A Eurocámara recoñece que a PAC prexudica o modelo do agro galego

Uso da forraxe nunha explotación láctea galega © Xunta

A propia UE recoñece o prexuízo que o deseño da Política Agraria Común (PAC) ten sobre modelos de agro como o galego, onde predominan as pequenas superficies de explotacións fronte aos grandes terreos. Así o recoñece a Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo nun informe cuxo relator é europarlamentario Czeslaw Adam Siekierski. 

A Comisión de Agricultura recoñece que as pequenas explotacións, maioritarias en Galicia, non reciben un trato xusto da PAC

No texto (O futuro das pequenas explotacións agrícolas) denúnciase que as pequenas explotacións non teñen recibido un trato xusto no marco da actual PAC, malia que destaca a creación dun mecanismo de axuda para pequenos labregos e pola simplificación do réxime para este tipo de produtores. No entanto, cre que as medidas son claramente insuficientes e que non é de recibo que os pagos estean baseados na superfice e nos valores de produción históricos, sen ter en conta o nivel de emprego e de ingresos, xusto a mesma queixa que expresou a oposición, pero sobre todo organizacións como Unións Agrarias (UUAA), Fruga e o Sindicato Labrego Galego (SLG).

Ambos os dous sindicatos cansaron de criticar a "discriminación" sufrida por Galicia ao ter a contía en axudas por activo máis pequena de todo o Estado e reclamaron medidas correctoras para que as primeiras hectáreas subvencionadas reciban unha prima respecto das seguintes. A media no país é de 15 hectáreas por explotación, fronte ás 30 do conxunto do Estado. Ademais, censuran que se defina como agricultor activo a calquera persoa ou empresa que teña o 20% dos seus ingresos provenientes da actividade agraria, o que permite a grandes terratenentes situarse como os grandes beneficiarios dos fondos da PAC fronte aos labregos realmente produtivos.

O inorme insta os Estados a dar "solucións axeitadas ás pequenas explotacións, tendo en conta as características de cada país e rexión"

Por iso, o informe da Comisión de Agricultura insta os Estados a que "presenten solucións e modelos de desenvolvemento axeitados para as pequenas explotacións agrícolas, tendo en conta as características específicas de cada país, así como as diferencias rexionais", así como que "impulsen a competitividade, viabilidade e rendabilidade das pequenas explotacións, promovan o espírito emprendedor, creen postos de traballo e freen a despoboación rural".

Porque a recomendación que xorde do Europarlamento vai máis aló e insiste nas reivindicacións eternas das organizacións agrarias e de numerosos movementos sociais ante o despoboamento rural por falta de medios e de oportunidades. Así, a Comisión de Agricultura pide aos goberno que "dediquen eficientemente fondos europeos a promover infraestruturas, instalacións educativas, médicas e asistenciais, servizos de gardería, acceso a un Internet rápida e a construción e o desenvolvemento de pemes rurais". Todo co obxectivo de "garantir as condicións de vida equivales nas zonas urbanas e rurais", para o que recomenda "que os esforzos se centren na xeración de perspectivas de futuro sostibles para os novos, as persoas con boa formación e as mulleres". "Hai que contrarrestar sen demora o proceso de éxodo e despoboación do rural", di un informe que reproduce as reclamacións que SLG, Fruga ou UUAA levan tempo facendo.

A Comisión de Agricultura reclama que se dediquen fondos europos para "promover infraestruturas, educación, sanidade ou garderías" no rural

Do mesmo xeito, recomenda "que se incremente a venda directa, como a venda de produtos tradicionais, nos mercados locais e rexionais e a que en pequenas explotacións se desenvolva unha forma de elaboración sostible e responable e un sistema de control esencial e proporcionado". Ademais, pide que os diferentes gobernos aposten por que "os seus sistema educativos inclúan infraestruturas axeitadas para a educación e a formación profesional no ámbito da agricultura".

O Parlamento Europeo © Praza Pública
Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.