A Eurocámara apoia unha PAC que rexeita o BNG por prexudicar o agro galego

Ana Miranda, no Parlamento Europeo © Parlamento Europeo

O pleno do Parlamento Europeo aprobou este mércores apoiar unha nova Política Agraria Común (PAC) contra cuxo paquete lexislativo 2014-2020 votou en contra o BNG por "manter unha distribución das axudas inxusta que prexudica o sector agrario galego". A proposta será defendida polo Europarlamento, que a considera máis verde e equilibrada na repartición das súas axudas, "aínda que con elementos que flexibilicen o chamado pago verde".

"A distribución das axudas segue a premiar aos grandes latifundios, aos grandes rendistas e as grandes multinacionais", di o BNG

"Hai avances, pero son insuficientes, de tal xeito que pouco máis do 20% de todas as explotacións agrogandeiras da UE acapara o 80% das subvencións directas da PAC, nunha distribución que segue a premiar aos grandes latifundios, aos grandes rendistas e as grandes multinacionais", asegurou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda., cuxo voto negativo afecta aos catro documentos que conforman a PAC: pagos directos,  OCM dos produtos agrogandeiros, desenvolvemento rural e control da xestión financeira dos fondos.

"Esperabamos unha PAC máis xusta, máis sustentable desde o punto de vista medioambiental, que fixe poboación ao territoritorio e con garantías de rendas xustas para agricultores e gandeiros que son, finalmente, os que nos dotan de alimentos de calidade e deben ver recompensado o seu traballo",  argumentou a representante do BNG.

Precisamente, entre as emendas aceptadas polo Europarlamento, logo de máis de dúas horas de votación, está a que promoveron PP e PSOE para dar aos países máis liberdade á hora de establecer a superficie elixible que percibirá fondos da PAC, unha reivindicación do Goberno que teme un forte incremento nas hectáreas do campo español aptas para as axudas. Así, os eurodeputados apoian condicionar o pago do 30% das axudas directas ao agricultor a que este cumpra con determinados esforzos ambientais, aínda que matiza a proposta inicialmente presentada por Bruxelas.

O comisario de Agricultura, Dacian Ciolos, quere que estas prácticas se resuman en tres "a rotación de cultivos, o mantemento de pastos permanentes e a creación de áreas de interese ecolóxico", mentres que países como España reclaman un menú máis extenso.

Axudas directas

No que se refire ás axudas directas, os eurodeputados tamén pediron que se conceda un 25 % máis de apoios aos novos agricultores e que se eleve a 1.500 euros subsidio máximo que unha pequena explotación pode obter. Ademais, apoian a vontade do comisario de establecer un teito de 300.000 euros anuais por produtor, unha histórica reivindicación do Executivo comunitario que os estados membros frearon en reformas anteriores.

O Bloque cre "inasumible" que se manteñan axudas de ata 300.000 euros por explotación e propón un límite máximo de 100.000

Pola contra, o BNG considera "inasumible" que se manteñan axudas de ata 300.000 euros por explotación, cando a proposta nacionalista era pór un límite máximo de 100.000 e un mínimo de 20.000, "en aras dunha distribución máis equitativa, que favoreza ás pequenas e medianas explotacións como as galegas", destacou Miranda. "A PAC mantén as axudas ligadas ao número de hectáreas da explotación pero non á actividade agraria, outro elemento penalizador para o noso sector", insiste a eurodeputada nacionalista, que cre que persisten as grandes diferenzas nas subvencións que recibe cada agricultor por estado que no caso galego "están moi por debaixo da media da UE".

Sobre os distintos réximes de cotas de produción, cuxa liberalización está prevista nos próximos anos, o Europarlamento rexeita prorrogar máis aló do previsto as cotas lácteas, pero si apoia estender o réxime de cotas até 2020 no caso do azucre. En ambos os dous casos España era partidaria de frear a liberalización do sector.

Ana Miranda propón un fondo compensatorio do que se beneficien as explotacións leiteiras galegas ante a desaparición das cotas

Neste ámbito, o voto negativo de Miranda obedece á supresión do sistema de cotas lácteas, toda vez que a maioría da Eurocámara rexeitou as emendas asinadas polo BNG solicitando a prórroga ata 2020. Confirmada a desaparición das cotas, o Bloque propón un fondo compensatorio. "A dotación dese fondo debe negociarse co sector leiteiro e ter a dobre función de compensar as explotacións que se endebedaron para comprar dereitos de cota que xa non terán ningún valor e corrixir a inestabilidade dos prezos do leite que en Galiza están por debaixo da media estatal e, con frecuencia, por debaixo dos custes de produción", alegou a eurodeputada.

En canto ao desenvolvemento rural, o BNG obxecta a "centralización" dos fondos do Feader e reclama que sexa o Goberno galego o que "faga un plan de desenvolvemento rural específico para Galiza". "O Estado limitarase a transferir os orzamentos territorializados que nos correspondan. Ninguén mellor ca nós para saber as necesidades do noso medio rural", explicou Miranda, que lembra que a PAC permite facer plans estatais de desenvolvemento rural "co que o Estado pode acaparar os fondos e distribuílos como considere, gastando en regadíos, por pór un exemplo, en detrimento da resolución de problemas do sector agrogandeiro galego", argumenta.

Ademais, Miranda xustifica o voto negativo do BNG ao o documento de control da xestión financeira dos fondos a que obedece á "falta de transparencia pública das axudas que se conceden ás explotacións con cargo aos fondos da PAC". As emendas nacionalistas para que fose de acceso público o listado de beneficiarios e as cantidades percibidas non foron aprobadas tampouco.

Aínda así, para a eurodeputada nacionalista a PAC 2014-2020 ten "aspectos positivos aínda que insuficientes para recibir o apoio do BNG". Así, destaca a permanencia dos dereitos de plantación de viñedos ata 2030, "que asegura unha produción de calidade e de man de obra intensiva para o sector vitivinícola galego e o protexe de que empresas foráneas acaparen hectáreas para plantación de uva para un produto de escaso valor engadido e con menor emprego”.

Miranda tamén destaca como positivo que un 30% das axudas directas se destinen a unha agricultura "verde e sustentable" como a galega e que os mozos que se incorporan ao sector reciban un 25% máis de subvencións durante dous anos.

Ana Miranda, no Parlamento Europeo © Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.