A frota líbrase de todo o recorte previsto na pescada pero non da importante redución no xurelo

A ministra Tejerina, xunto a Rosa Quintana, informa o sector sobre a negociación © MAPA

Logo dunha longuísima negociación de máis de vinte horas, os ministros de Pesca da Unión Europea (UE) alcanzaron este mércores un acordo, por unanimidade, sobre as capturas e as cotas pesqueiras nas augas do Atlántico e o mar do Norte para o vindeiro ano 2018. O pacto chegou a primeira hora da mañá e a frota galega puido comprobar como se suavizou a tallada prevista para a pescada no caladoiro sur que propoñía a Comisión Europea: do recorte xeral do 30% pasouse ao 12%, segundo explicou a ministra de Agricultura e Pesca, Isabel García Tejerina. Pero non se librou da importante redución no xurelo. 

A negociación logrou reducir a tallada prevista para a pescada no caladoiro sur que propoñía Bruxelas: do recorte do 30% pasouse ao 12%

É o cuarto ano consecutivo con recortes para a pescada pero tamén unha "excepción" no acordo final, xunto co arenque, co que se logra adiar o obxectvo do Rendemento Máximo Sustentable da especie un ano máis. A redución prevista pola Comisión era pasar de 10.520 toneladas a 7.366, unha redución do 30%. Finalmente, os ministros pactaron unha cota para a UE de 9.257, 5.923 para o Estado español. 

Na pescada en augas do Norte, o recorte proposto era dun 19% (de 119.765 a 97.581 toneladas). Agora, a cota xeral queda en 104.996 toneladas e 31.499 para España, un recorte final do 7%. 

A ministra Tejerina recoñeceu que a "proposta durísima" da Comisión deu lugar a unha dura negociación tamén

A ministra Tejerina fixo unha "valoración positiva" do acordo tras recoñecer a "proposta durísima" da Comisión Europea, o que levou, dixo, a un proceso de negociación tamén durísimo. Segundo dixo, o resultado final dará "estabilidade á frota e ao empleo que leva asociado". 

Esta boa nova non é tanto no caso do xurelo, onde España non foi capaz de mudar a posición de Bruxelas. Así, a Comisión Europea non suavizou o recorte previsto do 24% en augas portuguesas e galegas (da zona de Fisterra ao Golfo de Cádiz), ao pasarse das 73.349 toneladas ás 55.555, con 14.773 para o Estado. 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recoñecía a "frustración" por non ter conseguido na negociación que se reducisen os recortes na cota do xurelo ao sur de Fisterra. No entanto, anunciou que a Xunta intentará minimizar este recorte con maiores posibilidades de transvasamento entre esta área e a do Cantábrico, que incrementou as súas capturas nun 21%. 

Bruxelas mantivo o recorte do 24% do xurelo en augas portuguesas e galegas

Porque si hai unha suba para o xurelo do 21%, tanto no oeste como nas augas do norte como no Gran Sol, e doutro 21% nas augas do Cantábrico, cunha cota dun total de 16.000 toneladas, a maioría -14-335- para España. "O incremento permítenos que no seu conxunto o xurelo se manteña nuns niveis similareas aos do ano pasado, compensando a baixada do xurelo sur", aclarou Tejerina. Precisamene, esta redución no chicharro xunto coa do 20% da xarda, na mesma zona, preocupa especialmente ao sector do cerco galego.

Para a conselleira Quintana, o resultado da negociación foi "satisfactorio en liñas xerais" ao partirse dunhas "condicións horribles". No caso da pescada, onde se evitou o drástico recorte previsto, a titular de Mar anima a "facer unha boa xestión dos recursos" e adiantou que vai tratar co presidente da federación nacionald e confrarías o intento por facer unha "xestión trimestral" dos recursos e poder así "ir axustando mellor o esforzo pesqueiro ás posibilidades". 

A Xunta propón transasamento entre áreas diferentes para minimizar a redución no xurelo e xestión trimestral coa pescada

En canto ao peixe sabo en augas ibéricas, mantense o recorte proposto pola Comision, do 2 %, de 3.955 a 3.879 toneladas, 3.296 para España; o seu veciño do Gran Sol e o Golfo de Biscaia mantén a cota do ano pasado, en 33.516 e 8.980 toneladas (1.231 e 1.368 toneladas para España), fronte a un recorte do 12 % proposto pola CE.

O acordo final non muda tampouco a proposta de Bruxelas para as meigas, cunha suba en augas ibérica, do 20%, e un recorte do 10 % no Gran Sol. A raia sobe un 15% tamén en augas ibéricas. En canto á anchoa do Golfo de Biscaia, mantense a cota de 2017, o que reflicte, segundo dixo a ministra "a plena recuperación do stock despois de anos complicados", cunha cota de 33.000 toneladas, 29.700 para España.

O bocarte do Golfo de Cádiz e augas dos Azores terá tamén en 2018 a mesma cota que este ano, 12.500 toneladas, 5.978 para o sector español.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.