A nova EPA dálle 1.000 parados menos ao bipartito e 4.000 máis a Feijóo

Feijóo, con Touriño durante o traspaso de poderes de 2009 CC-BY-SA Vieiros

Menor taxa de paro pero máis persoas en situación de desemprego. O método de cálculo dos resultados da Enquisa de Poboación Activa (EPA) vén de variar porque, de agora en diante, para elaborala téñense en conta as cifras de poboación do censo de poboación e vivendas do ano 2011 e non do 2001, como viña acontecendo ata agora. Baseándose neste novo criterio o Instituto Galego de Estatística (IGE) está a actualizar as súas bases de datos e ese proceso xa ofrece resultados como que a taxa de paro no cuatro trimeste de 2013 pasa do 22% ao 21,9%, pero tamén sinala, por exemplo, que as persoas que perderon o seu traballo en tempos da coalición de PSdeG e BNG foron menos e ás que lle aconteceu o propio dende 2009 ata a actualidade son algunhas máis.

O que é o principal indicador en materia de emprego reflicte, coa nova base de cálculo, que a finais do pasado ano había en Galicia 280.900 persoas desempregadas e non 277.800, como indicaba o método vello. Trátase, polo tanto, dunha variación de 3.100 persoas. Tamén existen cambios, aínda que menos relevantes, ao observar o terceiro trimestre de 2009, o primeiro gobernado integramente polo gabinete de Alberto Núñez Feijóo. Ata agora a EPA indicaba que os conservadores tiñan 168.400 parados e paradas no inicio do mandato e realmente eran 167.600, isto é, 8.000 menos.

Coa nova base de cálculo ao bipartito corresponderíanlle 46.700 parados e ao actual Goberno, 113.300

Tomando como referencia estes valores é posible calcular que no tempo en que lle leva correspondendo a Feijóo comandar o Goberno galego o continxente de persoas en situación de desemprego incrementouse en 113.300 persoas e non en 109.400, como indicaba a EPA anteriormente. Isto querería dicir, dando por boa a dialéctica de que os parados e paradas son responsabilidade do Goberno autonómico de quenda, que ao actual Executivo lle corresponden case 4.000 parados e paradas máis das que se calculaban ata agora.

As novas táboas tamén provocan variacións nas cifras de desemprego que PSdeG e BNG atoparon ao chegar ao Goberno. A EPA agora indica que no cuarto trimestre de 2005 había 114.400 persoas no paro, 1.000 menos, e que no segundo trimestre de 2009 esta situación afectaba a 161.100 persoas, 1.100 menos que as calculadas coa base de 2001. Así as cousas, cumpriría asignarlle ao bipartito 46.700 parados e paradas e non 47.900, polo tanto, 1.200 menos.

Milleiros  Base 2001 Base 2011 DIFERENZA
2005/IV 114,3 114,4 0,1
2009/II 162,2 161,1 -1,1
DIFERENZA 47,9 46,7 -1,2
2009/III 168,4 167,6 -0,8
2013/IV 277,8 280,9 3,1
DIFERENZA 109,4 113,3 3,9

Diferenzas na ocupación

A nova EPA tamén dá lugar diferenzas nas cifras de ocupación en Galicia en ambos períodos. Segundo a base de cálculo de 2001 o bipartito comezara o seu mandato con 1,1 millóns de persoas con traballo e rematárao con 10.000 máis. Atendendo ao novo método ese período de goberno comezou cunhas 100 persoas menos ocupadas e rematou cunhas 5.500 máis, polo que o balance total foi que no segundo trimestre de 2009 había 15.600 persoas máis traballando que no remate do mandato do Executivo de Fraga, que vicepresidía Feijóo.

O novo cálculo indica que en Galicia hai 10.200 persoas ocupadas máis

No que atinxe ao actual Executivo as cifras de ocupación tamén fluctúan cos novos datos de base. Ata o momento considerábase que no terceiro trimestre de 2009 había traballando en Galicia 5.100 persoas menos das que considera o novo cálculo, segundo o cal a finais de 2013 a poboación ocupada era de un chisco máis dun millón de persoas e non 987.300, como indicaba o método antigo. Así as cousas, o balance dos cinco anos de Feijóo serían 153.600 persoas ocupadas menos e non 163.800, como reflectía a EPA ata o momento. 

Feijóo, con Touriño durante o traspaso de poderes de 2009 CC-BY-SA Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.