A patronal galega cre que a 'licenza exprés' para o comercio "non resolve problema ningún"

Comercios na rúa Real da Coruña CC-BY-NC-ND underthemoonjp

O Consello de Ministros aprobou a eliminación das licenzas municipais previas para a apertura de pequenos comercios cunha superficie inferior a 300 metros cadrados, unha iniciativa que o Goberno central non descarta aplicar a locais maiores e a outro tipo de actividades.

“Aprobamos un mínimo común denominador para todos os concellos, pero as comunidades autónomas poden ir ampliando e desde logo o Goberno irá revisando a súa entrada en vigor e o seu funcionamento para poder ir xeneralizando este sistema", sinalou a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

A medida está pensada en principio para locais de menos de 300 metros cadrados, aínda que o Goberno estará "moi pendente" do seu funcionamento para poder ampliala a locais maiores e a outro tipo de actividades das previstas no Real Decreto-Lei.

"A medida é boa, pero non é panacea ningunha; non se pode vender como algo salvador"

Para a patronal galega do comercio, “todo o que sexa axilizar a apertura de comercios é bo”, pero aclara que a medida “non é algo que vaia resolver problema ningún” do sector. “Abrir un local non era tan difícil; de feito as licenzas dábanse ao cabo dun ano, pero había posibilidades de montalo de forma provisional”, asegura José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio.

“É unha medida que está ben, pero non é ningunha panacea, porque nin creará emprego nin aumentará o consumo. Non se pode vender como algo salvador”, insiste Seijas, ao que de verdade lle preocupa, como ao resto do sector, é “a intención de liberalizar os horarios”. “Iso si que é preocupante, porque os pequenos comercios xa podemos abrir o que nos dá a gana; o que se pretende é liberalizar os horarios das grandes superficies, o que desertiza o noso sector”, engade.


 

 

"O que é preocupante é a futura liberalización dos horarios", denuncia a patronal galega do comercio

“O problema que temos cos grandes centros comerciais si que é importante”, insiste Seijas, que advirte da grave crise que atravesan os pequenos locais en toda Galicia e que pon como paradigma o caso da Coruña, un lugar “onde se descontrolou a oferta e a demanda ante a proliferación de grandes espazos comerciais”. “Ata as grandes cadeas pasan agora problemas debido ao abuso de centros comerciais”, denuncia, malia confiar na palabra da Xunta de que, en caso de liberalizárense os horarios, o país “manterá a normativa actual”. “De todos os xeitos, todo dependerá de como se redacte a norma e se afecta tamén á normativa autonómica ou non”, advirte.

Mentres, a vicepresidenta do Goberno destacou que a licenza exprés é unha medida que busca cambiar a cultura administrativa, liberalizar o comercio, simplificar os procedementos, axilizar os trámites e acabar coa burocracia, pero sobre todo, segundo dixo, apoiar a todos os emprendedores que, nestes momentos de crises, deberían ter a "alfombra vermella" da Administración para abrir e non dificultades para poder sacar adiante o seu negocio e os seus postos de traballo.

Segundo a clasificación estatal de actividades económicas, o ámbito de aplicación desta norma esténdese no comercio minorista e afeta a unha gran parte de actividades.

 

Comercios na rúa Real da Coruña CC-BY-NC-ND underthemoonjp

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.