A folga das subcontratas de Telefónica deixa 1.300 avarías sen atender en Galicia

Algúns dos traballadores en folga Dominio Público CIG

O pasado 28 de marzo os traballadores e traballadoras das empresas subcontratadas por Teléfonica para realizar labores técnicos de instalación de redes e telefonía e solución de avarías iniciaron unha folga en protesta polas súas precarias condicións laborais, unha mobilización impulsada por AST e secundada por CGT e Co.Bas. Outros sindicatos, coma a CIG, sumáronse ao paro esta semana, momento no que a folga comezou a ter incidencia en Galicia, dado o carácter maioritario desta central nestas empresas no noso país. 

Este martes a folga deixou sen atender máis de 1.300 incidencias no conxunto do país, a maior parte delas avarías que ficaron pendentes de solucionar. Ao mesmo tempo, unha cantidade similar de ordes de servizo tampouco foron realizadas. O paro está afectando a todo o soporte de datos, telefonía e Imaxenio televisión, pero tamén a todo o soporte de cobertura para Vodafone, R e Jazztel, que operan a través da liña de Telefónica. Tamén resulta afectado o servizo de telemarketing, que suspendeu o proceso de altas.

Ademais, durante toda a xornada leváronse a cabo actos de protesta nas cidades galegas, en especial en Vigo, na Coruña e en Lugo, con concentracións ás portas tanto das principais contratas e subcontratas como da propia Telefónica e manifestacións polas rúas. Tamén se repartiron follas informativas para dar a coñecer as reivindicacións dos traballadores e traballadoras, que principalmente demandan o cumprimento dos convenios, limitación da subcontratación en cadea e recoñecemento do dereito á subrogación do persoal.

"O noso traballo esixe desprazarnos por toda a provincia con xornadas de 11 e 12 horas diarias, tamén sábados. Con todo isto non cobramos o salario legal do convenio. A maiores temos que pagar o gasóleo e as comidas", destacan. "As empresas fan trampas nas nosas nóminas, descontándonos diñeiro do salario como anticipos que non cobramos. Cando un mes non alcanzas a produción mínima, por culpa dos desprazamentos ou moitas avarías, que non son responsabilidade nosa, descóntannos esta cantidade nos meses seguintes", engaden, lembrando que "Telefónica tivo uns beneficios próximos aos 4.000 millóns de euros o ano pasado, pero explotan de xeito indecente aos que facemos o seu traballo". Os traballadores e traballadoras lamentaron publicamente "os prexuízos que o paro poida estar a ocasionarlles aos clientes", pero lembran que se atopan nunha situación "insostible" e reclaman "solidariedade".

É un sector altamente precarizado, en boa medida pola fragmentación do mesmo, dándose situacións de até tres niveis de subcontratación para un único contrato coa empresa principal

Ramón Fernández, da Federación de Industria da CIG, explicaba este luns en rolda de prensa na Coruña que este é un sector altamente precarizado, en boa medida pola fragmentación do mesmo, dándose situacións de até tres niveis de subcontratación para un único contrato coa empresa principal. De feito, denuncia, dende a propia Telefónica foméntase a competencia entre as contratas, así como a incorporación dos seus extraballadores e extraballadoras (cesados/as nos sucesivos EREs de Telefónica) a esta cadea de subcontratación como autónomos/as, ou a través de pequenas sociedades de nova creación.

 

Unha situación produto da privatización

"Aos medios de comunicación non lles quedou máis remedio que falar, á súa maneira, das condicións precarias e infames de subcontratación que sofren os traballadores afectados"

Os sindicatos, tanto en Galicia coma no resto de España, destacan a necesidade desta folga e o éxito acadado ata o momento, xa que -como sinala a CGT- "aos medios de comunicación non lles quedou máis remedio que falar, á súa maneira, das condicións precarias e infames de subcontratación que sofren os traballadores afectados, ante a decisión de dicir 'basta', por medio dunha folga indefinida". A CGT explica ademais que "todo este conflito nace, en primeiro lugar, pola entrega de Telefónica por parte do goberno Aznar ao seu amigo Alierta. Sufrimos un monopolio privado de personaxes que, mentres aumentan os seus ingresos, de un a sete millóns de euros anuais, converten un traballo técnico e de asistencia aos consumidores, nunha escravización de decenas de miles de persoas e nun servizo ao cliente deplorable e só encamiñado ao seu negocio".

Telefónica perdeu máis de 50.000 postos de traballo directos por prexubilacións, ERE e pola desviación destes empregos cara a contratas e subcontratas

Dende o proceso privatizador dos anos 90, iniciado polo PSOE e completado polo PP, Telefónica perdeu máis de 50.000 postos de traballo directos por prexubilacións, ERE e pola desviación destes empregos cara a contratas e subcontratas, que se encargan de facer o mesmo traballo por menos prezo, e que á súa vez incentivaron que moitos dos seus traballadores se convertesen en falsos autónomos. Empresas coma Montelnor ou Liteyca son só algunhas das moitas que en todo o Estado se encargan das funcións técnicas, de instalacións e solución de avarías, da compañías. Mentres que os empregados directos de Telefónica teñen un convenio de empresa, cun salario bruto mínimo de 2008 euros, os de contratas e subcontratas se acollen ao convenio do metal, de ámbito provincial e con distintas condicións en cada caso.

Algúns dos traballadores en folga Dominio Público CIG
Manifestación polas rúas de Vigo, este martes © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.