"É falso que a Galicia lle fose mellor durante a crise e é unha mentira das grandes que o déficit e a solvencia no país tamén fosen mellor". Con contundencia, con brevidade e achegando datos do INE ou do Banco de España, o economista Manuel Lago fixo balance económico da lexislatura de Feijóo nos tres anos e pico que leva gobernando a Xunta.
"Galicia retrocedeu durante o Goberno Feijóo en dez anos en canto ao PIB, o emprego e o benestar"
Fíxoo nun coloquio o pasado venres con estudantes na Facultade de Socioloxía da Coruña. O obxectivo: desmontar a tese que fala da teórica solvencia e bo facer do Goberno galego nunha Galicia que, como recorda Lago, "retrocedeu durante o último Executivo do PP en dez anos en canto ao PIB, o emprego e o benestar". Malia as continuas alusións do PP e do seu candidato ao control do "déficit" e aos "deberes feitos" que lle permitirían conseguir a recuperación nos vindeiros anos, o prestixioso economista teno claro. "Galicia ten unha economía en dobre recesión, unha crise en W e inédita".
Pero non o ten claro só el, senón os datos que corroboran cada un dos argumentos de Lago, que recoñece que a crise golpeou forte en todos os territorios de España, pero que insiste en que "Galicia perdeu o seu diferencial positivo con respecto ao Estado". E foi, como engade, por culpa dos recortes de Feijóo. "No que ten razón o presidente da Xunta é en que el comezou primeiro a facer axustes". Pero fixo tantos e sobre sectores tan sensibles, que lastrou a economía e a recuperación ata límites históricos.
Galicia destruíu 135.000 empregos en algo máis de tres anos e medio
"O caso do emprego foi brutal", relata Lago. Cando Feijóo chegou ao poder, no primeiro trimestre de 2009, traballaban en Galicia 1.168.000 persoas, mentres que agora o fan 1.033.000, polo que Galicia destruíu 135.000 empregos en algo máis de tres anos e medio. De todos estes traballos destruídos, o 90% foron de persoas menores de 30 anos, mentres que o paro xuvenil (nos menores de 25) elevouse ao 45%.
"É mentira que nos vaia mellor que o conxunto de España, xa que mentres a caída de emprego no Estado durante os últimos catro anos foi do 9%, en Galicia o descenso elevouse até o 12%", insiste o economista, que considera que "un país democrático e pequeno coma este non se pode permitir tal taxa de paro". Así, no primeiro trimestre de 2009 había 162.700 persoas en desemprego en Galicia, fronte ás 275.900 na actualidade, pasando a taxa do 13% ao 21%. "É como se toda a cidade da Coruña e a súa área de influencia estivese desempregada", destaca.
"O incremento de parados en España nos últiimos tres anos e medio foi do 40%; en Galicia, do 70%"
Porque o incremento de parados en España nos últimos tres anos e medio foi do 40%, unha cifra elevadísima. En Galicia, ese incremento chegou ao 70%, algo que demostra que "Feijóo mente cando insiste en que a evolución do desemprego tamén foi mellor que no Estado", engade Lago, que lembra que "só Asturias" se comportou peor que o país durante o tempo que Feijóo gobernou a comunidade autónoma.
"A culpa destes malos datos e deste austericidio téñenna os recortes levados a cabo pola Xunta", aclara Lago, que lembra que entre o Orzamento de 2009 e o de 2011 houbo un descenso do 25%. E foi aforro, pero centrado "no investimento público", que caeu case á metade, o que explica que os axustes acabaran por destruír emprego e paralizar a economía galega. Máis aínda, se se ten en conta que os recortes cebáronse "coa educación, o investimento público e as políticas sociais".
"É absolutamente falso e unha falacia que Feijóo sanease as contas; acumulou tanta débeda pública como nos 28 anos anteriores"
"Todo o discurso de Feijóo céntrase na solvencia, no déficit e no equilibrio, pero é unha falacia de Feijóo; é absolutamente falso que sanease as contas", explica o economista, que lembra que o actual Goberno do PP endebedou Galicia máis que todos os gobernos anteriores durante os 28 anos restantes de democracia e autonomía.
A débeda pública cando Feijóo chegou ao poder era de 3.923 millóns de euros. A actual elévase aos 7.627 millóns, o que supón un aumento de 3.704 millóns. Para Lago, os datos só demostran que o actual presidente da Xunta "é un endebedador e un despilfarrador". Pero ademais, o economista acusa a Feijóo de "tramposo", logo de aludir aos desvíos de centos de millóns de euros nos orzamentos denunciados polo Consello de Contas. "Se o PP aprobase aquela Lei de Transparencia que prometían, Feijóo hoxe estaría preso, procesado ou inhabilitado", finaliza Lago, que advirte tamén sobre que o xefe do Executivo galego presuma sempre de non acudir ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA).
"Ese FLA é un mecanismo de recentralización que consiste nun acordo entre o Goberno central e os bancos para que os bancos non presten cartos ás autonomías, senón ao Executivo de Madrid, para así ter controladas as comunidades; é Montoro xogando a ser Merkel en España", remata.