A Galicia 'campiona' do déficit tamén esmorece

Feijóo, coa conselleira de Facenda © Ana Varela

"Galicia converteuse nunha das comunidades con menor déficit público do conxunto do Estado". "A comunidade galega achega o compromiso coas contas públicas, imos compatibilizar a redución do déficit público e un comportamento do PIB autonómico superior á media de España". "Estamos a executar o orzamento, estamos pagando aos provedores e estamos cumprindo o déficit". Estas e outras declaracións sucedéronse durante os últimos anos dende a Xunta para exemplificar o bo comportamento das finanzas galegas a respecto das do resto do Estado. Pero semella que a Galicia campiona do déficit comeza a esmorecer.

O Ministerio de Facenda vén de facer públicos os datos de déficit público correspondentes a novembro de 2013 e ao remate dese mes Galicia situou este indicador no -1,22% ou, o que é o mesmo, dúas centésimas por riba do obxectivo fixado polo Goberno central para todo o pasado ano. Malia estas cifras, que implican unha necesidade de financiamento de 671 millóns de euros, a Consellería de Facenda aseguraba, precisamente ao remate do pasado novembro, que "o Goberno autonómico volverá cumprir co obxectivo de estabilidade orzamentaria neste exercicio de 2013".

Galicia era a sexta autonomía con máis déficit en novembro e superaba en dúas centésimas o obxectivo anual

Co dato de novembro sobre a mesa e á espera de coñecer como rematou o ano, os datos ofrecidos polo departamento amosan que a administración autonómica galega non era nese momento, nin de lonxe, líder no cumprimento das súas obrigas financeiras. Ben ao contrario, Galicia era a sétima autonomía con maior déficit, a sexta se non se ten en conta a Navarra, toda vez que o seu calendario fiscal fai que o seu dato non sexa comparable coas demais. O liderado do que o propio presidente da Xunta presumiu sistematicamente non lle corresponde ao Goberno galego senón a Euskadi, cun -0,16%. Por baixo do 1% de déficit están tamén Asturias, La Rioja, Canarias, Balears, Castilla y León, Cantabria e Extremadura.

Déficit das autonomías a novembro de 2013
Murcia -2,3
Navarra* -2,19
Comunitat Valenciana -2,01
Catalunya -1,96
Aragón -1,58
Castilla-La Mancha -1,26
Galicia -1,22
Andalucía -1,13
Madrid -1,11
Extremadura -0,85
Cantabria -0,82
Castilla y León -0,66
Balears -0,54
Canarias -0,5
La Rioja -0,37
Asturias -0,28
Euskadi -0,16
TOTAL AUTONOMÍAS -1,26

No caso do déficit conxunto, que computa o da Administración central, o das autonomías e o da seguridade social, ata novembro chegou ata 55.841 millóns de euros, o que equivale a un 5,44% do PIB. Os datos estatais son algo máis dun 6% superiores aos do mesmo mes de 2012. A causa deste incremento é, segundo o Ministerio, a "evolución do gasto en xuros e as transferencias ás administracións da Seguridade Social, que presenta incrementos do 15% e do 24,9%, respectivamente".

Feijóo, coa conselleira de Facenda © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.