariedade aumentou 1,1 puntos. "Este aumento da precarización e a expulsión de traballadores das empresas cuns dereitos consolidados e gañados ao longo dos anos forza a súa entrada noutras empresas en situación de extrema debilidade que se traduce nun salario moito menor", resume o técnico de emprego sobre unha situación que é evidente na rúa pero agochada por un Goberno que presume duns escasos datos de emprego.

Negueruela dá un exemplo real: "Un traballador conducía un guindastre móbil polo que ten recoñecida unha prestación que actualmente está no segundo tramo do 60% do salario que percibía. Actualmente traballa nove meses ao ano conducindo un autobús. Cobra máis os tres meses que está no paro que traballando. É dicir, a súa incorporación a un novo emprego supúxolle unha perda salarial superior ao 40%. Falamos de dúas profesións cun nivel de cualificación e competencias similares cuxos convenios non xustifican semellante diferenza".

 

O concepto de 'ocupado' da EPA

Negueruela non entende por que o Goberno fala de triunfo. "Hoxe hai 778.639 persoas paradas máis que hai tres anos froito da reforma laboral", aclara. Pero ademais, aconsella ter en conta o concepto de ocupado e parado que emprega a EPA. "Unha persoa que traballe unha hora á semana a cambio dunha comida e que estea o resto do tempo, as outras 39 horas, buscando traballo non é un parado senón un ocupado. É moi importante ter isto claro. Non hai parados parciais, non computan como tales. A parcialización do emprego reduce o paro total, aínda que non a quen queren un traballo decente ou a xornada completa", explica.

"O paro diminuíu en máis de 424.000. Desas persoas que non aparecen, 220.000 emigraron"

En relación con 2013 o paro diminuíu en 424.459 persoas. A poboación en idade de traballar diminúe en 321.526 persoas dos que só un de cada tres é inactivo. "O resto son parados que desapareceron, previsiblemente que emigraron. Desas 424.000 persoas que non aparecen como paradas, 220.000 marcharon. Esta é a primeira fórmula de resolver o problema do paro que utilizou este goberno: que hai parados, que marchen e que non contaminen as estatísticas. Intentan calar o drama da emigración ou da expulsión dos emigrantes", insiste.

Unha persoa que traballe unha hora á semana e busque traballo non conta como parado para a EPA

Pero hai máis. A análise feita por Enrique Negueruela destaca que hai 272.000 parados máis que levan máis de dous anos en paro e 697.000 menos entre os que levan menos de dous anos. Segundo aclara, a reforma laboral lanzou ao paro a millóns de traballadores, que son os que optan aos empregos precarios mentres que os parados anteriores pasan a formar parte da lista dos de moi longa duración. "Aumentou un 12,7% as persoas que levan dous ou máis anos en paro", aclara.

Outro conto son os niveis de protección, tal e como destaca. "A porcentaxe de parados que percibe prestacións foi diminuíndo desde o 36,5% que había en 2011, ao 34,5% de 2013 e até o 31,6% de 2014. Nun ano hai case tres puntos menos de protección e en tres hai cinco menos.

"O nivel de 'calidade' do emprego é tal que nin tan sequera xera prestacións", advirte Negueruela

"O nivel de calidade do emprego é tal que nin tan sequera xera prestacións. A taxa de protección de quen levan menos dun ano caeu desde o 43,4% de 2011, ao 42,6% de 2013 e até o 39% deste último trimestre. Unha perda de 4,4 e 3,6 puntos respectivamente. Este dato é revelador do grao de precariedade do emprego que se xera que non serve nin para ter dereito a prestacións", conta quen volve resumir con cifras o drama provocado pola reforma laboral: Desde a reforma laboral, segundo trimestre de 2011, hai 774.398 persoas paradas máis. Delas,  765.738 non percibe ningunha prestación, o 99%, mentres que 8.660 si, o 1%. "Todo o crecemento do paro é crecemento da desprotección. Hai preto dun millón de parados sen prestacións en vivendas sen ingresos", finaliza.

En definitiva, Negueruela cre que é hora de que "calen as fanfarrias" que pretenden ocultar "que se continúan destruíndo horas de traballo, catro millóns de horas menos, que o paro diminúe porque emigran os parados e outros se incorporan a empregos tan precarios que cada vez son máis incapaces de xerar prestacións". "É hora de tomar medidas para que a industria que segue perdendo tanto horas de traballo como empregos, sexa capaz de xerar os tractores para a recuperación. É hora de tomar medidas contra a desprotección dos parados, especialmente aqueles que teñen cargas familiares. É hora doutro goberno que se centre nas persoas", remata.

Exterior dunha oficina de emprego © Encomun.es
Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.