A lista de morosos pode acabar con 32 anos de secretismo sobre a renda

Cristóbal Montoro, durante o debate dos Orzamentos © Congreso dos Deputados

A reforma fiscal de Francisco Fernández Ordóñez aprobada en novembro de 1977 levaba aparellada a publicación das listas de contribuíntes, ordenados en función da súa renda e achega. Durou dous anos, e puidéronse coñecer as declaracións dos exercicios de 1977 e 1978, os primeiros do IRPF en España.

A lei sobre medidas urxentes de reforma fiscal dicía así no seu artigo 48: "A Administración, dentro do tres primeiros meses do exercicio económico seguinte a aquel en que se produciu a declaración, procederá a dar publicidade ás bases declaradas e cota ingresada polo Imposto Xeral sobre a Renda das Persoas Físicas e polo Imposto sobre Patrimonio". O pleno da Cámara aprobou o artigo con ningún voto en contra e 13 abstencións.

Despois de que se producise o secuestro de Luis Suñer en xaneiro de 1980 por parte de ETA, xa con Jaime García Añoveros á fronte do Ministerio de Facenda, o Executivo de Adolfo Suárez terminou cambiando de idea e o Congreso suspendeu a publicación das listas en 1981, coa promesa de substituíla por unha de defraudadores: estamos a finais de 2012 e aínda non se publicou por parte de ningún Goberno. Ao final farao Cristóbal Montoro?

O argumento utilizado para eliminar a publicación era que facilitaba unha ferramenta aos terroristas

O argumento utilizado entón, que xa saíu durante o debate parlamentario, era que a publicación das listas facilitaba unha ferramenta aos terroristas para a extorsión e secuestro dos empresarios. Iso si, durante dous anos foron públicas dous millóns de declaracións da renda que podían consultarse en deputacións e concellos.

A intención do Goberno era expor o que tributaban todos, "potenciar a creación do clima de sinceridade fiscal" e retrataba ás grandes fortunas do país. Por exemplo, coñeceuse que os máis ricos de España eran os Ruiz-Mateos, con 16.129 millóns de pesetas (96,94 millóns de euros), seguidos da familia Entrecanales Ibarra (11.099 millóns de pesetas, 66,71 millóns de euros) e os March (10.474 millóns de pesetas, 62,95 millóns de euros).

Anos despois, en 1985, a lei tributaria vetou o acceso a este tipo de datos, que terminaron converténdose en segredos. Este é un dos puntos fundamentais que terá que reformar o actual Goberno se quere, como anunciou Montoro este xoves no Senado, publicar a lista de morosos e defraudadores a Facenda. No entanto, para a cualificación de defraudador ha de haber unha sentenza, e as sentenzas son públicas.

Montoro lanzou esta nova idea despois de que as 31.484 declaracións presentadas na amnistía fiscal finalizada o 30 de novembro achegasen unha recadación de 1.191 millóns de euros, un pouco menos da metade do previsto polo Goberno (2.500 millóns de euros). Segundo publica elconfidencial.com, 1,7 millóns de morosos deben 8.348 millóns de Facenda.

 

Cristóbal Montoro, durante o debate dos Orzamentos © Congreso dos Deputados

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.