A metade da poboación galega xa centra a súa vida nas cidades

Vista parcial de Vigo, o concello máis poboado do país © Turismo de Vigo

O reequilibrio territorial e o freo ao despoboamento do rural son, a partes iguais, promesas recorrentes e materias pendentes dos sucesivos gobernos galegos. Todos os executivos que pasaron pola Xunta aseguraron procurar medidas para equilibrar o territorio ao tempo que se afanaban en alentar a necesidade de incrementar a poboación para que o país non vaia minguando aos poucos. Discursos á marxe, o certo é que o rural está cada vez máis despoboado e a poboación que vai quedando, máis concentrada, ata o punto de que o padrón municipal xa reflicte que o 70% da poboación se concentra en menos de 60 concellos. Non obstante, esta concentración é, na realidade, aínda maior.

Hai poucas datas o Instituto Nacional de Estadística (INE) fixo públicas as súas táboas de poboación vinculada baseadas nas cifras do censo de poboación e vivendas de 2011. A través deste indicador, deseñado para "dispoñer dunha mellor estimación da carga real de poboación que soporta un municipio", o INE mide a coñecida popularmente como poboación flotante, isto é, as persoas que teñen ligazón cun concello porque fan a súa vida cotiá nel, xa sexa porque viven alí, porque traballan ou estudan dentro das súas lindes ou porque pasan nel períodos de tempo máis ou menos prolongados ou recorrentes, tales como vacacións ou moitas fins de semana. Esta análise indica que as sete principais cidades galegas son aínda máis grandes do que parecen.

Arredor de 1,4 millóns de persoas desenvolven a súa vida cotiá nas sete cidades galegas

Atendendo ás cifras do censo as sete cidades sumaban en 2011 algo menos dun millón de habitantes. Non obstante, tendo en conta a poboación vinculada o número increméntase ata case chegar aos 1,4 millóns, o que implica que practicamente o 50% dos 2,8 millóns de persoas censadas en Galicia desenvolven a súa vida cotiá nalgunha delas, mentres que a outra metade se repartiría entre os 307 concellos restantes.

A cidade na que máis pesa a poboación vinculada é Compostela, que case duplica os seus habitantes

En termos absolutos o maior volume de persoas flotantes atópase en Vigo, que suma 77.937 ás 294.458 que recolle o seu censo. Non obstante, a cidade na que máis pesa a poboación vinculada é en Compostela. A taxa de vinculación -resultado de calcular a porcentaxe de poboación vinculada a respecto da residente- chega na capital galega ata o 176,95, toda vez que case duplica os seus habitantes se son tidas en conta as persoas que non residen pero fan vida alí. Os seus 94.614 son realmente 167.416, o que a converte na terceira cidade do país en poboación, só por tras de Vigo e da Coruña.

A segunda cidade na que máis pesa a poboación vinculada sobre o total é Pontevedra, con 40.000 persoas máis das 82.000 que reflicte o seu censo. A continuación sitúanse A Coruña (98.423), Ferrol (28.644), Ourense (40.842) e Lugo (30.632). A cidade na que menos pesa a poboación vinculada é, precisamente, a que máis ten en termos absolutos, Vigo. Tendo en conta estes datos a única cidade galega que ficaría por baixo das 100.000 persoas entre residentes e vinculadas sería Ferrol, cuxos 71.000 habitantes censados pasan a algo máis de 99.800 coa suma dos 'flotantes'.

Santiago é a cidade na que máis pesa a poboación flotante © Turismo de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.