A parálise industrial chega ao Parlamento mentres a Xunta se aferra a Corcoesto e Pemex

Protesta contra a mina de Corcoesto, este mércores ante o Parlamento CC-BY-SA Merixo

Pemex e unha mina en Corcoesto a cambio de Alimentos Lácteos e Pescanova? As sucesivas malas novas para o sector industrial galego chegaron este mércores ao Parlamento de Galicia. Boa parte das preguntas da oposición ao Goberno tiveron como argumento a preocupación polas grandes empresas e a súa relación co país, xa sexa porque están a padecer serias dificultades ou porque o Goberno está a poñer nelas boa parte das súas expectativas para a saída da crise. Pola banda do Executivo confíase en que investimentos chegados da outra beira do Atlántico, xa sexa de Canadá ou de México, traian desenvolvemento a Galicia mentres cingue a cuestións "privadas" o incerto futuro da multinacional pesqueira ou da factoría láctea de Outeiro de Rei.

A presente quedará para a historia como "a época que viu a desaparición das grandes empresas galegas", advertiu o socialista José Ramón Val, en cuxa opinión "non temos goberno" mentres "Galicia vai camiño de converterse nun deserto industrial". "En moitos casos trátase de empresas que forman parte da nosa biografía colectivo como país" e que pasan a ser "parte visible dun desmantelamento" industrial que xa leva "destruídos máis de 62.000 empregos". Val pregúntase "que xestión" está facendo, por exemplo, para procurar evitar a caída de Pescanova, unha cuestión que para a conselleira do Mar resulta "un pouco precipitada".

A Xunta censura que a oposición "tente culpar o goberno de todos os males da industria"

O PSdeG "fai unha explicación pesimista e tenta culpar o goberno de todos os males que ten a industria" cando "tanto o presidente como todo o seu Goberno o único que facemos é traballar todos os días para levar este país adiante", di Quintana. Sobre o caso concreto de Pescanova, e malia á posición mantida polo propio PP en lexislaturas anteriores, a conselleira coida agora que á Xunta "non se lle poden pedir" que "tome medidas onde non temos nin responsabilidades nin posibilidades". O único que pode facer o gabinete de Feijóo, di, é pedir que a empresa "achegue as súas contas auditadas á CNMV para que se poidan tomar as decisións convenientes".

E do mar á terra para falar doutra crise, a de Alimentos Lácteos. A compañía que herdou a fábrica de leite Pascual en Outeiro de Rei cun importante sustento económico da Xunta -uns nove millóns de euros en axudas- ten un futuro incerto e, mentres os seus traballadores se manifestaban no exterior, a voceira do BNG en materia agraria, Tereixa Paz, cuestionaba o conselleiro de Industria, Francisco Conde, sobre "como ten pensado garantir" a recollida de entre 150 e 200 millóns de litros de leite ao ano que cómpren para que a fábrica sexa viable. Segundo Conde a Xunta está "tentando concretar os esforzos para a actividade e unha axeitada resposta á débeda" da empresa e "concretar un plan de negocio". A resposta, censura Paz é "idéntica" á expresada polo IGAPE en febreiro, na súa opinión, "nada de nada".

Alimentos Lácteos recibiu nove millóns en axudas do Goberno

Segundo o titular de Industria "temos que ser prudentes na avaliación do plan de negocio" se ben a Xunta "non escatimará ningún esforzo na procura dunha solución duradeira para Alimentos Lácteos" e o seu "futuro produtivo". "As cooperativas deben continuar esforzándose por concentrar a oferta e chegar con ela ao consumidor" no marco de "proxectos rigorosos e viables, con socios comprometidos e solidarios". Se isto acontece, asegura, "seguirán a contar co apoio do Goberno galego".

As expectativas

E xunto ás crises, as expectativas, especialmente elásticas no caso dos posibles pedidos da petroleira mexicana Pemex. "Existe unha data concreta na que se vaia iniciar o traballo deses buques?", preguntou o socialista José Luis Méndez Romeu, quen constata que "a día de hoxe non hai un só traballador contratado" en Barreras ou Navantia "para levar adiante eses proxectos", o cal non fai máis que engadirse "a outras promesas fallidas". Segundo Conde, será neste "primeiro semestre" cando "a alianza con Pemex avance e dea un novo impulso ao sector naval galego".

"A día de hoxe non hai un só traballador contratado" para iniciar os proxectos de Pemex, subliña o PSdeG

Ese é o único horizonte temporal que ofrece o conselleiro mentres "confía" en que "a alianza avance e lle dea un novo impulso ao sector co inicio da construción de dous floteis" e "coa posibilidade de renovar flota menor e con posible investimento" en empresas navais galegas. Neste contexto, di, os "prexuízos bastante importantes" poden chegar non pola tardanza ou incerteza das eventuais encargas, senón polas críticas da oposición, que chegan a "danar a imaxe de Galicia e do noso sector".

AGE e BNG ven en Corcoesto un exemplo de "expolio" e "colonialismo"

O Goberno tamén fía parte das súas expectativas á controvertida mina de Corcoesto. O que para Antón Sánchez, de AGE, responde ao "modelo clásico de expolio nos países do terceiro mundo" e para Carme Adán, do BNG, a un exemplo de "colonialismo" é para o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, é un proxecto presidido polo "rigor" e unha "oportunidade de desenvolvemento sostible", por iso "apostamos por el, faltaría máis", di.

Entre esixencias de "desculpas" pola increpación de Xosé Manuel Beiras a Feijóo Hernández gabou a "transparencia" que guiou, asegura, a declaración de impacto ambiental da mina e gosou as "obrigas" que terá a multinacional canadense Edgewater, tales como "adecuar a zona para que se poidan recuperar usos tradicionais" ou "financiar a xestión de residuos". "Non xoguen co alarmismo", esixe o conselleiro, que "garante a integración paisaxística" da explotación e un "estrito control sobre a calidade dos vertidos para que dende o punto de vista técnico sexan perfectamente compatibles co nivel de calidade ambiental existente na zona".

Conde, nun intre do pleno © Xunta
Hernández, durante o debate parlamentario © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.