Galicia rematou 2017 cunha levísima suba do paro a respecto do trimestre previo e cun notable descenso do desemprego con relación ao remate do ano previo. Foron, concretamente, unhas 22.100 persoas desempregadas menos, segundo a última actualización da Enquisa de Poboación Activa (EPA). No entanto, isto non quere dicir que haxa 22.100 persoas máis a traballar no país que doce meses antes. Ben ao contrario, a poboación ocupada aumentou no mesmo período en 6.200 persoas. As case 16.000 persoas restantes deixaron de ser poboación activa; isto é, desapareceron dun mercado laboral que segue lastrado pola crise demográfica e no que a perda de poboación se asenta como factor que incha uns números da caída do paro que non se traducen en dinamismo no emprego.
Aínda que os grandes números do desemprego en Galicia están cada vez máis próximos aos do inicio da crise económica -a cifra total de paro en termos EPA, os homologables a nivel internacional, xa rolda a de 2010- o panorama xeral é ben diferente. Así o acredita unha ollada ata o ano previo ao estourido da recesión, o 2007, cando no mercado laboral galego o ritmo de baixada do paro comezaba a descender pero aínda se creaba emprego -ata 40.000 persoas máis empregadas no segundo trimestre daquel ano- e a poboación activa aumentaba a un ritmo moi próximo ao incremento da ocupada.
A maior parte da baixada do paro coa que rematou 2017 non pode explicarse coa creación de novos postos de traballo
Dende finais de 2008 o paro disparouse con incrementos interanuais de máis de 50.000 persoas e nese punto crítico comezou o devalo da poboación activa, isto é, a suma de persoas con traballo e mais das persoas que procuran un emprego. Tras unha breve paréntese entre comezos de 2011 e mediados de 2011 o descenso volveu, amorteceu moi lixeiramente en 2016 e retornou novamente en 2017, ano no que a caída do paro acelerou outra volta, pero a creación de emprego comezou a frear. Deste xeito, a maior parte da baixada do paro xa non se explica agora pola creación de novos postos de traballo.
A ligazón entre esta evolución do mercado laboral e a crise demográfica do país reflíctese na análise da poboación activa por grupos de idade que desenvolve o Instituto Galego de Estatística. Durante a última media década o único sector da poboación activa que rexistrou un crecemento sostido no tempo foi o das persoas maiores de 55 anos, isto é, o que agrupa a quen se achegan á xubilación. Mentres, a combinación de baixa natalidade e emigración fixo descender a mocidade en idade de traballar a un ritmo interanual de ata 10.000 persoas. A caída aínda foi maior entre a poboación de 25 a 54 anos, con retrocesos interanuais dunhas 20.000 persoas por trimestre que aínda continúan.
Nun contexto de difícil inserción laboral remontou a poboación moza que continuou a cursar estudos máis alá dos 18 anos
Mentres a perda de poboación activa tende a consolidarse como un dos principais problemas do mercado laboral galego, a inactiva aumenta e faino sobre todo pola banda das persoas maiores de 55 anos, que chegan a ser xa máis de 804.000 en situación de inactividade, unhas 2.000 máis que no remate de 2016 e e case 50.000 máis que contra o final de 2009, cando comeza a serie estatística actualizada polo IGE.
Ao contrario do que sucede entre a poboación activa, nestes últimos anos si aumentou a poboación moza en situación de inactividade. Os datos acreditan que a difícil inserción laboral empurrou unha parte deste sector da poboación cara á formación -das case 137.000 persoas inactivas de entre 16 e 24 anos, só 8.000 non están a cursar estudos-, unha circunstacia que está tamén ligada á notable redución do abandono escolar temperán.