A perda do contrato dos gaseiros volve colocar Navantia ante o abismo

Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia

Navantia asómase ao precipicio. Os armadores Knutsen e Elcano encargáronse de confirmar a pasada semana que o contrato dos gaseiros co que xa contaban os traballadores executarase finalmente en estaleiros asiáticos, polo que as plantas da ría de Ferrol verían outra vez como quedan sen a carga de traballo que levan reclamando anos. Segundo adiantaba El Mundo hai xa uns días, a empresa estatal quedaría fóra do concurso, tal e como confirmaban despois os propios armadores implicados, que insistían en que os buques serían construídos en Corea do Sur e Xapón. No entanto, a compañía non se dá por enterada e asegura que segue "traballando para conseguir o contrato", que din que "aínda non está decidido".

Os armadores confirman que os gaseiros se construirán en Asia mentres Navantia continúa a alimentar a esperanza

Xa que logo, e agás un xiro inesperado, serán estaleiros asiáticos os que construirán os catro gaseiros encargados por Repsol e Gas Natural ás dúas navieiras. Outro golpe máis para o sector e outro golpe máis para Ferrolterra, farta xa de promesas incumpridas e de reclamar unha carga de traballo que non chega.

Incluso o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, pediu "explicacións inmediatas" a Navantia e advertiu que, de confirmarse a perda deste novo encargo, o presidente da compañía "tería mentido a todos os ferroláns". "Creo que teremos que empezar a falar de responsabilidades políticas", dixo o rexedor, que volveu cargar con dureza contra a cúpula directiva da firma.

"Só hai unha incompetencia superior á de non conseguir este contrato e é a incompetencia de non sabelo e non transmitilo á opinión pública", insistiu Rey Varela, que contraatacou ás acusacións do presidente de Navantia cando falou da produtividade dos traballadores da ría ferrolá. "Cando se acalre a situación haberá que ver cal é a súa produtividade", díxolle.

O alcalde de Ferrol pide "explicacións inmediatas" a Navantia e volve cargar contra a cúpula directiva da empresa estatal

A resposta dos traballadores xa estaba prevista, pero este novo golpe endurecerá máis aínda as mobilizacións. O persoal de Navantia en Fene e Ferrol está chamado a se mobilizar mañá martes, día 19, cunha concentración no exterior dos estaleiros públicos. O día 26, concentraranse ás portas do Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela. O día 28 pecharanse na factoría ata as 18 horas e visitarán o pleno do Concello de Ferrol, o 29 de novembro participarán nunha manifestación comarcal en defensa do emprego, o 1 de decembro manifestaranse tamén en Ferrol e o día 5 haberá asembleas nos centros, un día despois da previsible presentación do plan da empresa.

Os traballadores volven mobilizarse desde este mesmo martes e advirten das promesas incumpridas por Xunta e Goberno central

Os sindicatos lembran que esta nova decepción chega logo de que o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, asegurara á Junta de Andalucía o contrato dos gaseiros e carga de traballo para as factorías de Andalucía e Galicia. Pero antes tamén dixera que a chapa dos prometidos floteis de Pemex se cortarían en marzo deste ano -a empresa mexicana volveu adiar a súa adxudicación- e logo de que o propio Executivo confirmase a imposibilidade de realizar o dique flotante. Todo unido a un levantamento do veto polo que xa nin se pelexa e por un investimento en I+D+i que tampouco chega.

Por todo, levan tempo solicitando a dimisión do presidente de Navantia e a asunción de responsabilidades políticos por parte de cargos do PP que, desde a Xunta, desde o Goberno central ou desde o Concello, continúan a incumprir promesas unha e outra vez. Dos floteis ao dique flotante, pasando polos gaseiros.

Marcha do naval ferrolán pola ría © Susete Ferrol
Estaleiros de Fene e Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.