A patronal galega do comercio úrxelles aos gobernos medidas para reactivar o consumo

Comercios na rúa Real da Coruña CC-BY-NC-ND underthemoonjp

Uns 60 euros. É a cantidade que a Federación Galega de Comercio calcula que cada cidadán do país gastará nas rebaixas que empezaron de maneira oficiosa neste luns 7 na maioría dos establecementos, pero que a nova lexislación en vigor permitiron adiantar, tal e como fixeron moitas tendas tamén. A medida disgusta o presidente da patronal, José María Seijas, que cre que "acaba prexudicando o comerciante e desorientando o consumidor". "Agora non se sabe cal é o momento propicio para ir mercar", insiste.

A patronal do comercio galego confórmase con repetir a facturación do ano pasado, pero esa é unha expectativa "optimista"

Para Seijas, as expectativas para o pequeno comercio non son moi boas. "Levamos 28 meses seguidos de baixadas na facturación e nese mesmo contexto é no que se van desenvolver este ano as rebaixas", asegura o presidente da patronal, que "sendo optimista" agarda alcanzar unha cifra de negocio "semellante á do ano pasado", o que en Galicia suporía entre 80 e 85 millóns de euros. "Xa non estaría mal", advirte.

Porque a Federación Galega de Comercio non é optimista. Sabe dos rigores da crise e é consciente de que a reactivación do comercio (especialmente do máis pequeno), depende só do incremento do consumo e, xa que logo, da recuperación do emprego e da economía das familias. "Nestes momentos, as vendas son baixas porque todo sobe, seguen os recortes, continúa o desemprego e a economía das familias é a que é; é normal que a parte destinada ao consumo se resinta", explica.

A Federación Galega de Comercio urxe a que se tomen medidas de crecemento, antes que as propias para o sector

Precisamente por isto, José María Seijas cre que, aínda que son urxentes medidas para mellorar a competitividade do pequeno comercio galego, sono aínda máis necesarias as que afectan a economía doméstica. "Agora mesmo, o que hai que esixir non son medidas propias para o sector, senón resolver o problema do consumo e para lograr iso hai que diminuír a taxa de paro e crear emprego para que as familias melloren a súa economía e poidan consumir máis; é algo obvio", engade, reclamando políticas de crecemento que reactiven as economías domésticas.

Aínda así, tamén ten claro que as medidas aplicadas polas administracións nos últimos tempos en nada favorecen a un pequeno comercio que entre 2006 e 2011 sufriu unha media de 3.000 peches anuais. A liberalización dos horarios e a posibilidade de apertura os domingos acaba por sacrificar os establecementos máis humildes fronte a unhas grandes áreas comerciais claramente favorecidas. "Eses grandes centros foron os que máis presionaron para esta liberalización, que non favorece nin os pequenos nin os medianos; por traballar máis non se vende máis, senón maís repartido, pero abrir máis horas si que orixina máis gastos", lembra Seijas, que censura con dureza "estes políticos do Goberno central que pensaban que isto podía ser unha solución cando para nada o é".

José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio © FGC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.