O Comité de Empresa de Urbaser de Compostela está valorando a convocatoria dunha convocatoria de folga indefinida nas próximas datas, por mor das negociacións do seu convenio e en solidariedade co paro que dende hai 15 días manteñen os traballadores e traballadoras de recollida do lixo en Lugo. O Comité, reunido en xuntanza extraordinaria polos despedimentos de 12 compañeiros lucenses nas últimas horas, trasladaralles a proposta ao conxunto dos empregados en Santiago, que adoptarán a decisión final.
A CIG denuncia que "ao igual que en Lugo" a empresa "o único que pretende é recortar dereitos para aumentar os seus beneficios a conta do persoal e a conta da cidadanía de Compostela”. Segundo o secretario comarcal da CIG-Servizos na capital galega, Roberto Alonso, a pesar de que a empresa reduciu nos últimos tempos os dereitos laborais dos traballadores e de que mesmo dous deles foron despedidos, Urbaser segue cobrando a mesma cantidade do Concello por realizar o servizo de recollida de residuos na cidade.
O Comité de Empresa sinala que "o que acontece en Lugo é unha mostra da actitude de Urbaser", que -din- "pretende amedrentar todas e todos os traballadores do grupo e nomeadamente aos de Compostela que, no proceso de negociación do convenio, se están negando a asumir os recortes de dereitos que pretende impor a empresa". Denuncia que Urbaser "está vulnerando claramente o dereito de folga" e advirte de que "malia a súa actitude, non vai conseguir intimidalos". “Todo o contrario, obríganos a dar un paso adiante na defensa dos nosos dereitos”, engaden. O Comité "lamenta" que unha vez máis "sexan os e as cidadás quen teñan que padecer esta loita pola avaricia duns poucos, nomeadamente Florentino Pérez", presidente de Urbaser.
Compostela xa viviu nos últimos anos un gran paro de recollida do lixo, en 2010. Daquela, o persoal de Urbaser permaneceu 13 días en folga
Compostela xa viviu nos últimos anos unha gran folga de recollida do lixo, en 2010. Daquela, o persoal de Urbaser permaneceu 13 días en folga, acadando unha suba salarial anual do 0,8%, un sábado máis libre ao mes, e a readmisión de tres persoas que foran despedidas. Tamén neste caso a actuación de Tragsa, contratada polo Concello, foi moi criticada. A súa intervención, recollendo boa parte das 720 toneladas de residuos acumuladas, forzou a decisión de abandonar o paro por parte dos traballadores, aínda que só despois de acadar boa parte dos obxectivos da folga. O pasado verán os traballadores ameazaron con convocar unha nova folga, xusto antes do 25 de xullo, pero que foi desconvocada antes do seu comezo, despois de que Urbaser asinase un acordo polo que se mantiñan os dereitos sociais que estaban xa acordados.
A folga enléase en Lugo
Urbaser despediu 11 traballadores e suspendeu de emprego e soldo durante dous meses outros 66, acusándoos de incumprir os servizos mínimos
Lonxe de albiscarse un final para a folga que dende hai 15 días manteñen os traballadores de Urbaser en Lugo, o conflito endurécese cada día máis. A empresa despediu este mércores 11 traballadores e suspendeu de emprego e soldo durante dous meses outros 66, acusándoos de incumprir os servizos mínimos fixados polo Concello. Os sindicatos esixen a readmisión dos despedidos para regresar á mesa de negociacións. Para a CIG, a actuación de Urbaser supón "dinamitar un conflito que xa estaba nun estado moi delicado". A central nacionalista pídelle ao Concello que tome "as medidas que corresponden, que non poden ser outras que a rescisión da contrata".