"A 'humanización' do capitalismo non foi máis que retórica"

Christian Felber CC-BY-NC-SA agirregabiria

"Toda actividade económica serve ao ben común". Así o asegura a Constitución de Baviera e outros textos legais de base e así o fixa en certa maneira o sentido común e as definicións da economía como a satisfacción das necesidades. Desa premisa nace o concepto de Economía do Ben Común que dende hai uns anos promove un grupo de economistas e algúns colectivos coma Attac. O seu autor, o austríaco Christian Felber, que converteu o libro homónimo nun best seller en todo o planeta, estivo este xoves en Compostela na Libre Software World Conference, onde ofreceu unha presentación do seu proxecto, que se converteu na ponencia máis celebrada na primeira xornada da conferencia.

Economía do Ben Común é unha anovada forma de sistema de mercado, unha caste de terceira vía entre capitalismo e a economía planificada, que propón que o afán de lucro como obxectivo das empresas se cambie polo obxectivo da procura do ben común e a competencia mude pola cooperación. E non só porque sexa máis xusto ou máis sostible senón porque a cooperación é máis eficaz que a competencia: "cítase sempre o mundo animal como referencia. Pero tamén no mundo animal se os león acaban con todas as cebras os leóns desaparecen", explica Felber, que propón abandonar estes xogos de suma cero: "eu gaño, ti perdes" e cambialo por un "eu gaño, ti gañas".

"Cítase sempre o mundo animal como referencia. Pero tamén no mundo animal se os león acaban con todas as cebras os leóns desaparecen"

Esta proposta vai moito máis aló de ser apenas unha declaración de intencións e inclúe unha proposta concreta para o funcionamento das empresas, para a xestión económica por parte dos poderes públicos e para a toma de desisións democráticas por parte dos cidadáns. De feito, xa son case mil empresas en toda Europa as que se adheriron a esta forma de facer, entre eles algunhas entidades de banca ética. E tamén varias ducias de concellos, un deles en España: Muro d'Alcoi (Alacante).

Felber denuncia que o sistema actual “non é sostible en ningún sentido" pois "se os indicadores monetarios son máis importantes que os indicadores ecolóxicos máis tarde ou máis cedo imos fracasar e fracasará o conxunto do sistema. Se os obxectivos monetarios impóñense aos valores relacionais pouco a pouco imos destruír o tecido relacional dos seres humanos". E conclúe: "se o éxito das empresas non ten en conta a protección dos mecanismos democráticos a democracia tamén se debilita". O economista cre que as voces que hai uns anos parecían apostar dende o sistema por unha "humanización" do capitalismo non pasaron de ser "unha tenra aurora retórica" pero "a realidade e as medidas concretas foron nunha dirección completamente contraria a esta retórica" pois "os bancos sistémicos están apoiando as industrias sistémicas e están quitándolles os cartos ás clases medias e baixas e redistribuíndoo ás elites".

O economista cre que as voces que hai uns anos parecían apostar dende o sistema por unha "humanización" do capitalismo non pasaron de ser "unha tenra aurora retórica"

A Economía do Ben Común parte da premisa recollida na Constitución de Baviera de que "Toda actividade económica serve ao ben común". Porén, hai ben pouco modificouse en España a Constitución para prohibir que o Estado tivese déficit, o que dificulta moito o cumprimento dese obxectivo. Para Felber "isto é síntoma dunha sociedade autoritaria e non democrática. Os que están facendo as regras do xogo son representantes elixidos democraticamente pero están traballando en contra da poboación". E engade que "nunha democracia limpa os cidadáns fan unha Constitución e os gobernantes deben acatala. Pero está sucedendo que son os parlamentos os que fan as constitucións e os cidadáns os que teñen que acatala".

Por ese motivo, a Economía do Ben Común incide tamén en cuestións politicas, e aposta por que a democracia representativa sexa completada pola democracia directa e a democracia participativa, sobre todo nas entidades locais que se comezaron a adherir ao proxecto. Nun mecanismo que enlaza cos orzamentos participativos e outras iniciativas de democratización da economia.

 

Aplicación práctica

A economía do ben común propón que estas empresas teñan un IVE reducido, taxas de alfándega reducidas, créditos con menor interese, e prioridade nas compras públicas

Estes economistas elaboraron unha completa matriz do ben común co obxectivo de medir en base a uns criterios en que grao se cumpriron os valores constitucionais. E en función diso clasificar as empresas poñerlles unha determinada puntuación, de cero a mil, das que as empresas poidan presumir e que sexa coñecida e comparada polos consumidores e clientes. Algúns dos criterios fan referencia ao respeto ao medio ambiente, ás relacións cos consumidores ou ao trato dado aos traballadores: por exemplo a Economía do Ben Común propón que dentro dunha empresa o maior salario nunca debería ser máis de 10 veces maior que o máis pequeno.

Para completar isto proponse que as empresas, colectivos sociais e administracións adheridas fagan presión ante os poderes públicos para que esta matriz de adopte como un estándar. Deste xeito, sería obrigatorio que todos os produtos indicasen a puntuación ética da empresa. E isto tería consecuencias prácticas para reverter a sítuación actual na que os produtos éticos ou de comercio xusto son máis caros. Así, a economía do ben común propón que estas empresas teñan un IVE reducido, taxas de alfándega reducidas, créditos con menor interese, prioridade nas compras públicas ou que se realicen con eles proxectos de cooperación coa investigación universitaria.

 

"O pequeno é fermoso"

A economía do ben común propón que se prohiba o canibalismo empresarial e a absorción dunhas empresas por outras. Felber denuncia que hoxe en día o sistema impón o crecemento ás empresas: “hoxe as empresas se non crecen desaparecen”

A economía do ben común propón que se prohiba o canibalismo empresarial e a absorción dunhas empresas por outras. Felber denuncia que hoxe en día o sistema impón o crecemento ás empresas: “hoxe as empresas se non crecen desaparecen”. E defende que “o crecemento é tan só un medio para aspirar ao tamaño óptimo. Unha vez que se acada ese tamaño, o crecemento debe ser cualitativo”. Esta filosofía enfróntase tamén aos oligopolios e ofrece un escenario no que actores máis pequenos cooperando e non competindo garantirán unha meirande liberdade de empresa e meirandes oportunidades para todos os actores.

Felber defende finalmente que "cómpre redefinir o éxito económico”

Felber defende finalmente que "cómpre redefinir o éxito económico”. E tamén mudar os grandes criterios de medición: o PIB e os beneficios polo Produto do Ben Común e a Achega ao Ben Común. O PIB e os beneficios mídense en cartos pero os cartos deben ser o medio da actividade económica, non o obxectivo final. E o éxito polo tanto na economía capitalista mídese no medio e non no obxectivo. "É coma se nunha granxa o seu éxito se medise no número de tractores e non na produción", di Felber. 

 

Matriz do Ben Común CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.