A frota do xeito leva a Bruxelas a defensa do seu modo de vida

Mobilización do sector do xeito ante o Parlamento de Galicia CC-BY-NC-SA BNG

Mobilizacións na rúa, iniciativas ante o Parlamento de Galicia e o Goberno central, alegacións ante as autoridades comunitarias e agora, directamente en Bruxelas. Representantes do sector do xeito trasládanse este mércores á capital comunitaria para, na propia Eurocámara, defender en primeira persoa a necesidade de que a prohibición das redes á deriva non inclúa esta centenaria arte de pesca, actualmente practicada por 427 embarcacións e da que dependen, segundo cálculos do sector, máis de mil postos de traballo, fundamentalmente na ría de Arousa.

A representante do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, encabezará durante dous días unha delegación na que catro patróns maiores, xeiteiros de Rianxo, Cambados, A Illa, Moaña e Redondela e mais o alcalde de Rianxo, vila na que o sector se concentra especialmente, exporán "a súa problemática ante as autoridades comunitarias". Trátase, explican, de que a UE teña en conta que "o xeito é a excepción ás redes de deriva clásicas, xa que son menores, os lances no mar son dunh ahora e os barcos teñen menor potencia". Asemade, traballan na sardiña, "unha pesquería na que apenas hai descartes" e sobre a que, ademais, existe "regulación galega específica".

O respecto polo medio ambiente e a sostibilidade do xeito serán algúns dos argumentos que serán expostos ante o presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Alain Cadec, e dos eurodeputados que están a elaborar os informes que determinarán a regulamentación comunitaria sobre redes á deriva, Renata Briano, da Comisión de Pesca, e Marco Affronte, da de Medio Ambiente. Ademais, a delegación galega contactará tamén coa Comisión Europea a través dun director xeral, Humbert Gambs, e do xefe da Unidade de Conservación e Control da Pesca, Fabrizio Donatella.

A xuízo de Ana Miranda a posible prohibición do xeito supón "unha verdadeira provocación formulada dende a ignorancia"

A xuízo de Miranda a eventual prohibición do xeito supón unha "verdadeira provocación, formulada dende a total ignorancia do que é" esta arte "e do que representa para a economía en moitas partes de Galiza, en particular nas rías de Arousa, Pontevedra ou Vigo. Neste contexto, e malia ao apoio unánime da Cámara galega ao sector, a Xunta "non fixo nada" por "corrixir esa ignorancia", xa que "tiña que ter informado á Comisión Europea sobre a existencia do xeito e do impacto dunha medida horizontal prohibitiva semellante". Pero o gabinete de Alberto Núñez Feijóo, lamenta, non figura entre os organismos que formularon alegacións neste proceso.

A viaxe da delegación de xeiteiros e patróns maiores prodúcese despois de diversos "contactos políticos" na Eurocámara por parte do Bloque. Sinala Miranda que xa mantivo "senllas xuntanzas" coa relatora Briano, "que está totalmente a favor de apoiar ao xeito, por tratarse dunha arte de pesca artesanal" e tamén co presidente da Comisión de Pesca, "quen transmitiu tamén o apoio ao sector do xeito galego porque considera que a proposta da Comisión non está fundamentada nin analizou o impacto económico dunha medida semellante".

Miranda, con traballadores do xeito CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.