A patronal eólica carga contra a Xunta e Madrid por levar o sector ao bordo da desaparición

Parque eólico © Xunta

A patronal eólica carga contra a Xunta e o Goberno central aos que acusa de pór en risco o sector, que asegura está xa "ameazado por unha grave crise logo das normas implantadas pola Administración central e por determinadas prácticas do Executivo autonómico". Por iso, vén de instar por carta a sesenta e seis gobernantes galegos "para que exerzan a defensa do sector" e promovan a interposición dun recurso de inconstitucionalidade en contra do Real Decreto Lei 2/2013 de medidas urxentes no sistema eléctrico e no sector financeiro.

A carta vai dirixida ao presidente Feijóo, aos portavoces dos grupos parlamentarios, do Congreso e do Senado e a todos os congresistas e senadores

A Asociación Eólica de Galicia (EGA) dirixiuse por escrito ao presidente da Xunta, aos portavoces de todos os grupos parlamentarios, do Congreso e do Senado e a todos os congresistas e senadores galegos para alertar dunha grave situación que levan meses denunciando. A patronal, que agrupa 32 compañías, cre que "tanto a lexislación como decisións gubernativas están a situar ao sector ao bordo da viabilidade" e recorda que actualmente Galicia ten instalados 3.289 megavatios e que "hai unha cantidade similar outorgada no último concurso da Xunta pero de moi difícil implantación nas circunstancias presentes".

EGA advirte que hai uns 3.300 megavatios outorgados en Galicia pero "de moi difíciil implantación nas circunstancis presentes"

As circunstancias presentes son a anterior suspensión temporal das primas ás renovables, a inseguridade xurídica provocada pola paralización dun concurso anterior que a Xustiza acabou por declarar legal e o real decreto lei de medidas urxentes no sistema eléctrico e deu un pau que sentencia case de vez o potencial económico que os muíños de vento tiñan no país. Por iso, piden a estes máis de sesenta políticos galegos que promovan  un recurso de inconstitucionalidade contra o devandito real decreto.

A patronal acusa o Ministerio de Industria de levar a cabo "unha política enerxética totalmente improvisada, errática e incoherente

"A mensaxe é semellante en todos os casos: información sobre a gravidade da crise do sector eólico galego e invitación para que presenten recursos de inconstitucionalidade contra o citado real decreto lei", explica a EGA no comunicado, logo de acusar o Ministerio de Industria de realizar "unha política enerxética totalmente improvisada, errática e incoherente, que pretende facer responsable ao sector eólico do déficit de tarifa, mediante unha continua e sorprendente campaña pública de descrédito".

Ademais, a patronal sostén que o Real Decreto Lei 2/2013 contén "vicios de inconstitucionalidade, xa que atenta gravemente contra a seguridade xurídica do sistema, contra o principio de confianza lexítima e contra a expressa irretroactividade das normas". Ante o carácter "tan nocivo" desta norma, EGA asegura que "non só está en risco a viabilidade económica de bo número de instalacións en funcionamento, senón o futuro do concurso eólico actualmente en tramitación".

"Non só está en risco a viabilidade económica das instalacións en funcionamento, senón o futuro do concurso eólico en tramitación"

Ademais, lamenta que se levase a cabo desde as diferentes administracións conservadoras "unha campaña pública de descrédito do sector xustamente cando o consumidor percibe o positivo efecto que a xeración eólica tivo na recente baixada do prezo da luz".

A patronal xa advertira hai unhas semanas que a nova medida pode costarlle aos parques eólicos do país perto de 400 millóns de euros de aquí a 2020. As perdas inmediatas, incluíndo o incremento da fiscalidade, poden elevarse ao 40%, segundo a propia EGA, pero tamén segundo advirten expertos como Rosa María Regueiro, doutora en Economía pola Universidade de Santiago, profesora de Economía Aplicada da UdC e autora d'A propiedade do vento galego. "É un parón brutal para o sector porque se cambia o marco de partida que había cando se aprobou o último concurso eólico; ademais, afecta moito máis agora, sobre financeiramente, porque acceder ao crédito é moi complicado", aclara.

Zonas como Ferrolterra son o exemplo claro do esmorecemento do sector en Galicia. Segundo datos da propia patronal eólica, foron arredor de 1.500 os empregos destruídos durante os últimos cinco anos tan só nesta comarca, á marxe dos que tamén desapareceron noutros puntos de Galicia, especialmente no norte da provincia de Lugo.

Parque eólico na comarca do Ortegal CC-BY-SA Oleg Zaytsev

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.