A irrelevancia da rebaixa fiscal de Feijóo

Feijóo, nun intre do debate © Conchi Paz

"Quedar ben e non gastar nada". O popular refrán ben podería ser aplicado ao anuncio estrela do presidente da Xunta no debate de política xeral do Parlamento. Esta é, en termos coloquiais, a conclusión á que chegan os expertos en materia fiscal consultados por este diario ao analizaren a rebaixa de medio punto do tramo autonómico do IRPF "para todos os que teñan unha base liquidable de ata 17.700 euros". Trátase dunha caste de reforma lampedusiana, con varios cambios fiscais que deixarán como estaban tanto os petos da cidadanía como as arcas públicas.

O escaso impacto da rebaixa vén dado, principalmente, porque chega despois do anuncio dunha suba de impostos, os que gravan os hidrocarburos e que incrementarán, por decisión da Xunta, 3,6 céntimos o litro de gasóleo e 2,4 o de gasolina. Segundo cálculos do propio Goberno, esa suba impositiva derivará nuns ingresos duns 53 millóns de euros anuais, unha recadación que, calcula o economista Manuel Lago, só é "algo superior á rebaixa do IRPF". Polo tanto, a primeira conclusión é que "en recursos para a Administración apenas hai cambios" porque "o que sobe a taxa de hidrocarburos" vai ser só un chisco máis do que se deixa de ingresar coa rebaixa.

A medida, combinada coa suba do imposto de hidrocarburos, deixará como están tanto os petos da cidadanía como as arcas públicas

Pero tampouco "hai ningún cambio en termos de renda dispoñible para as persoas", isto é, os cartos que a cidadanía ten no peto. "No mellor dos casos" haberá que deixar de pagarlle a Facenda uns 88 euros ao ano, se ben "coa base impoñible media a redución mensual do IRPF vai ser de 3 ou 4 euros ao mes". Deste xeito, quen encha o depósito do coche tres ou catro veces ao mes xa gasta sobradamente o que aforra na declaración anual da renda.

Impacto nulo nas rendas máis baixas

O segundo punto feble da medida é o seu escaso ou nulo impacto social, especialmente nas persoas con rendas máis baixas. Unha base impoñible de 17.700 euros correspóndese cun salario duns 25.000 euros anuais, pero isto non significa que todas as persoas que cobran menos desa cantidade vaian poder acceder a un novo beneficio tributario. Dado que as bases impoñibles por baixo de 9.500 euros ao ano non teñen obriga de facer a declaración da renda, "quen cobre menos de 15.000 euros" ao ano "xa non se beneficiará". Polo tanto, conclúe Lago, cando o presidente "di que afectará ao 70% da sociedade, é mentira".

As rendas máis baixas fican fóra da reforma porque non tributan ao IRPF, quen se poida beneficiar deixará de pagar "3 ou 4 euros ao mes"

Así as cousas, a idea de que as persoas con menos cartos verán paliada a súa situación económica en plena crise tamén decae. "Quen cobra o salario mínimo ou a maioría dos pensionistas galegos están fóra, porque están por baixo dos 9.000 euros", subliña Lago, quen lembra ademais que estas persoas "si van pagar o imposto de hidrocarburos, que sobe un montón, pero non se van beneficiar da outra reforma". Prodúcese, así, "unha redistribución inxusta da carga fiscal, cambiando impostos directos por indirectos e prexudicando as persoas con menos nivel de renda".

Por todos estes motivos o economista observa nesta operación un movemento puramente político. Feijóo, di, "non reduce os impostos" pero "introduce a mensaxe, tanto en Galicia como en España, de que os hai que". Isto é, ao seu xuízo, especialmente preocupante porque é unha mensaxe política que se reproduce mentres, paralelamente, "di que non ten cartos para a sanidade, para as bolsas ou para atender o gasto social".

Feijóo, nun intre do debate © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.